Saltar navegación

Lectura 2: Dafne convértese en loureiro

 

O poeta latino Ovidio publicou contra o ano 8 d.C. As Metamorfoses, unha obra que contén múltiples historias da mitolóxica clásica, en especial aquelas que implican transformacións das deusas e dos deuses. Un dos episodios é a transformación de Dafne nun loureiro. Dafne é unha ninfa dos bosques, do cortexo de Diana, orgullosa da súa virxindade, de quen se encapricha o deus Apolo, fillo de Xúpiter:

Architas. Apolo e Dafne


“Cupido tomou da alxaba dúas frechas contrarias
unha o amor escorrenta, provócao a outra.
Aquela que o provoca é de ouro, a punta reloce.
Aquel que o escorrenta é roma, e a punta de chumbo.
Esta cravouno en Dafne, en troques o outra
penetra en Apolo furándolle até o miolo dos ósos.
Moitos outros antes pretenderan a Dafne; ela desbotounos.
Indiferente aos homes percorre as recónditas fragas.
Apolo faise ilusións, traizóano os seus vaticinios.
Como arden as sebes cando algún camiñante
o facho de máis lles arrima, así se inflama o deus.
Ve nos ollos de Dafne lampos de luz semellantes a estrelas,
ve os seus beizos e velos xa non lle abonda;
goréntanlle as dedos, as mans e os pulsos,
os brazos espidos e aínda mellor imaxina o tapado.
Foxe ela, veloz como a brisa lixeira.
«Agarda, ninfa, non son inimigo que acosa.
Foxen así a ovella do lobo, a cerva do león. É por amor que te sigo.»
Fuxindo, aumentaba a súa beleza. Xa non soporta o deus renunciar aos aloumiños,
das ás do amor axudado é máis veloz, achégase ás costas da presa
e búfalle xa nos cabelos que caen polo colo.
Ela sen folgo acoraba e di, ollando as augas do río Peneo,
«Préstame amparo, pai! Destrúe esta beleza que tanto namora!»
Apenas remata a pregaria, medra en forma de fronde o cabelo,
os brazos de pólas, os pés fincan con grosas raíces.
Ámaa Apolo aínda así e coa man pousada no tronco,
sentiu latexar aquel corazón baixo a cortiza.
Aperta cos brazos as pólas como se fosen de carne.
Beixos dá na madeira e rexeita a madeira eses beixos.
«Como non podes ser a miña esposa», díxolle Apolo,
«a miña árbores serás. Sempre estarás no meu cabelo e na miña cítara.»”


  1. Cal é a reacción de Apolo ao rexeitamento de Dafne? Desanímase a medida que a persegue?
  2. Que paradoxo encerra a beleza de Dafne?
  3. Como remata o relato? Consegue Dafne o seu propósito?
  4. Que tópicos do amor romántico se conteñen neste relato mitolóxico?
  5. Este mito, como moitos mitos clásicos, pode xustificar a violencia de xénero. Que situación de violencia encobre o mito de Apolo e Dafne?