Saltar navegación

Actividades de ampliación

 

A violencia de xénero é unha das mostras máis evidentes e dramáticas de discriminación cara a muller na nosa sociedade. Se cadra quererás seguir reflexionando sobre ela con estas actividades:

  1. Como vimos, só en Galiza prodúcense máis de cinco mil denuncias anuais por violencia de xénero. Pouco máis de dúas mil mulleres son protexidas. Procura na Lei galega sobre violencia de xénero as medidas de protección coas que contan? Investiga e analiza se son efectivas e/ou suficientes as medidas de atención e o número de mulleres atendidas. Ocórreseche algunha outra medida de protección ás vítimas? Facede as vosas propostas e enviádeas á Secretaría Xeral de Igualdade.

2. Nos últimos tempos estendeuse a opinión de que as vítimas de violencia de xénero contan con moitas axudas públicas. Procurade as medidas de atención específicas para vítimas de violencia de xénero e elaborade un cadro que as resuma. Hai outros colectivos que reciban esas mesmas axudas ou similares? Poden ser discriminatorias as axudas a vítimas de violencia de xénero? Que finalidade teñen?

3. Como consecuencia da sentenza sobre o caso de “A Manada” que relatamos na pregunta 3 do “Para Reflexionar” producíronse mobilizacións masivas nas principais cidades españolas. Xurdiron lemas como “Irmá, eu créote”, “Non é abuso, é violación” ou “Non é non”. Esta indignación foi causada especialmente polos avogados defensores de “A manada”, que quixeron cuestionar o papel da vítima, culpabilizándoa de ter provocado a agresión e mesmo poñendo en dúbida as secuelas. Paréceche lóxico que se pida ás vítimas dunha violación que demostren o seu rexeitamento ou que teñan que estar tristes?

 

4. A vaga de indignación estendeuse ás redes sociais. Xurdiu en Twitter o cancelo #cuéntalo, que xerou case 3 millóns de chíos en dúas semanas. No voso centro podedes instalar o “Buzón Violeta” para recollerdes testemuñas de actos de violencia de xénero en calquera das súas formas. Cando rematedes recompilade a información para visibilizala mediante unha exposición.