blogue deanxorajo

Proxecto Meteoescolas en 1º ESO

PROXECTO METEOESCOLAS EN 1º ESO

No curso 2022-2023, o alumnado de 1º ESO participou no Proxecto Meteoescolas levando a cabo pequenos proxectos colaborativos para o estudo do clima en diversos concellos galegos. Este proxecto foi avaliábel e formou parte da cualificación final da 1ª avaliación.

O obxectivo principal deste proxecto era o estudo da diversidade do clima galego, realizando comparacións entre a climatoloxía de costa e de interior, de concellos do norte e do sur de Galicia. Concretamente, o alumnado investigou a respecto da temperatura, a pluviosidade, o vento e a presión atmosférica. Acompañando estes datos, cada parella ou pequeno grupo presentaba brevemente o concello obxecto de estudo, xunto con algunhas imaxes representativas dos espazos do patrimonio natural e etnográfico do municipio.

Para a investigación, o alumnado estudou as estacións meteorolóxicas de distintas localidades galegas, inseridas en Meteogalicia, e consultáronse outras páxinas web relativas á climatoloxía, que tiveron que identificar e analizar:

www.meteogalicia.gal

www.windguru.cz

www.eltiempo.es

Fantástico concerto do Coro do CPI de Cova Terreña para conmemorar o Día das Letras Galegas

O Coro do CPI de Cova Terreña volveu deleitarnos novamente nunha fantástica xornada en que non faltaron referencias ao 50 aniversario do noso centro e mais a homenaxe a Francisco Fernández del Riego, conmemorando o Día das Letras Galegas.

No acto, presentado por Emma G. e Omar L., o alumnado de 5º e 6º de Primaria leu uns textos alusivos ao 50 aniversario do noso centro, valorando as contribucións dos diversos equipos directivos, docentes, nais e pais e, por suposto, o alumnado que ao longo destes anos contribuíu a crear unha comunidade educativa clave no progreso da vila de Baiona para darlle paso ao vídeo conmemorativo polo 50 aniversario do centro.

Posteriormente, o alumnado de 1º de ESO leu textos referidos á vida e obra de Francisco Fernández del Riego, autor homenaxeado no Día das Letras Galegas, antes de dar paso ao concerto do noso Coro, dirixido polo profesor David Piñeiro, cuxo programa de concerto estaba dividido en dúas partes: a primeira cunha homenaxe ás grandes bandas do rock e do pop, como The Beatles, Metallica ou U2; e unha segunda parte con poemas musicados de Álvaro Cunqueiro, Berrogüetto, Manuel Alegre e Curros Enríquez.

 

 

 

 

Celebración dos maios e do Día das Letras Galegas

A comunidade educativa do CPI de Cova Terreña súmase á celebración dos maios e do Día das Letras Galegas

Este 16 de maio, xornada previa á celebración do Día das Letras Galegas, toda a comunidade educativa do noso centro axuntouse no patio norte para celebrar dous eventos importantes. Por unha banda, a festa dos maios, compostos e adornados polo alumnado de Primaria, e pola outra, a homenaxe á figura de Francisco Fernández del Riego, autor homenaxeado neste ano na Festa das Letras, máximo impulsor desta celebración e de proxectos tan senlleiros como a Editorial Galaxia e a Casa Galega da Cultura (Fundación Penzol).

Para conmemorar os maios, o alumnado de 5º e 6º de Primaria leu e recitou diversas coplas, mentres que na homenaxe a Francisco Fernández del Riego foi o alumnado de 1º de ESO quen se encargou de ler algúns textos significativos da súa vida e obra.

O acto rematou coa actuación do noso Coro, interpretando os temas "Quen puidera namorala", poema escrito por Álvaro Cunqueiro, e "Aí vén o maio", do poeta Curros Enríquez, ambos musicados por Luís Emilio Batallán. Finalizamos interpretando todas e todos o Himno Galego, da autoría de Eduardo Pondal, con música de Pascual Veiga.

 

Visita a Aquis Querquennis e ao Parque Natural do Xurés

 

Nesta segunda feira, 24 de abril, o alumnado de 1º ESO, acompañado dos compañeiros e compañeiras de 3º ESO da materia de Cultura Clásica e mais de 4º ESO da materia de Latín, acudiu aos restos arqueolóxicos do campamento romano de Aquis Querquennis e mais ao Parque Natural do Xurés, nos concellos de Bande e Lobios, acompañado polos docentes Diana, Tania, Rubén, Carlos, José e Anxo.

 

 

Á mañá, desprazámonos ao Centro de Interpretación de Aquis Querquennis, no municipio de Bande, aberto exclusivamente para o noso alumnado. A seguir, todo el, guiado por algunhas compañeiras e compañeiros de 1º ESO e de 4º ESO Latín, coñeceu as principais características dos restos arqueolóxicos do campamento militar e mais da mansio que se sitúa nas inmediacións.

 

 

Na interpretación dos diversos elementos do campamento militar participaron: Carla P., Oriana, Vanesa, Sofía e Manuel, dirixidos polo profesor Rubén. Nas explicacións do conxunto monumental do campamento e a mansión romana participou parte do alumnado de 1º ESO:

 

 

 

Ao mediodía, o xantar tivo lugar na desembocadura do río Caldo, ao carón da piscina termal. Unha vez rematado, o alumnado aproveitou a oportunidade de probar as augas termais da piscina e mais das pozas que se forman no propio río.

 

 

 

Á tarde, o alumnado dirixiuse aos restos arqueolóxicos doutra mansio, Aquis Originis, onde tamén recibiu as explicacións dos guías intérpretes de 1º ESO. Seguindo o trazado da vía romana XVIII, que unía as cidades romanas de Bracara Augusta (Braga) e mais Asturica Augusta (Astorga).

 

 

 

Os e as participantes nesta ruta puideron ascender por ela até a chegada a un punto medio no camiño, ao carón dos miliarios que se foran recollendo durante as escavacións e estudos arqueolóxicos realizados na zona. Alí mesmo, o alumnado de 1º ESO realizou a interpretación dos principais valores naturais do Parque Natural do Xurés.

 

 

 

O regreso a Baiona tivo lugar ás 21.30 horas, despois dunha xornada inesquecíbel para o noso alumnado e para o profesorado acompañante.

 

 

 

Personificando a Rosalía... no Cova Terreña

Este 23 de febreiro, o CPI Cova Terreña súmase a todos os centros educativos e ás diversas institucións do país para conmemorar o Día de Rosalía, en lembranza da nosa autora universal, alicerce fundamental do Rexurdimento e peza fundamental da literatura romántica europea.

Amais dos vídeos e doutros contidos educativos impulsados polo Consello da Cultura Galega e a Real Academia Galega, o departamento de Lingua e Literatura Galegas e mais o EDLG do CPI Cova Terreña queren realizar a súa particular contribución cunha lectura de poemas acompañada de música que se irá desenvolvendo polas aulas de Educación Infantil, Primaria e Secundaria.

Meu Pontevedra! Descubrindo a Castelao...

Dende os bosques de Salcedo, Castelao ollaba a ría e escribía con emoción as liñas que remataba coa proclama "Meu Pontevedra!"

E alí foi o alumnado de 4º de ESO para coñecer un pouco máis a inmensa e insubstituíbel obra gráfica de Castelao, un auténtico xenio da nosa cultura e quen, xunto cos homes do Grupo Nós, axudou a facela universal.

Aproveitando a iniciativa do profesor de Educación Física, David Gayoso, quen animou ao noso alumnado a escalar no rocódromo de Pontevedra, os titores de 4º ESO A e B, María e Anxo, acompañaron en dúas quendas a rapazas e rapaces a coñecer a obra gráfica de Castelao no Museo de Pontevedra.

No Museo puidemos observar os enormes cadros con referencias aos cegos, cos que se sentía especialmente identificado Castelao, que no seu día estiveron expostos nos salóns do famoso Hotel de Mondariz-Balneario, propiedade doutro ilustre galeguista, Enrique Peinador.

Tamén puidemos admirar as máscaras orixinais, creadas polo propio Castelao, da coñecida obra teatral Os vellos non deben de namorarse, así como algúns dos debuxos máis característicos do autor de Rianxo.

Unha xornada completa e de proveito para todas e todos nós, da que só resta agradecer ao Museo de Pontevedra e á propia Deputación a súa amabilidade e a profesionalidade e bo facer das guías.

 

Resolución do Concurso de Postais de Nadal 2022

Adxúntase o documento en que se resolve o Concurso de Postais de Nadal celebrado no pasado mes de decembro de 2022.

25N Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as mulleres

O CPI Cova Terreña súmase ao 25N, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres

Este venres 25 de novembro, o alumnado de todos os cursos de Educación Secundaria Obrigatoria participou no encontro "Canteira de Mulleres", organizado pola Deputación de Pontevedra e coordinado polo grupo de traballo Iguála-T do noso centro educativo. Durante as dúas sesións que se celebraron á mañá, os e as estudantes debateron abertamente a respecto dos conceptos de feminismo, igualdade e a nova masculinidade, un debate que deixou claro o rexeitamento de todo o noso centro contra calquera tipo de violencia que se exerza contra ninguén, nomeadamente contra as mulleres.

Ao comezo do acto, o alumnado de 3º ESO C representou unha performance de homenaxe a todas as mulleres que levan sufrindo violencia de xénero.

Jorge A., Saray B., Adrián C., Adrián G., Adrián G., Cecilia P. e Nathaldo R. converteron este día nunha xornada inesquecíbel.

 

 

Na procura de Rosalía...

O alumnado de 3º de ESO gozou o pasado xoves 3 de novembro dunha visita inesquecíbel á que foi a casa de Rosalía de Castro en Padrón, a Casa da Matanza. O alumnado, acompañado dos profesores María J. Torres (Lingua Castelá), Asun (Bioloxía) e Emilio Cambeiro (Lingua Galega), puido achegarse a un dos espazos máis senlleiros da vida da nosa escritora universal, lugar onde faleceu o 15 de xullo de 1885, e que aínda conserva moitos dos seus elementos persoais e familiares.

A visita, custeada integramente pola Deputación de Pontevedra dentro do programa "Rosalía, a súa casiña, o meu lar" do servizo de Patrimonio Material e Memoria Histórica, serviu tamén para coñecer outros espazos dos arredores, como o Xardín Botánico de Padrón, onde o alumnado tivo a oportunidade de recoñecer algunhas plantas grazas ás fichas elaboradas pola profesora Asun.

O Samaín a través dos ollos de "Os lobos"

O venres 28 de outono, coincidindo coa chegada do Samaín, o alumnado de 4º de ESO atreveuse a representar unha adaptación teatral do conto "Os lobos", incluído no volume Á lus do candil, do escritor lugués Ánxel Fole. Foi protagonizado por Omar L., Lilin W., Xoana R. e Aitana G. de 4ºA, e Carla B., Noa C., Gloria C., Santiago G. e María V. de 4ºB, e contou amais co seguinte elenco:

Sara A., Cristina C., Carlota C., Kevin G., Andrea V., Noa V., Gael A. e Manuel D. como veciños e veciñas.

René Ch., Pablo F., Hugo F. e Santiago T. como lobos.

Carla P., Sofía R. e Vanesa S. como equipo de maquillaxe.

Noelia C., Iria G. e Icía S. como equipo de son e efectos especiais.

Finalmente, a alumna Oriana T., de 4ºB, explicou a todo o alumnado o sentido da obra que viñan de representar:"Malia que os protagonistas son os lobos, o autor non quería amosar ningún tipo de xenreira ou odio cara a eles, senón describir os medos que as persoas que habitan as aldeas galegas manifestan cara ao descoñecido, neste caso representado por estes animais. O autor recupera así parte da mitiloxía que acompaña o pobo galego. A través deste texto dialogado, nós, o alumnado de 4º de ESO, quixemos reivindicar o papel que ten a nosa lingua e a nosa literatura nunha data tan importante para os pobos da cultura atlántica, o Samaín".

 

 

 

 

 

Distribuir contido
Punto Laranxa contra o acoso escolar

Eventos

« Agosto 2024 »
LunMarMérXovVenSábDom
1234
567891011
12131415161718
19202122232425
262728293031