try another color:
try another fontsize: 60% 70% 80% 90%
CEP Xosé Mª Brea Segade
E-mail: cep.brea.segade@edu.xunta.es

Manifestación en Compostela

Foto: Paco Rodríguez. La Voz de Galicia. 

A MESTRA, LOITANDO,

TAMÉN ESTÁ EDUCANDO.

Secundando a convocatoria da Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público, a comunidade escolar do noso centro marcou presencia, e se fixo notar en Compostela. Xunto a milleiros de cidadáns e cidadás de toda a Galiza, enchemos a praza das Praterías, loitando por unha Educación Pública de Calidade e esixindo que se escoiten as nosas reivindicacións.

No CEP Xosé María Brea Segade continuamos a reclamar o mesmo que vimos pedindo desde o ano pasado, cando xa sabíamos as necesidades que íamos ter no presente. E así continuaremos, mentres non se poña remedio á nosa problemática.

Foto: Beatriz R. Frieiro

Foto: Beatriz R. Frieiro

Mochilas Viaxeiras 2024

Hoxe saíron as Mochilas Viaxeiras 2024-2025! Onte os axudantes da BBS encargáronse de sortealas e hoxe á volta do recreo 6 afortunados e afortunadas recolléronas na biblioteca. Comezan a viaxe que as levará, ao longo do curso, polas casas de todos os nenos e nenas do cole, para compartir unha pequena mostra dos libros que temos na biblioteca.

Boa viaxe Mochilas!

Que sexades moi ben recibidas en todas as casas e

que creedes bos momentos de lectura en familia!

Un rato díxolle á lúa

Un rato díxolle á lúa é a caixa dos tesouros da poesía de Antonio García Teijeiro. Dentro dela gárdase a esencia dos seus versos, a apócema máxica coa que, en palabras de Fran Alonso, «a lúa imprimiu neles un sabor antigo, un sabor de berce, un sabor sincero que se nos mete dentro».

Os nenos e nenas de Primeiro abriron a caixa dos tesouros e elaboraron esta marabilla de podcast, o primeiro deste curso. Dá gusto escoitalos! De seguro que han compartir moitos máis tesouros coma este ao longo do curso. 

Parabéns, Primeiro! Sodes uns cracks!

 

Preme no enlace para escoitar o podcast: 

Un rato díxolle á lúa

Día das Escritroras 2024

Este luns os axudantes da BBS repartiron polas aulas unha mensaxe de Libriño: 

Xunto coa mensaxe viña un texto teatral e un crebacabezas coa imaxe dunha escritora. E todas as clases puxémonos mans á obra! Xa localizamos a autora e libro na exposición da entrada da BBS, xa compuxemos os crebacabezas e agora, andamos a ensaiar e preparar o texto que nos enviou Libriño, para compartilo na biblio co resto dos compañeiros/as. Seguiremos contando...

 Entrade na galería para ver como estamos a conmemorar o Día das Escritoras.  

Abrimos o pano

Este curso Abrimos o pano, o proxecto documental integrado (PDI) promovido e coordinado pola Biblioteca Brea Segade trata sobre o teatro. Comezamos ambientándonos e dando os primeiros pasos do proxecto. 

 

 

Hora de Ler

A Hora de Ler, o tempo de lectura que todos os días temos no Brea Segade,  comezou xa o primeiro día de clase. Quixemos que fora especial, así que sacamos os nosos libros ao patio e lemos, todo o cole ao mesmo tempo, ao aire libre. Unha gozada! Entrade na galería para ver todas as imaxes. 

 

Novo curso, novo espazo virtual

Neste curso 2024-2025 a BBS dá o salto e múdase á páxina do centro, deixando o que durante anos foi o noso espazo nas redes, para ter así toda a información do colexio nunha mesma plataforma. Poderedes seguir consultando toda a información sobre o traballo da BBS en cursos pasados no enlace que manteremos no menú da Biblioteca a man dereita. Comezamos!

Aclaracións

Ante as declaracións do Conselleiro de Cultura e dos representantes da Consellería que se están a publicar en diferentes medios, desde a dirección do centro quixera precisar o seguinte.

 

1º Segundo os datos expostos pola Consellería somos o único centro de primaria que crece no Concello de Rianxo. No curso 2018-2019 tíñamos 90 alumnos e alumnas, sumando na actualidade 115. Polo tanto, 25 nenos máis, polo que, botando as súas contas, as da Consellería, corresponderíanos un titor máis que en 2018.

 

2º Este curso reducíronse dúas horas do horario lectivo de cada mestre. Se somos 11 profesores, a suma e sinxela: 22 horas menos a disposición desta dirección para confeccionar os horarios. Polo tanto, a respecto de 2018 podemos dicir que temos máis alumnado e dous profesores menos.

 

2º Segundo aparece publicado en Diario de Arousa, 25/09/2024, citando fontes da Consellería, a media de alumnos/as por profesor no Brea Segade é de 8,3. Estes números obedecen a un cálculo que vai levar a engano a calquera que non coñeza como funciona un centro. A media debe de ser feita en función dos titores/as e dos grupos que podemos formar. No noso centro temos seis titores/as para 115 nenos/as, polo que a media é de 19,16, sen ter en conta aquelas matrículas que contan dobre, ponderación que nos colocaría por encima de 20. Se quixeramos facer unha media sumando o total dos profesores/as que temos no claustro, que foi o que fixo a Consellería, precisaríamos da axuda dun matemático para realizar o cálculo. Nese caso habería que pór en relación os nenos/as co seu titor/a e os especialistas que entran a darlles clase. Tamén habería que ter en conta que dúas profesoras son itinerantes, e tres só dan clase a algúns dos nenos e nenas, non a totalidade. Así que, para non complicar os cálculos innecesariamente, pediría aos responsables da consellería que dean o dato máis lóxico e ilustrativo da nosa realidade: temos 19 alumnos/as de media por titoría.

 

3º O alumnado de 3º do noso centro está ben atendido grazas ao esforzo do corpo docente e a comprensión das familias. O desdobre está feito sen que a Consellería nos autorizara a crear unha unidade, e isto a pesar de terlles ofrecido por escrito, completar o horario dese grupo coas horas de atención ao centro e de diferentes coordinacións de que dispón o director. O paradoxo é que hoxe funcionamos, a todos os efectos, como dúas titorías coa autorización da Consellería, pero oficialmente non se nos permite crear a unidade.

 

4º Na actualidade somos 26 alumnos/as en 3º, máis un alumno cuxa matrícula conta dobre. O grupo de 3º ten unha densidade inusual de alumnado con necesidades específicas, mais, como director quero reiterar que todo o noso alumnado conta á hora de ser atendido como lle corresponde, independentemente do seu diagnóstico ou das súas necesidades especiais. 

 

5º Finalmente, cremos que a Consellería ten que ser consciente das características especiais do noso centro. Localizado no rural, somos unha comunidade que, como acabamos de ver, non para de crecer. Durante estes anos fomos vítimas dunha situación de precariedade incomprensible, dotándonos dunha Orientadora a tempo parcial só tres días á semana, e unha profesora de Audición e Linguaxe, tamén a tempo parcial, dous días. O absurdo alcanza un nivel tan exaxerado, que o noso Auxiliar de Conversa é partillado cun centro de Porto do Son. Dificilmente a nosa praza pode ser atractiva para alguén que ven desde Estados Unidos ou Filipinas, lugar de orixe da última auxiliar que tivemos, se para ir aos colexios que se lle asigna, ten que cruzar todo o Barbanza. 

 

6ºA pesares de todo o dito, e novamente co esforzo do persoal docente e familias, contamos con dous proxectos dos que fomos pioneiros: Sintaxe, método pedagóxico para aprender gramática, e Máis ca leña, proxecto en colaboración coa Comunidade de Montes de Taragoña. Mesmo con grandes problemas de disposición horaria, o noso centro é xa unha referencia de innovación pedagóxica no noso país.

 

Por último, quero deixar claro que desde o final de curso pasado e durante o transcurso do verán, estivemos solicitando unha entrevista con Xefatura Territorial e Recursos Humanos para expoñer a nosa postura e ofrecer posibles solucións. Ningunha destas solicitudes obtivo resposta. A única persoa que nos atendeu e estivo pendente da nosa problemática foi a Inspectora, a quen, persoalmente, quero agradecer o seu interese, consciente de que non depende dela que se resolvan todos os nosos problemas.

Igualmente quero agradecer aos meus compañeiros e compañeiras de claustro o seu apoio e comprensión, e ás nosas familias, a súa loita exemplar na defensa dos dereitos do noso alumnado e na solidariedade coa problemática do resto das escolas rianxeiras e da Galiza.

 

Por unha Escola Pública de Calidade.

 

José Luís do Pico

Director

Foliada reivindicativa no Brea Segade

A ANPA do Brea Segade, en colaboración co centro, convídavos ás familias, colectivos e persoas que queirades formar parte desta acción á foliada reivindicativa que celebraremos este venres, 27 de setembro, no xardín da escola.

A ANPA dá por finalizada a iniciativa de non levar ás crianzas á escola

O luns 16 o alumnado que participou na protesta proposta pola ANPA (máis dun 95% do total) iniciará o curso con normalidade. Tamén se abrirá dende ese mesmo día o servizo de comedor (máis información no apartado Comedor e en redes sociais). Dende a ANPA agradecemos o enorme esforzo e apoio tanto das familias coma da Dirección do centro.

Seguiremos adiante coas nosas reivindicacións, coa mesma enerxía e empregando todos os medios ao noso alcance para conseguir o profesorado necesario para a escola.

                                                                                           

Distribuir contido