Skip to Content

Complementarias

XII Abraço ao rio Lima

Os pasados 10 e 11 de outubro participamos no XII Abraço ao Río Lima.

Esta iniciativa da câmara de Ponte de Lima e do Concello de Xinzo de Limia pretende conmemorar o Día da Auga.

Agradecidísimos polo convite e, tendo en conta, que o noso centro está moi sensibilizado coa importancia que ten a auga e o uso responsable que hai que facer dela, decidimos abrazar por segunda vez ao río Lima.

Foron dous días de convivencia fantásticos cos nosos compañeiros e compañeiras do CEIP Rosalía de Castro e cos centros de Ponte de Lima.

Tivemos a oportunidade de visitar Ponte de Lima, a Basílica de Santa Luzía, Viana do Castelo e ata de refrescar un pouco os pés na praia!

Agradecer aos Concellos de Xinzo de Limia e Ponte de Lima e ás escolas  tódalas facilidades que nos deron para poder participar.

Queremos facer unha mención especial para José Manuel, o dire, e as compañeiras Manolita, Mari e Pepa que nos acompañaron nesta aventura!

As actividades intercentros contribúen a mellorar as relacións interpersoais e esta experiencia en concreto permitiunos compartir cos nosos veciños lusos, ademais do río, a lingua, xa que o galego e o portugués son ao final dúas variedades lingüísticas nacidas dunha mesma lingua: o galaicoportugués.

Vexo, Vexo Xacobeo 2023

O luns 19 de xuño o alumnado de 4º, 5º e 6º de Educación Primaria participou no Programa Vexo Vexo Xacobeo dentro do Plan Proxecta do noso centro.

Este programa educativo multidisciplinar achega ao alumnado o significado e os valores do Camiño de Santiago e do Xacobeo e traballa estes conceptos que forman parte da súa contorna social e cultural e consta dun conxunto de actividades que mostran a riqueza do patrimonio cultural e natural do Camiño de Santiago, e traballa os valores que o definen como son o esforzo, a solidariedade, a hospitalidade e o respecto polas diferenzas.

Temos que agradecer a colaboración da Agrupación de Protección Civil e, en especial a Manel e Vicente e ao Concello de Riós pola súa colaboración para a posta en marcha desta xornada de aprendizaxe fóra da escola.

"Santiago non é a fin do camiño, senón o principio."

Paulo Coelho

Festa da escuma

A piques xa de rematar o curso 2022-2023 o venres 16 de xuño pasamos unha xornada marabillosa dándonos uns baños de escuma. O tempo acompañounos e coa festa tivemos a oportunidade de gozar dunha actividade lúdica, divertida e refrescante.

Foi unha xornada chea de sorrisos e bos momentos! A festa permitiunos vivir sensacións intensas de xogo e favoreceu a relación do noso alumnado nun ambiente moi distinto á súa rutina escolar.

Foi un día especial e de festa moi moi divertido!


Excursión: Centro de Ocio ACOUGO

Un estupendo día pasaron os alumnos e alumnas de Educación Infantil e 1º de Educación Primaria o pasado 15 de xuño no Centro de Ocio ACOUGO situado en plena natureza, no Concello de Vilamarín (Ourense).

Foron moitas as actividades realizadas: tiráronse pola tirolina, construíron cabanas, pasearon en barca por un lago cun crocodilo, descubriron e déronlle de comer aos animais (galiñas, parrulos, galos, cabras, ovellas...), practicaron o equilibrio no slackline e xogaron e gozaron da natureza nun día especial e lúdico no que compartiron a ledicia de estar e xogar todos xuntos.

Sen dúbida unha xornada inesquecíbel!

Viaxando polo mundo con Sabela Gago

Unha vez máis o pasado 24 de maio tivemos a sorte de recibir a estupenda contacontos Sabela Gago que nos deleitou facéndonos viaxar polas cidades e lugares máis famoso e marabillosos do planeta como París, Londres, Roma, Sao Paulo, Nova York, Sevilla...

Rematamos a aventura na gran muralla chinesa xunto a dous ratiños amigo, Sofía e Martín, cos que visitamos o sol nun foguete, as nubes nun avión e o vento nun helicóptero.

Se queredes saber máis sobre esta actividade premede no vídeo:

Mira que boca

O xoves 18 de maio recibimos a visita de Rosa, hixienista da Área Sanitaria de Ourense, Verín e o Barco de Valdeorras.

Os hixienistas dedícanse á prevención de enfermidades bucodentais tanto realizando tratamentos coma exercendo de educadores sanitarios en cuestión de hixiene oral e hábitos alimenticios relacionados coas patoloxías orais.

O alumnado do CEIP Plurilingüe das Vendas da Barreira realizou este obradoiro, Mira que boca, no que aprendeu os hábitos de saúde e alimentación axeitados como son o comer verduras, carne, peixe e reducir o consumo de lambetadas e bebidas con azucre.

Rosa ensinounos como debemos limpar os nosos dentes e a nosa lingua.

Ao final, fixémolo tan ben que nos obsequiraron cun diploma e un debuxo.

Pasámolo xenial!


 

 

Garavanciño come saniño

O xoves 18 de maio tocoulles ás rapazas e rapaces de 1º e 3º de Primaria recibir a visita de María Cancio, nutricionista do Centro de Saúde de Verín para realizar a actividade "Garavanciño come saniño".

Tratouse dunha charla e un obradoiro de xogos didácticos nos que traballaron a pirámide dos alimentos e a dieta equilibrada.

Toca na imaxe para acceder á galería.

InnovArt 2023

O pasado venres 14 de abril o alumnado de 4º, 5º e 6º visitou InnovArt 2023 na Cidade da Cultura de Santiago de Compostela, un evendo que dá a coñecer o potencial das ensinanzas artísticas, deportivas e de idiomas a través de exposicións e de actividades interactivas de baloncesto, fútbol sala, vela, estampado en tea, creación de chaveiros de metacrilato, animación Stop Motion, set de fotografía, modelaxe sobre manequín, obradoiros de danza e concertos en directo, entre outros. Aquí tedes un pequeno resumo da xornada.

O doce mundo do mel

O mundo da apicultura chegou hoxe ao CEIP Plurilingüe das Vendas da Barreira. O noso alumnado de Educación Primaria tivo hoxe a oportunidade de participar dun pequeno Obradoiro sobre este marabilloso mundo.

Da man do Consello Regulador da Indicación Xeográfica Protexida Mel de Galicia, a través do seu programa "O doce mundo do mel de Galicia" o noso alumnado puido coñecer algo máis sobre a produción e recolección desta sustancia natural tan doce. Para rematar tiveron a sorte de levar para as súas casas un pequeno bote de riquísimo mel feito en Galicia e un agasallo. Grazas Beatriz!

Mulleres que deixan pegada

O pasado 8 de marzo celebramos o Día Internacional da Muller. No centro fixemos homenaxe a algunhas delas e para iso contamos cunha visita moi especial.

Esther, Hercilia, Mónica, Salesa e Sara  participaron nun obradoiro do CIM Conso-Frieiras no que elaboraron unhas “fofuchas”. Estas grandes artistas amosaron ao noso alumnado quen era a súa boneca e como loitou pola igualdade.

Co obxectivo de dar visibilidade e recoñecemento a unhas mulleres que destacaron en diferentes campos como a pintura, a física, a tecnoloxía,... faláronnos de mulleres como Clara Campoamor, Marie Curie, Rosalía de Castro, Malala Yousafzai, etc. Mulleres que fixeron aportacións moi significativas e que ao longo da historia, co seu talento, esforzo e actitude conseguiron deixar pegada.  E aínda que foron verdadeiras protagonistas na ciencia, na historia ou na sociedade do seu tempo, a gran maioría delas traballaron na sombra, practicamente invisibilizadas, ou no mellor dos casos, subestimadas pola sociedade na que lles tocou vivir. Políticas, escritoras, científicas, activistas, pintoras... a lista é innumerable.

Grazas a Natalia da Cruz Vermella, ao CIM de Conso-Frieiras e a estas grandes mulleres que compartiron unha xornada tan interesante connosco.

Distribuir contido


by Dr. Radut