Skip to Content

Complementarias

Gañadores/as da V edición do Concurso de Cabazas

A V edición do Concurso de Cabazas organizada polo centro, logrou reunir un total de 20 propostas, entre as que o xurado, conformado polo alumnado do centro e o profesorado, escolleron un total de tres. O premio de Educación Infantil foi para David Pereira, e nas aulas de Educación Primaria para Gael Álvarez e Ysabella Carrasco.

Cascos, naves especiais, foguetes ou o propio universo foron algunhas das propostas máis chamativas desta quinta edición dun concurso xa asentado e que sempre achega traballos moi orixinais. E é que nas Vendas, temos moito nivel!!!

Parabéns aos gañadores/as e grazas a todo o alumnado por participar!

 

PROXECTOS DE INNOVACIÓN

Un curso máis estamos de parabéns! Veñen de concedernos na resolución definitiva tres programas enmarcados dentro do Plan Proxecta+ nos que participaremos o curso 2023-2024.

Vexo Vexo Xacobeo

Recíclate con Sogama

O Monte Vivo

O Plan Proxecta+ é unha iniciativa da Consellería de Cultural, Educación, Formación Profesional e Universidades en colaboración con diferentes organismos, dirixida a fomentar a innovación educativa nos centros a través de programas educativos que fomenten o traballo cooperativo, interdisciplinar e competencial pero que ademais estean comprometidos coa consecución dos obxectivos de desenvolvemento sostible da Axenda 2030.

SAMAÍN - HALLOWEEN 2023

Aquí podedes ver o ben que o pasamos celebrando o Samaín e o Halloween no centro. Decoramos o colexio de xeito arrepiante, tivemos por quinto ano consecutivo o Concurso de Cabazas, gozamos dun menú absolutamente aterrador, disfrazámonos de cousas terroríficas,   e ademais participamos nun escape room. Ao rematar de comer o profesorado escoitou un son estraño, portas que se pechaban, golpes, alguén lles comunica aos mestres/as que o colexio está blindado e que non se pode saír... salvo que se superen unha serie de probas,  enigmas e quebracabezas. O noso alumnado, coma xa é habitual, non decepcionou!!! Empregou as súas capacidades intelectuais, creativas e de razoamento, xunto co traballo en equipo para conseguir saír do cole e salvarnos a todos/as! Parabéns pola habilidade!!!

Agardamos que gocedes deste terrorífico vídeo do Samaín!

 

#DígochoEu

Este curso decidimos presentar esta proposta para participar no Concurso que organizou o #DígochoEu para seleccionar a distintos centros educativos de toda a Comunidade Autónoma co obxectivo de gravar un capítulo con Esther.

Argallamos unha idea ben xeitosa onde demos renda solta á nosa imaxinación. E que tema escollemos? A castaña!!! Aquí vos deixamos un anaco do que nos gustaría facer.

COÑECE AS TÚAS INSTITUCIÓNS

O pasado venres 27 de outubro o alumnado de 5º e 6º de Educación Primaria, acompañados polos nosos compañeiras e compañeiros do CEIP Rosalía de Castro de Xinzo de Limia,  realizamos unha visita guiada á Xunta de Galicia e ao Parlamento dentro do programa “Coñece as túas institucións”.

O obxectivo desta actividade é que o alumnado poida coñecer de primeira man o funcionamento do Parlamento e da Xunta e comprenda a separación de poderes propia das democracias.

No edificio do Parlamento explicáronlles a composición actual do Parlamento e as súas funcións. Ademais, visitamos dúas das tres plantas do edificio onde puidemos observar todas as obras de arte (máis de 300 pezas) que constitúen unha auténtica sala de exposicións de artistas galegos de tódolos tempos.

Agradecer a presenza e a compaña do Parlamentario de Xinzo de Limia Carlos Gómez Salgado, quen respondeu a todas as nosas preguntas e curiosidades sobre esta institución.

Posteriormente, dirixímonos á sede administrativa da Xunta de Galicia  no Edificio San Caetano. Alejandra explicounos que este edificio tivo outros moitos usos (escola de nenos xordos, hospital e ata cárcere) antes de converterse na sede do noso goberno autonómico. Visitamos as instalacións onde traballan máis de 3000 persoas e convertémonos por un día, primeiro nos secretarios xerais técnicos e logo nos conselleiros das distintas consellerías, aprendendo de que ámbito se ocupa cada unha delas no noso día a día.

FESTA DA CASTAÑA E DO COGOMELO DE RIÓS

Con motivo da Festa da Castaña e do Cogomelo do noso Concello decidimos facer un vídeo. Aprendemos moitas curiosidades sobre estes alimentos tan ricos!!!

Aquí no Riós somos moito de comer e celebrar!!! Animámosvos dende o centro a que participedes nesta festa tan nosa onde as grandes protagonistas, como non pode ser doutro xeito, son a castaña e o cogomelo, os produtos dos que tanto aprendemos no traballo de investigación que fixemos. Agardamos que vos guste o vídeo que aquí vos deixamos.

Nós xa estamos listas e listos! Festa rachada!!!

TECENDO COMUNIDADES

Con este lema "Tecendo Comunidades" pretendemos destacar o papel fundamental que ten a biblioteca na construción de lazos coa comunidade do noso centro. A nosa biblioteca non é só un espazo cheo de libros, senón un espazo de encontro, un espazo vivo motor das aprendizaxes e un espazo para a lectura e a creación.

Por iso, o pasado 24 de outubro celebrouse o día das Bibliotecas. Para conmemoralo, inauguramos este curso a Biblio de Toni creando un "MARCAESTANERÍAS" para cada usuario, empregando materiais plásticos. A finalidade e uso deste material e axudar na organización e orde dos nosos fondos, facendo máis autónomos a todos os usuarios, especialmente os máis pequenos, á hora de seleccionar e recolocar os libros que van lendo.

Foi divertido crear todos xuntos os nosos propios marcaestanterías no marco da biblioteca, comezando así a nosa aventura lectora deste curso.

Donas de Si

O xoves 19 de outubro desenvolveuse no noso centro un contacontos pola igualdade, unha das actividades que nos ofreceu o Programa Donas de Si, enmarcado dentro do Plan Proxecta.

Este, consistiu en desenvolver un proxecto relacionado coa visibilidade e empoderamento das mulleres como pezas fundamentais do desenvolvemento da sociedade galega e como punto de partida para traballar nas nosas aulas a igualdade e os estereotipos de xénero.

Nesta proposta, narrativa e plástica, o escritor Enrique Mauricio e a ilustradora Tania Solla presentaron ao alumnado do noso centro a obra de Rosalía de Castro, ademais de ensinarnos pautas para crear as nosas propias ilustracións de Rosalía. Resultou unha sesión ben interesante!


OBRADOIRO SOBRE A AUTOESTIMA

Un curso máis comezamos cos obradoiros ofertados polo CIM Conso-Frieiras, nesta ocasión a temática foi a autoestima.

A autoestima é, segundo Felix López, “unha valoración que cada persoa fai das súas características, das súas capacidades e logros, das súas relacións cos demais que afectan á súa forma xeral de verse e sentirse”.

Hoxe as actividades realizadas polo noso alumnado de 4º, 5º e 6º de Educación Primaria foron para fomentar a autoestima e a autonomía tentando que aprenderan a facerlle fronte aos medos para superalos e aceptando que todas as persoas somos diferentes e únicas. Foi unha xornada moi enriquecedora!!!

 

Distribuir contido


by Dr. Radut