Skip to Content

Complementarias

Festival de Nadal 2023

O pasado xoves, 21 de decembro celebramos o Festival de Nadal 2023. O noso alumnado esforzouse por ofrecernos o mellor Festival de Nadal que se podía ver en Riós. Coas distintas actuacións amosáronnos o traballo que estiveron preparando durante semanas. O noso recoñecemento e agradecemento vai para eles/elas e tamén para o profesarado que preparou estas marabillosas actuacións. Aquí vos deixamos o vídeo do Festival e tamén a curtametraxe "Hoxe atopei un elfo" do alumnado de 1º e 2º de Educación Primaria.

The Show Must Go On!

O Apalpador e a nena sen medo

Grazas á ANPA do noso centro o pasado luns 11 de decembro gozamos da obra "O Apalpador e a nena sen medo" baseada nun poema de Sechu Sende.

O Apalpador trae cada ano desde o Courel castañas, presentes e aquilo que non temos. Por iso, a Nena sen medo lle escribiu unha carta moi especial, pedíndolle o que a ela lle faltaba, o seu desexo: palabras para encher o corazón e coas que poder voar en soños. Palabras en galego.

Foi unha actuación máxica, amena e divertida da que gozaron tanto alumnado como familias.

Festival de Nadal

Despois dun delicioso chocolate con churros despediremos un ano máis o trimestre co "Festival de Nadal" ao que tódalas familias do centro están convidadas.

Agardamos que as actuacións que con tanto agarimo preparamos sexan do voso agrado.

Chocolatada e panxoliñas de Nadal

O vindeiro xoves 21 de decembro remataremos o trimestre tomando chocolate ben quentiño ao que toda a comunidade educativa do centro está convidada.

Tamén haberá churros. Cos cartos que se recollan dos churros a nosa ANPA seguro que nos organizará algunha actividade ben interesante! Non podedes faltar!

Certificado día do pixama

Recibimos por parte de ASEAF (Asociación Estatal de Acogimiento Familiar) o certificado da nosa participación no Día do Pixama o pasado 20 de novembro. No correo que nos achegan agradecen a nosa participación na Sétima Edición do Día do Pixama no que participaron 480 centros educativos de toda España.

Asemade recoñecen o noso compromiso coa responsabilidade social e o papel que desenvolven centros educativos coma o noso na construción dunha sociedade máis inclusiva. Rematan o correo dando as grazas pola nosa dedicación e esforzo e, por contribuír a que esta iniciativa fose un éxito e  agardando a nosa colaboración para futuras actividades e proxectos que axuden a promover o dereito de tódolos nenos, nenas e adolescentes a crecer en familia.

Lúa quere viaxar a... Marte!

Primeiro chegou á lúa... e despois a Marte! Non hai como ter o firme propósito de marcarnos obxectivos na vida e ter metas claras para reforzar o noso compromiso con nós mesmos/as.

O pasado venres 24 de novembro Celtia Figueiras da Xanela do Maxín fíxonos pasar uns momentos fantásticos acompañados das familias, do alumnado e de todo o equipo docente. Lúa, a gatiña protagonista da historia de monicreques percorre un longo camiño cheo de atrancos pero, con moito esforzo, consegue lograr o seu soño: converterse en astronauta. Porque tal e como afirmou Les Brown "hai que apuntar ao infinito, aínda que falles, aterrarás entre as estrelas".

Celtia agasallounos tamén cun exemplar do seu libro ilustrado por Marcelo P. Fernández que, en breve poderedes levar de empréstito.

O noso agradecemento para a ANPA do noso centro por organizar unha actividade tan interesante e co obxectivo de promover entre o noso alumnado habilidades, actitudes e valores a favor da igualdade de xénero.

Día do pixama

O luns 20 de novembro conmemoramos no noso centro o Día Universal da Infancia. Esta conmemoración ben recollida na Orde do 3 de maio de 2023 pola que se aproba o calendario escolar.

Es España, hai case 17.000 nenos, nenas e adolescentes que viven en centros de acollida. Co obxectivo de dar visibilidade a esta situación e concienciar sobre o dereito de todos os menores a vivir nun fogar cunha familia celebramos o Día do Pixama. O alumnado acudiu ao cole en pixama simbolizando os momentos en familia e o calor do fogar cando nais ou pais len un conto aos seus fillos ou fillas antes de ir durmir. Un momento no que os nenos e nenas se senten protexidos, arroupados e seguros. Ademais, nas distintas aulas realizáronse diferentes actividades: lectura de contos, proxección de material audiovisual, xogos, etc.

Foi unha experiencia solidaria, educativa e lúdica. A actividade promoveu que o alumnado identificase e expresase sentimentos, emocións e vivencias, ao mesmo tempo que ofreceu a posibilidade de traballar a diversidade permitindo aos nosos nenos e nenas empatizar con outros iguais que non teñen a oportunidade de crecer en familia e coñecer alternativas familiares diferentes.

Prevención da violencia de xénero

Hoxe tivemos un novo obradoiro da man do CIM para a prevención da violencia de xénero. Abordouse como e sobre que repercute este tipo de violencia e como se pode apreciar en cousas cotiás que manexamos habitualmente. Traballáronse conceptos básicos para aclarar certos termos e mitos. Desmitificáronse falsas crenzas sobre o que deben ser os chicos ou as chicas. Tamén, as causas e consecuencias da violencia de xénero, as repercusións sociais e os mitos que existen con respecto ás vítimas e ós agresores, e o que podemos facer dende o ámbito máis social e das relacións para cambiar estas circunstancias. É moi importante que o noso alumnado sinta que esta, é unha tarefa de todos/as e que coa igualdade gañamos todos pois a educación é un axente transformador moi poderoso.

Magosto chuvioso

O venres 10 de novembro celebramos o magosto no cole e tivemos uns convidados de luxo: o alumnado e profesorado do CEIP o Castiñeiro de Laza.

Foi unha celebración moi especial, xa que comezamos a mañá cuns deliciosos boliños preñados e zumes. Despois, o alumnado dos dous centros compartiu o tempo de lecer.

Aínda que chovia non deixamos que as inclemencias do tempo nos estragaran a festa. O magosto é unha ocasión perfecta para gozar ao aire libre, da natureza e dunha boa fogueira pero axiña atopamos unha alternativa perfecta: o pavillón!

Neste espazo, comezamos cunha dinámica de grupos para que o alumnado se fose coñecendo e interactuara. Gozamos de distintos xogos populares e de habilidade con castañas. Actividades que permitiron compartir momentos de harmonía e convivencia tanto entre o alumnado como o profesorado do CEIP O Castiñeiro de Laza, foi unha excelente oportunidade para facer novas amizades e pasar unha xornada do máis enriquecedora.

Tivemos un xantar especial que rematamos con doces e castañas, o complemento perfecto para gozar dun menú cheo de sabor e tradición. A convivencia e compartir momentos agradables nun ambiente festivo, son os valores que se fomentan con este tipo de actividades, que ademais contribúen a manter vivas unhas tradicións tan nosas.

Xornada formativa de Protección da Natureza

O mércores 8 de novembro tivemos unha xornada formativa sobre a protección da natureza e a prevención dos incendios forestais impartida por Tomás, axente das Forzas e Corpos de Seguridade do Estado, e máis concretamente do Seprona, no marco do programa Voz Natura.

O axente da Garda Civil explicounos que dentro deste corpo hai moitas especialidades, falounos da historia do mesmo e díxonos que en 1988 se creou a unidade do Seprona.

O Seprona ten diferentes áreas de actuación: vertidos, contaminación do medio ambiente, actividades cinexéticas e de pesca irregulares, defensa dos espazos naturais e a prevención, investigación e extinción de incendios. Neste eido, deunos indicacións de como evitalos pero tamén consellos de como escapar se un día nos atopamos no medio dun.

Non queda máis que agradecerlle ao axente Tomás a xornada tan interesante que nos impartiu e que respondera con tanto agarimo ás preguntas do noso alumnado. Xa agardamos unha nova sesión para o curso que vén! Grazas!

Distribuir contido


by Dr. Radut