O mércores 8 de novembro tivemos unha xornada formativa sobre a protección da natureza e a prevención dos incendios forestais impartida por Tomás, axente das Forzas e Corpos de Seguridade do Estado, e máis concretamente do Seprona, no marco do programa Voz Natura.
O axente da Garda Civil explicounos que dentro deste corpo hai moitas especialidades, falounos da historia do mesmo e díxonos que en 1988 se creou a unidade do Seprona.
O Seprona ten diferentes áreas de actuación: vertidos, contaminación do medio ambiente, actividades cinexéticas e de pesca irregulares, defensa dos espazos naturais e a prevención, investigación e extinción de incendios. Neste eido, deunos indicacións de como evitalos pero tamén consellos de como escapar se un día nos atopamos no medio dun.
Non queda máis que agradecerlle ao axente Tomás a xornada tan interesante que nos impartiu e que respondera con tanto agarimo ás preguntas do noso alumnado. Xa agardamos unha nova sesión para o curso que vén! Grazas!