Agregador de novas

Román Rodríguez anuncia a licitación por máis 1,6 M€ da primeira fase da rehabilitación do Centro Integrado de FP Manuel Antonio

Novas Consellería de Educación - Xov, 04/07/2024 - 14:39

Summary: 

O conselleiro de Educación presenta a actuación que se licita hoxe mesmo e que se prevé completar a partir de 2025 cunha reordenación e incremento de espazos

“O obxectivo é dar resposta ás necesidades deste centro de referencia, mellorando o confort dunha comunidade educativa de máis de 1.550 alumnos e preto de 150 docentes”, di o conselleiro

Enmarca esta actuación no compromiso da Xunta co impulso á FP na área máis industrial de Galicia, “a única que oferta máis de 10.000 prazas novas“

Idioma Gallego

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, acompañado pola delegada territorial da Xunta en Vigo, Ana Ortiz, visitou hoxe o Centro Integrado de FP Manuel Antonio de Vigo co gallo da licitación das obras de rehabilitación, que constitúen a primeira fase da remodelación deste centro. Neste senso, explicou que o investimento desta primeira actuación superará os 1,6M€, co obxectivo de renovar e adaptar as infraestruturas do edificio.

A previsión é adxudicar a obra no mes de outubro, comezala en novembro e rematala para o verán 2025. A partir dese momento, a finais de 2025, a Consellería poderá xa licitar a segunda fase da actuación, para a ampliación e reordenación de espazos do centro.

O titular do departamento educativo da Xunta explicou que o obxectivo desta obra “é dar resposta ás necesidades deste centro de referencia na FP en Galicia, mellorando principalmente as súas cubertas e accesibilidade”. “O CIFP Manuel Antonio conta cunha comunidade educativa conformada por máis de 1.550 alumnos e preto de 150 docentes, e a finalidade última desta actuación é que redunde no confort diario de todos eles”, destacou o conselleiro.

Román Rodríguez enmarcou esta actuación no compromiso da Xunta co impulso á FP na área máis industrial de Galicia. “Non en balde, para o curso que vén a de Vigo é a única área que  oferta máis de 10.000 prazas novas en ciclos e másteres de FP”, destacou durante a visita, na que tamén participou a directora xeral de FP, Eugenia Pérez. De feito, o CIFP Manuel Antonio suma á súa oferta tres novos ciclos na modalidade dual intensiva, en concreto o de grao medio en Servizos en restauración, e os de grao superior en Dirección de cociña e en Procesos e calidade na industria, que suman 66 prazas.

Renovación de cubertas e mellora de accesibilidade

Esta primeira fase consistirá na limpeza e reparación dos 5.500 m² de cubertas, ás que se aplicará tamén impermeabilización e illamento, e a substitución dos lucernarios. Deste xeito solucionaranse os actuais problemas de estanqueidade do centro.

Por outra banda, mellorarase a accesibilidade do edificio que alberga a área sanitaria-química mediante a instalación dun ascensor no seu vestíbulo, así como coa habilitación de aseos adaptados. A maiores, acometerase unha redistribución dos laboratorios.

A obra enmárcase no Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica, un programa posto en marcha polo Goberno galego para renovar os colexios, institutos e centros de FP, co fin de adaptalos ás esixencias actuais. O programa ten como obxectivo reformar os 1.600 edificios que forman os máis de 1.000 centros educativos galegos e adaptalos ás necesidades do ensino do século XXI.

Información xeral Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional

Román Rodríguez anuncia a ampliación da Escola de Educación Infantil O Areal, en Baiona

Novas Consellería de Educación - Xov, 04/07/2024 - 14:31

Summary: 

O conselleiro de Educación visita o centro, no que se investirán preto de 225.000€ para construír un novo edificio anexo ao existente

Está previsto que a obra comece en novembro e remate en maio, para o que o Concello vai conceder a licenza o vindeiro mércores

Idioma Gallego

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, visitou hoxe a Escola de Educación Infantil O Areal, en Baiona, para anunciar a súa ampliación. Segundo explicou o titular do departamento educativo da Xunta explicou que a actuación está xa licitada e conta cun orzamento de case 225.000€. A previsión é comezar as obras en novembro e rematalas en maio, para o que o Concello de Baiona vai conceder a licenza o vindeiro mércores, tal e como informou o alcalde, Jesús Vázquez Almuíña, na visita.

Román Rodríguez destacou a importancia desta actuación “dotar a esta escola dun espazo amplo onde poder desenvolver diferentes actividades, tanto didácticas como de ocio, tan importantes para o desenvolvemento do alumnado de Infantil”. “Seguimos os parámetros do Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica, que aposta por espazos flexibles e polivalentes en continuidade coa natureza, como vai ser o que construamos neste centro”, detallou.

Deste xeito, a obra consiste na construción dun volume anexo á edificación existente que se adapta á altura do actual edificio, cunha superficie total de 107,75 m². O novo espazo será flexible e poderá usarse tanto de maneira independente como estendéndoo cara ao espazo exterior, achegando ademais un espazo cuberto que permita o seu uso en condicións climatolóxicas adversas.

Así mesmo, a folla de ruta da Xunta para a modernización dos centros educativos procura a eficiencia enerxética e o respecto ao medio ambiente. Neste sentido, a nova edificación da EEI O Areal terá a mínima pegada ecolóxica e a súa construción vai ser en seco, é dicir, executada sen necesidade de auga. A única excepción será a cimentación e a soleira do edificio, que se realizarán de xeito tradicional, con formigón armado.

A estrutura do novo edificio será de madeira laminada, con cerramentos de paneis de madeira-cemento, fiestras de madeira, divisións interiores de panel de xeso, pavimentos de tarima flotante de madeira e cuberta de zinc.

Información xeral Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional

Adxudicación provisional das prazas do concurso específico de méritos entre persoal funcionario de carreira e de prácticas do corpo de mestres para cubrir, en réxime de comisión de servizos, postos de escolarización de alumnado de atención prefere

Novas Consellería de Educación - Xov, 04/07/2024 - 12:55
Idioma Gallego

Xúntase a Resolución do 4 de xullo de 2024 da Comisión de Selección pola que se aproba e se fai pública a relación provisional de persoas admitidas xunto co baremo, a relación do persoal excluído e a adxudicación provisional correspondente ao concurso específico de méritos para a cobertura, en réxime de comisión de servizos, postos de escolarización de alumnado de atención preferente , convocado pola Orde do 16 de maio de 2024 (DOG n.º 101, do 27 de maio) (código de procedemento ED013B)

  • O prazo de presentación de reclamacións abranguerá desde o día 5 de xullo ata o día 11 de xullo de 2024, ambos incluídos por médios electrónicos, mediante o trámite "Alegacións" activado para estes efectos no procedemento normalizado ED013B.
  • Neste mesmo prazo, as persoas interesadas poderán presentar a renuncia de participación no concurso por medios electrónicos mediante o trámite "Renuncia" activado para estes efectos no procedemento normalizado ED013B.

Estarán activados os trámites  alegacións e/ou renuncia na Carpeta cidadá no procedemento normalizado ED013B  do seguinte xeito:

1.- Acceder á sede electrónica da Xunta de Galicia na seguinte ligazón https://sede.xunta.gal

2- Autenticarse co seu usuario e contrasinal de Chave 365 ou contrasinal se emprega certificado electrónico.

3.-Localizar o ÚLTIMO expediente presentado na sede correspondente á solicitude de participación no concurso de méritos específico para cubrir postos de escolarización a alumnado de atención preferente (código de procedemento ED013B) e premer na opción de “Acción” para elixir o trámite “Alegacións" e/ou "Renuncias".

IMPORTANTE: NO CASO DE QUE POSÚA VARIAS SOLICITUDES PRESENTADAS NESTE PROCEDEMENTO, LEMBRE QUE DEBE ESCOLLER A ÚLTIMA SOLICITUDE PRESENTADA (CÓDIGO DE PROCEDEMENTO ED013B). Deberá indicar o código da praza ou prazas que reclama e xustificar o requisito. 

4- Encher o formulario, anexar a documentación, se é o caso, e asinar e presentar electronicamente premendo no botón “Asinar e presentar”

Estará  correctamente presentada a alegación e/ou renuncia  cando poida descargala asinada  así como o recibo de presentación.

Anuncio principal: 

Convocado concurso de méritos específico entre persoal funcionario de carreira e en prácticas do corpo de mestres para cubrir, en comisión de servizos, postos de escolarización a alumnado de atención preferente (ED013B)

Tema: 

Comisións de servizo

Ensinanza: 

Educación primaria

Departamento: 

Servizo de Profesorado de Educación Infantil e Primaria

Colectivo: 

Profesorado

Relación provisional de persoas admitidas e excluídas, de puntuacións provisorias e de adxudicación provisional correspondente ao concurso específico de méritos de prazas sometidas a convenio ou a programas específicos

Novas Consellería de Educación - Xov, 04/07/2024 - 12:43
Idioma Gallego

Xúntase a Resolución do 4 de xullo de 2024 da Comisión de Selección pola que se aproban e se fan públicas a relación provisional de persoas admitidas e excluídas, as puntuacións provisorias e a adxudicación provisional correspondente ao concurso específico de méritos para prover postos de persoal docente en prazas sometidas a convenio ou a programas específicos desta consellería, convocado mediante a Orde do 21 de maio de 2024 (DOG n.º 106, do 3 de xuño)

O persoal concursante poderá presentar reclamación á resolución provisional ou renuncia á participación obrigatoriamente por medios electrónicos mediante os trámites activados para estes efectos no procedemento normalizado ED013C no prazo comprendido entre o día 5 de xullo ata o 11 de xullo de 2024, ambos incluídos.

  • Para formular reclamacións deberá elixir o trámite “Alegacións” da solicitude de participación ED013C presentada na sede electrónica (lembre: o trámite debe realizarse na última solicitude presentada en sede electrónica neste procedemento).

Unha vez cuberto, debe asinar e presentar no rexistro electrónico a súa reclamación premendo no botón “Asinar e enviar”. A súa reclamación estará correctamente presentada cando poida descargarse tanto a reclamación como o recibo de presentación desta.

  • Para formular renuncia deberá elixir o trámite “Renuncia” da solicitude de participación ED013C presentada na sede electrónica (lembre: o trámite debe realizarse na última solicitude presentada en sede electrónica neste procedemento).

Unha vez cuberto, debe asinar e presentar no rexistro electrónico a súa renuncia premendo no botón “Asinar e enviar”. A súa renuncia estará correctamente presentada cando poida descargarse tanto a renuncia como o recibo de presentación desta.

 

Anuncio principal: 

Convocado concurso de méritos específico entre persoal funcionario de carreira dos corpos docentes non universitarios para cubrir postos de persoal docente en prazas sometidas a convenio ou a programas específicos desta consellería (ED013C)

Tema: 

Comisións de servizo

Ensinanza: 

Ensinanzas de réxime xeral

Departamento: 

Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos

Colectivo: 

Profesorado

A Xunta incrementa nun 7,5% as prazas de formación para o profesorado, con especial fincapé nas competencias matemática, dixital e na FP

Novas Consellería de Educación - Mér, 03/07/2024 - 15:37

Summary: 

O conselleiro destaca o papel dos docentes como “formadores das novas xeracións e encargados de preparar aos galegos para os retos do presente e do futuro”

Cun orzamento total de 11,4M€, ofértanse 132.531 prazas en 6.172 actividades e un total de 130.136 horas de formación

Créase un novo itinerario para afondar nas matemáticas e mellóranse os centrados no programa E-Dixgal e nos polos creativos

Ao itinerario para novos docentes creado no actual curso súmase outro específico para os funcionarios en prácticas

No curso que vén de rematar formouse o 87% do profesorado galego e emitíronse máis de 76.500 certificacións 

Idioma Gallego

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, presentou hoxe o Plan anual de formación do profesorado 2024/25, unha iniciativa a través da que a Xunta pon a disposición dos docentes un total de 132.531 prazas para reforzar e actualizar as súas competencias profesionais, un 7,5% máis ca no actual curso. Á presentación asistiron tamén os directores xerais de FP, Eugenia Pérez, e de Centros e Recursos Humanos, Jesús Álvarez.

O titular do departamento educativo da Xunta sinalou o papel dos docentes como “formadores das novas xeracións e encargados de preparar aos galegos para os retos do presente e do futuro”. “É fundamental poñer á vosa disposición as ferramentas necesarias para facelo con garantía de éxito nun marco de cambios constantes en metodoloxías educativas, dinámicas pedagóxica e transformacións sociais”, destacou.

Neste sentido, o conselleiro explicou que o plan inclúe un total de 130.136 horas, cun investimento total de 11,4M€, medio millón de euros máis. Serán un total de 6.172 actividades, dando especial protagonismo á formación en centros, contextualizada e personalizada, que supón o 73% das accións, seguida dos cursos e xornadas (21%) e a formación en liña (3%). 

As restantes actividades (3%) serán un total de 180 estadías en centros de traballo, enmarcadas na liña de actuación específica para a capacitación do profesorado de FP e réxime especial.

Catro prazas por docente

“Con esta nova oferta, o curso que vén cada docente de Galicia disporá dunha media de catro prazas de formación”, explicou Román Rodríguez, nun plan que fai especial fincapé nas competencias matemáticas e dixitais e en todas as relacionadas coa FP. De feito, o conselleiro destacou o incremento das prazas nas accións específicas para docentes de FP e ensinanzas de réxime especial, máis de 17.000, o que supón 5.700 (50% máis) prazas máis, en consonancia coa súa enorme relevancia no sistema educación galego.

O obxectivo deste plan é facilitar o traballo dos docentes, como piar do sistema educativo, ofrecéndolles formación gratuíta que lles permita facer fronte aos novos retos do ensino do século XXI. “Queremos avanzar nos retos presentes e futuros como a dixitalización, a innovación educativa e as novas metodoloxías e apostar por accións formativas que nos permitan reforzar valores como a inclusión, a convivencia ou o plurilingüismo”, dixo o conselleiro. 

“Este novo plan contribuirá a afondar nos novos currículos e a fortalecer as competencias en aspectos tan necesarios como a atención á diversidade ou a xestión tecnolóxica, e seguir traballando por un modelo inclusivo, innovador, flexible, cooperativo e axustado ás necesidades dos alumnos”, rematou.

400 actividades novas

A oferta do Plan xeral (o que non está dirixido especificamente a docentes de FP) está organizada en seis liñas formativas prioritarias: dixital, que supón o groso da formación (32%), didáctica (28%), innovación (15%), convivencia e inclusión (15%) e comunicación e plurilingüismo (10%). Estas liñas concrétanse en 23 itinerarios, catro máis ca no curso 2023/24, con tres niveles de desenvolvemento cada un: básico, medio e avanzado. Dentro deles, hai 400 actividades formativas que son completamente novas ou foron actualizadas. 

Entre as novidades cómpre salientar o deseño dun novo itinerario de fomento da competencia matemática dirixida ao ao profesorado de Infantil, Primaria e Secundaria cun marcado enfoque práctico e baseado na resolución de problemas que acheguen os sentidos matemáticos á realidade do alumnado. 

Incorpórase tamén un itinerario específico para o proxecto E-Dixgal, con actividades dirixidas a toda a comunidade educativa como as de manexo da plataforma para o profesorado, coordinación e dinamización para os coordinadores de centro, liderado dixital para as direccións e xornadas de achegamento ao programa para as familias.

Así mesmo, créase un itinerario para os funcionarios en prácticas, é dicir, os que acaban de superar a oposición, que se suma ao incorporado no actual curso para a formación integral dos docentes que entraban por primeira vez no sistema, e que adoitan facelo como interinos e substitutos. A maiores, actualízanse os itinerarios formativos de equipos directivos e novos docentes a partir de detección de necesidades

Tamén se redeseña o itinerario centrado nos polos creativos para potenciar a superación de retos, a creatividade e a experimentación nos centros educativos. 

Innovación e adaptación á nova lei na FP

O Plan de capacitación para o profesorado de FP e Réxime Especial distribúese tamén en seis liñas de actuación e faise fincapé na de innovación tecnolóxica, científica e didáctica, que supón o 44%. Céntrase na adquisición de habilidades tecnolóxicas e aplicación de ferramentas e recursos deste tipo, así como nos enfoques didácticos innovadores.

A segunda liña de máis peso é a de acreditación de competencias e orientación profesional (18%), seguida da de competencias para a implantación da nova lei de FP (15%), a formación en alta especialización (11%), as tecnoloxías emerxentes na contorna da FP (8%) e as competencias lingüísticas profesionais (4%).

As principais novidades neste ámbito son a incorporación de actividades específicas para a impartición dos novos módulos incluídos na lei de FP que se empeza a aplicar a partir de setembro, en concreto os de Itinerario Persoal para a Empregabilidade I, Sustentabilidade aplicada ao sistema produtivo, Dixitalización aplicada aos sectores produtivos e Inglés profesional.

Tamén se suma unha nova liña de actuación centrada nas tecnoloxías emerxentes na contorna da FP, co obxectivo de facilitar a integración da intelixencia artificial, a internet das cousas, a realidade virtual ou a realidade aumentada, entre outras.

Ademais, no marco da liña de actuación de acreditación de competencias, introdúcese como novidade un Módulo ARA, módulo para formarse no procedemento de acreditación de competencias e orientación profesional dirixida a todo o profesorado, orientadores, equipos directivos, persoal experto non docente, dinamizadores...

Balance do curso 2023/24

No curso que vén de rematar realizáronse un total de 5.854 actividades, un 6% máis ca no curso anterior, das que 152 foron estadías en empresas ou organismos equiparados. Isto supuxo 122.073 horas de formación impartidas e 123.341 prazas ofertadas, das que gozaron máis de 31.370 docentes, o 87% do profesorado galego. A falta dos datos definitivos, emitíronse 76.574 certificacións, o que implica que o 85% dos participantes remataron satisfactoriamente a formación. 

Neste ano académico intensificouse a liña de actuación para a acreditación das competencias dixitais do profesorado dentro do sistema educativo. A día de hoxe recibiron esta certificación 29.662 docentes. Así mesmo, concedéronse 69 licenzas de formación a docentes, cunha duración total de 206 meses e un orzamento de case 900.000 euros, con resultados e valoracións moi positivos.

File: 

PLAN ANUAL FORMACIÓN DO PROFESORADO Información xeral Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional

Publicada no Diario Oficial de Galicia a gratuidade da matrícula para os estudantes de grao universitario e de ensinanzas artísticas superiores

Novas Consellería de Educación - Mér, 03/07/2024 - 15:25

Summary: 

A Xunta formaliza así o compromiso con esta medida que se aplicará desde o día 10, coincidindo coa primeira quenda de matrículas nas universidades públicas galegas

Terán matrícula de balde todos os que inicien estudos en primeiro curso así como os de segundo e posteriores cursos que superen entre o 65% e o 90% dos créditos

A maiores, as taxas de máster continúan conxeladas para o conxunto do alumnado, ao igual que as de grao para aqueles que non cumpran con requisitos da gratuidade

Esta medida supón un aforro medio de 3.000 euros para as familias por cada fillo estudante de grao

Idioma Gallego

O publica hoxe os decretos de gratuidade da matrícula para os estudos de grao universitario así como para os de ensinanzas artísticas superiores (Música, Arte Dramática, Deseño e Conservación e Restauración de Bens Culturais) en centros públicos galegos, tanto no caso de novo ingreso como no de continuidade de estudos. A Xunta formaliza así o compromiso con esta medida que vai operar xa desde a próxima semana, cando o mércores se abra a primeira quenda de matrícula nas tres universidades públicas galegas.

Así pois, as familias cuxos fillos e fillas inicien por primeira vez estudos de grao universitario ou de grao en ensinanzas artísticas superiores no curso 2024-25 terán bonificado o prezo da matrícula, o que supón maior facilidade de entrada para todos os estudantes e contribúe á igualdade de oportunidades. Ademais, a medida supón un aforro medio de 3.000 euros para as familias por cada fillo estudante de grao universitario.

Bonificación do 99%

No que atinxe aos estudos de grao, todo o alumnado de novo ingreso obterá unha bonificación equivalente ao 99% da matrícula para iniciar os seus estudos nas tres universidades públicas galegas ou nun centro público galego de ensinanzas artísticas superiores. Isto supón que os alumnos que cumpran os requisitos tan só aboarán o 1% do custo da matrícula, o que se traduce nunha cantidade simbólica de 7,1 euros ao ano de media como taxa. É dicir, 0,6€ de media ao mes.

Para iso deberá cumprir co requisito de ter superado a ABAU nas convocatorias de 2024 ou ben as probas específicas para maiores de entre 25 e 45 anos organizadas pola Comisión Interuniversitaria de Galicia (CIUG) ou ter superado un ciclo de FP de grao superior no curso 2024.

No caso do alumnado de continuidade de 2º curso en adiante, deberá ter cursado estudos de grao en Galicia no 2023-24 e matricularse no curso 2024-25 na totalidade dos créditos correspondentes ás materias previstas para o curso de que se trate, nunha das tres universidades públicas galega.

A maiores, deberá ter superado as porcentaxes de crédito matriculados, algo que varía segundo a área de coñecemento: 90% dos créditos par as áreas de Artes e Humanidades e de Ciencias Sociais e Xurídicas, 80% para Ciencias da Saúde e 65% para as de Ciencias e Enxeñaría e Arquitectura.

Doutra banda, para aqueles alumnos universitarios que non cumpran cos requisitos de gratuidade, o DOG tamén ratifica de novo a conxelación das taxas de grao e máster para o vindeiro curso, co que Galicia levará 14 anos consecutivos coas taxas universitarias conxeladas. Así pois, todos os alumnos que cursen un máster universitario e aqueles que cursen un grao e queden excluídos da gratuidade por non cumprir os requisitos aboarán un prezo medio de 11,89€/crédito.

Ensinanzas artísticas Superiores

Así mesmo, o alumnado de ensinanzas artísticas superiores tamén se beneficia da gratuidade da matrícula destes estudos que, no caso dos de novo ingreso, deberán ter superado as probas específicas de acceso en Galicia. Quedan exentos deste requisito os que acceden directamente aos estudos superiores de Grao en Deseño ou en Conservación e restauración de Bens Culturais sen necesidade de realizar a proba específica de aceso ao ter acadado un título de técnico superior de Artes Plásticas e Deseño.

Para o alumnado de continuidade (de 2º a 4º curso), para optar á bonificación do 99%, requírese estar matriculado en curso completo nun centro público de Galicia no curso anterior e ter superado en primeira matrícula como mínimo o 90% das totalidade deses créditos.

Información xeral Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional

Máis de cen axentes da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal definen a nova estratexia de especialización intelixente transfronteiriza ata 2027

Novas Consellería de Educación - Mér, 03/07/2024 - 15:22

Summary: 

Representantes do ecosistema de I+D+i de Galicia e do Norte de Portugal reuníronse esta mañá en Ponte de Lima (Portugal) para identificar as áreas prioritarias

Idioma Gallego

Máis dun cento de axentes do ecosistema de I+D+i da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal reuníronse esta mañá na Escola Superior Agraria de Ponte de Lima (Portugal) para definir, a través dun proceso participativo, as áreas prioritarias e as actuacións máis relevantes da Estratexia de Especialización Intelixente Transfronteiriza ata 2027. Esta xornada parte dos resultados extraídos no obradoiro celebrado no mes de maio en Vigo para avaliar a estratexia actual e rematará coa presentación no outono da nova Estratexia de Especialización Intelixente Transfronteiriza Galicia-Norte de Portugal (RIS3T).

A RIS3T é unha iniciativa pioneira, por tratarse da primeira RIS3 transfonteiriza en Europa, e foi recoñecida como caso de boas prácticas pola Comisión Europea. O seu obxectivo é aliñar as políticas de apoio á I+D+i na Eurorrexión e poñer en marcha proxectos coordinados. Para elo, na RIS3T 2014-2020 implementáronse actuacións encamiñadas a potenciar as capacidades das entidades da Eurorrexión e aproveitar as sinerxías entre elas, optimizando así recursos públicos, en seis áreas: enerxía do mar e biomasa, industrias agroalimentaria e biotecnolóxica, Industria 4.0, industrias de mobilidade, industrias turísticas e creativas e vida saudable e envellecemento activo.

Incremento de fondos ata os 518M€

Entre os principais resultados acadados, destaca o incremento nos fondos mobilizados en programas europeos de innovación respecto do obxectivo marcado: 517,8M€ acadados en Horizonte 2020 -programa marco de financiamento da I+D+i a nivel europeo- fronte aos 360M€ previstos. Así mesmo, cómpre subliñar o investimento mobilizado en programas de cooperación -como Interreg Poctep e Espazo Atlántico- polos axentes da Eurorrexión: 153M€.

Esta actividade enmárcase no proceso participativo con representantes do ecosistema de I+D+i -universidades, centros de coñecemento e tecnolóxicos, empresas e Administracións públicas-, que busca adecuar a RIS3T á evolución dos retos da Eurorrexión. Está organizada pola Axencia Galega de Innovación da Xunta de Galicia en colaboración coa Comissão de Coordenação e Desenvolvimento Regional do Norte (CCDR-NORTE) ao abeiro do proxecto GOBERNANZA_GNP_1_E, liderado pola Agrupación Europea de Cooperación Territorial Galicia-Norte de Portugal (GNP-AECT) e financiado polo Programa de Cooperación Transfronteiriza España-Portugal (POCTEP) da Unión Europea.

Información xeral Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional

Román Rodríguez felicita aos tres másteres que acadan o selo de excelencia e que posicionan á Universidade como “referente en España”

Novas Consellería de Educación - Mér, 03/07/2024 - 15:16

Summary: 

Os recoñecementos desta cuarta edición son os másteres en Enxeñería Química e Bioprocesos pola USC; Química Orgánica pola USC, UAM e UCM, e Ciencias, Tecnoloxías e Xestión Ambiental pola UDC

Son xa unha ducia as titulacións con este recoñecemento que lograron acreditar, nos últimos anos, a súa calidade a nivel científico, técnico e formativo

Idioma Gallego

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, enxalzou o modelo da universidade galega como “referente en España” durante o acto de recoñecemento aos másteres universitarios que acadan a Mención á Excelencia, “unha iniciativa pioneira que potencia a calidade das nosas universidades”. No acto tamén estivo presente o reitor da USC, Antonio López, e o secretario xeral de Universidades, José Alberto Díez.

O representante da Xunta participou nesta cita na que se recoñeceu o traballo de tres titulacións de máster: Enxeñería Química e Bioprocesos (Campus Santiago) da Universidade de Santiago de Compostela (USC); en Química Orgánica (Campus Santiago) da USC, a Universidade Autónoma de Madrid (UAM) e a Universidade Complutense de Madrid (UCM), e en Ciencias, Tecnoloxías e Xestión Ambiental (Campus Coruña) da Universidade da Coruña (UDC). Uns títulos que acadaron unha gran puntuación, “o que demostra o gran nivel que atesouran as nosas universidades independentemente da disciplina”, incidiu Román Rodríguez, quen aproveitou para trasladar os seus parabéns ás universidades e aos coordinadores dos másteres.

12 titulacións co selo de excelencia

Con estas novas incorporacións, xa son 12 as titulacións que contan con esta mención que reflicte a súa calidade e nivel de solvencia científica, técnica e formativa tras a súa primeira edición no curso 2019/20.

Os primeiros que obtiveron o recoñecemento foron os másteres en Enxeñería Informática e en Bioloxía Molecular, Celular e Xenética, ambos da UDC, así como o de Enxeñería Ambiental da USC. Tamén recibiron esta mención Bioinformática para Ciencias da Saúde (UDC), Biotecnoloxía Avanzada (conxunto entre UVigo e UDC) e  Tradución para a Comunicación Internacional (UVigo), Matemática Industrial (impartido entre USC, UDC e UVigo), Computación de Altas Prestacións (entre A Coruña e Santiago) e  Produción Xornalística e Audiovisual (da UDC).

Con este selo de excelencia “favorécese a competitividade destas titulacións, acreditando o seu elevado nivel académico e a solvencia científico técnica dos estudos”, sinalou o conselleiro de Universidades. “A través desta convocatoria anual queremos seguir amosando o noso compromiso coa excelencia na comunidade universitaria galega e coa mellora na formación especializada”, engadiu.

Iniciativas para potenciar calidade e especialización

Máis alá da Mención á Excelencia a titulacións universitarias oficiais de máster, Xunta e Sistema Universitario de Galicia (SUG) traballan en conxunto para fomentar a excelencia, a calidade e a adaptación da oferta formativa ás demandas da sociedade. A través do Mapa de Titulacións 2021-2026 estrearanse o curso que vén cinco másteres novos e estase traballando para poñer en marcha outros dous máis.

Así mesmo, as universidades galegas teñen un plan de financiamento plurianual estable, mobilizando case 3.200M€ para o período 2021-2026, trabállase para acadar o 1% do PIB de investimento de recursos públicos en dous anos, así como a implantación desde xa da gratuidade da 1ª matrícula para todas as titulacións.

Ademais, Galicia está sendo pioneira no deseño dun modelo de graos e másteres duais no que o alumnado combinará formación nas aulas, cun vínculo regrado e remunerado nunha empresa. “Uns datos importantes para seguir construíndo unha Universidade de primeiro nivel, con campus de alta especialización, proxectada ao escenario global, con suficiencia de financiamento e capaz de xerar resultados progresivos”, concluíu Román Rodríguez.

Información xeral Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional

A Xunta adscribirá o Colexio Novo Mesoiro ao IES A Sardiñeira, con transporte escolar gratuíto para o alumnado que así o decida

Novas Consellería de Educación - Mér, 03/07/2024 - 15:00

Summary: 

O secretario xeral técnico da Consellería de Educación, Manuel Vila, explica ante a Comisión 4ª do Parlamento as obras que se están desenvolvendo no instituto

Tamén avanzou a remodelación da aula do semi-soto e a súa adecuación como aula de tecnoloxía e a reforma do laboratorio

Paralelamente están executándose as obras das cubertas por un importe de máis de 40.000 euros, coa previsión de que estean rematadas antes do inicio do curso

Idioma Gallego

O secretario xeral técnico da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, Manuel Vila, anunciou hoxe a adscrición “de facto” do Colexio CEIP Novo Mesoiro ao Instituto IES A Sardiñeira da Coruña, unha decisión que é froito “das escoitas e das demandas” da comunidade educativa.

Segundo explicou ante a ante a Comisión 4ª do Parlamento de Galicia, esta adscrición, que será oficial unha vez que se aprobe na Xunta Provincial de Directores, leva aparellado o servizo de transporte escolar gratuíto para os alumnos do Colexio Novo Mesoiro que decidan continuar os seus estudos no instituto do barrio dos Mallos.

A nova enmárcase no compromiso do Goberno galego por ofrecer unha educación de calidade, tanto desde a perspectiva académica e pedagóxica como de servizos e de infraestruturas escolares axeitadas.

Precisamente no eido da mellora das infraestruturas, Manuel Vila anunciou o  acondicionamento da aula do semi-soto como aula de tecnoloxía e a reforma do laboratorio, unha actuación que terá un coste estimado de arredor de 50.000 euros e que a Consellería traballa para poder realizar durante este verán.

Cambio da cuberta

Paralelamente, desde o pasado mes de xuño xa se está executando o cambio de cuberta do edificio de Formación Profesional,así como outras actuacións na cuberta dos edificios do instituto, por un importe de máis de 400.000 euros.

A actuación, que está previsto que estea rematada antes do inicio do curso, abrangue a retirada do actual teito e a colocación dun panel para evitar a filtracións de auga, así como a limpeza e impermeabilización dos canlóns e a substitución das baixantes. No que atinxe ao edificio do IES e o edificio anexo do ximnasio, levarase a cabo a limpeza da cuberta e a impermeabilización dos soportais e a renovación e protección de baixantes.

Información xeral Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional

Resolución do 24 de xuño de 2024, da Dirección Xeral de Formación Profesional, pola que se establecen as bases para o desenvolvemento dos ciclos formativos plurilingües nas ensinanzas profesionais de artes plásticas e deseño (PluriArt) curso 2024/2

Novas Consellería de Educación - Mér, 03/07/2024 - 10:28
Idioma Gallego

Xúntase a Resolución do 24 de xuño de 2024, da Dirección Xeral de Formación Profesional, pola que se establecen as bases para o desenvolvemento dos ciclos formativos plurilingües nas ensinanzas profesionais de artes plásticas e deseño (PluriArt) para o curso 2024/25.

  • O prazo de presentación de solicitudes comezará o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia e rematará aos dez días hábiles contados a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución.

 

File: 

Resolución do 24 de xuño de 2024 (DOG)

Tema: 

Plurilingüismo Programas e plans

Ensinanza: 

Ensinanzas de réxime especial Ensinanzas profesionais de artes plásticas e deseño

Departamento: 

Dirección Xeral de Formación Profesional Subdirección Xeral de Aprendizaxe Permanente, Ensinanzas Artísticas, Idiomas e Deportivas Servizo de Ensinanzas de Réxime Especial e Aprendizaxe Permanente

Colectivo: 

Profesorado Alumnado Familias Centros

Sección: 

Boletín Portada de boletín

Convocada a selección de plans de formación permanente do profesorado PFPP que se van implantar en centros educativos públicos dependentes desta consellería no curso 2024/25

Novas Consellería de Educación - Mér, 03/07/2024 - 10:12
Idioma Gallego

RESOLUCIÓN do 2 de xullo de 2024, da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos, pola que se convoca a selección de plans de formación permanente do profesorado que se van implantar en centros educativos públicos dependentes desta consellería no curso 2024/25.

 

File: 

Resolución do 2 de xullo de 2024

Servizo relacionado: 

FPROFE

Tema: 

Proxectos de Formación Permanente do Profesorado

Ensinanza: 

Ensinanzas de réxime xeral Ensinanzas de réxime especial

Departamento: 

Servizo de Programas de Formación

Colectivo: 

Profesorado Centros

Sección: 

Boletín Portada de boletín

Puntuacións provisionais das persoas candidatas para cubrir postos de persoal asesor na Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional (Orde do 27 de maio de 2024)

Novas Consellería de Educación - Mar, 02/07/2024 - 20:52
Idioma Gallego

Publicación de puntuacións provisionais das persoas candidatas correspondentes ao concurso público para cubrir postos de persoal asesor na Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, convocado pola Orde do 27 de maio de 2024.

 

Anuncio principal: 

Convocatoria do concurso público de méritos para cubrir postos de persoal asesor na Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional

Tema: 

Comisións de servizo

Departamento: 

Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos Subdirección Xeral de Recursos Humanos

Colectivo: 

Profesorado

A Xunta premia os mellores proxectos de investigación dos estudantes que cursan o Bacharelato de Excelencia en Ciencias e Tecnoloxía

Novas Consellería de Educación - Mar, 02/07/2024 - 20:42

Summary: 

As alumnas gañadoras pertencen aos institutos IES Plurilingüe Eusebio da Guarda da Coruña, IES Plurilingüe Rosalía de Castro de Santiago e IES Blanco Amor de Ourense

“Os premios demostran a calidade e o talento que atesouran os estudantes galegos e convido a afondar máis na formación STEM”, destaca o conselleiro

Como novidade, a partir do vindeiro curso, as universidades galegas recoñecerán con créditos a participación do alumnado de Bacharelato neste programa

Idioma Gallego

A Xunta de Galicia vén de recoñecer este curso, por primeira vez, os mellores proxectos de investigación realizados polos centros educativos no marco do Bacharelato de Excelencia en Ciencias e Tecnoloxía, STEMBach, unha iniciativa que ten como finalidade impulsar a formación STEM (ciencias, tecnoloxía, enxeñaría e matemáticas) e as habilidades científico-tecnolóxicas, en especial no tratamento de datos e na incorporación da intelixencia artificial á sociedade, así como fomentar as vocacións neste eido entre os máis novos. 

Na xornada de hoxe, os nove mellores proxectos do programa de STEMBach, dos 61 desenvoltos, defenderon os seus traballos ante un xurado. Nesta parte avaliáronse criterios como a puntuación acadada na fase preliminar e, se a exposición está ben estruturada e organizada. Finalmente seleccionaranse os tres mellores proxectos de investigación. O titular do departamento educativo galego destacou que estes proxectos “demostran a calidade e o talento que atesouran os estudantes galegos e convido a afondar máis na formación STEM”.

Os gañadores son o IES Eusebio da Guarda da Coruña co proxecto Novas dianas terapéuticas para o tratamento da artroses: un modelo con algas mariñas, realizado por Natalia Gómez e Ha Nul Kim; o IES Rosalía de Castro con Influencia das condicións meteorolóxicas na cantidade de raios cósmicos detectados na superficie, feito por Belén Carla Merino Pazos, e Tipo de redes neuronais: fundamentos teóricos e aplicacións, traballo de Aroa Álvarez, Andrea Dapena, Natalia Fernández e Alba Quintas, alumnas do IES Eduardo Blanco Amor. As premiadas, todas mulleres, irán de viaxe á feira SciFest de  Dublín, en Irlanda. 

Centro premiados

Alumnas participantes

Titoría do proxecto

Director de investigación

Proxecto

IES Plurilingüe Eusebio da Guarda (A Coruña)

Natalia Gómez López e Ha Nul Kim Youm

María Jesús Mourazos

Valetina Calamia e Carlos Vaamonde-García

Novas dianas terapéuticas para o tratamento da artroses: un modelo con algas mariñas

IES Plurilingüe Rosalía de Castro (Santiago de Compostela)

Belén Carla Merino Pazos

Enrique Cao Rodríguez

Cristina Cabo Landeira

Influencia das condicións meteorolóxicas na cantidade de raios cósmicos detectados na superficie

IES Eduardo Blanco Amor (Ourense)

Aroa Álvarez Pérez, Andrea Dapena Suárez, Natalia Fernández Valeiras e Alba Quintas Núñez

Carlos Ferreiro García

José Ángel Cid Araújo

Tipo de redes neuronais: fundamentos teóricos e aplicacións

 

Todos os proxectos realizaron prácticas para coñecer as aplicacións reais da ciencia e a técnica, así como adquirir unha formación actualizada e autónoma que lles estimule para os futuros estudos universitarios.

O xurado destacou a calidade dos proxectos que resultaron premiados así como do resto de finalistas, detallados a continuación:

Centro

Proxecto

IES Plurilingüe Eusebio da Guarda (A Coruña)

Medición da calidade lingüística de textos con técnicas de lingüística computacional

IES Plurilingüe Eusebio da Guarda (A Coruña)

Sistemas automáticos de recomendación de videoxogos

IES Agra do Orzán (A Coruña)

Sistema automático de recomendacións de videoxogos

IES Nosa Sra. dos Ollos Grandes (Lugo)

Materiais construtivos e procesos de deterioro da Catedral de Lugo e Capela do Carme

IES Nosa Sra. dos Ollos Grandes (Lugo)

Estimación do sexo, idade e talla en restos óseos humanos

CPR Plurilingüe Miralba (Vigo)

Explorando ambientes extremos como fonte de microorganismos produtores de enzimas de interese industrial

IES Plurilingüe Rosalía de Castro (Santiago de Compostela)

Sensoxenómica, descifrando a melodía xenética da saúde e a enfermidade

Novidades para o vindeiro curso

STEMbach é unha iniciativa que facilita a adquisición de competencias transversais como a creatividade,  o emprendemento, a resolución de problemas, o traballo en equipo, o pensamento crítico e a cidadanía global. Ademais, o programa pon especial foco na redución da fenda de xénero, mellorando a presenza de mulleres en carreiras do ámbito STEM e técnicas.

O titular do departamento galego, aproveitou esta xornada para destacar os bos resultados deste plan educativo. “O éxito da iniciativa pódese medir na calidade dos proxectos presentados e no volume de centros participantes, 45, e por ser cursado por 774 alumnos”, salientou. Os estudantes desenvolven un proxecto de investigación relacionado con calquera ámbito de recoñecemento de materias cursadas, que está codirixido por un docente pertencente a un departamento universitario ou entidade de investigación de Galicia e do que o alumno realiza unha defensa do traballo en sesión publica.

No acto tamén participaron a directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa, Judith Fernández, a vicerreitora de Titulacións e Internacionalización da USC, María José López, a vicerreitora de Estudantando e Empregabilidade da UVigo, Natalia Caparrini, e a responsable do STEMbach da UDC, Susana Ladra.

A convocatoria do programa STEMBach para o vindeiro curso ten como novidade que as universidades recoñecerán con créditos ECTS a participación do alumnado de Bacharelato neste programa educativo. Grazas a iso, os estudantes que superen o STEMbach e se matriculen posteriormente nalgunha das universidades públicas galegas verá recoñecido con créditos de libre configuración gratuítos este mérito. En total, poderán obter 1,5 créditos ECTS por curso académico universitario, ata un máximo de 6 créditos ECTS. Este feito será aplicable tanto para os que titulen de aquí en diante como para os que xa o fixeron en cursos anteriores.

Información xeral Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional
Distribuir contido

Back to top