Agregador de novas

Aprobadas as primeiras medidas para reducir a burocracia nos centros educativos, que entrarán en funcionamento ao inicio do vindeiro curso

Novas Consellería de Educación - Lun, 15/07/2024 - 15:42

Summary: 

Co obxecto de mellorar o servizo a alumnos e familias, implántase un sistema de expedición automatizada de certificados e a tramitación integrada das solicitudes de intervención dos Equipos de Orientación Específica

Os equipos directivos contarán desde setembro cun sistema integral dixitalizado da tramitación de permisos docentes

Ao inicio do curso estarán actualizados os protocolos de absentismo e de procedemento corrector de condutas contrarias ás normas de convivencia

A redución da burocracia no ensino é un dos puntos pactados entre a Xunta e as organizacións sindicais dentro do Acordo para a mellora do sistema educativo

Idioma Gallego

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, reuniuse hoxe coa Comisión para a Simplificación e Eficiencia na Xestión Educativa, órgano creado co obxectivo de reducir a burocracia nos centros educativos. Logo de varios meses de labor a través de diversos grupos de traballo, presentáronse e avaliáronse as primeiras medidas con esta finalidade, co obxectivo de que entren en vigor a partir de setembro co inicio do novo curso. A redución da burocracia no ensino é un dos puntos pactados entre a Xunta de Galicia e as organizacións sindicais dentro do Acordo para a mellora do sistema educativo asinado o pasado outono.

 

O obxectivo é alixeirar aos equipos directivos e aos docentes de determinadas tarefas administrativas que poden ser optimizadas e facilitadas, de tal modo que poidan dedicar ese tempo a labores propiamente educativos.

 

Medidas para alumnos, familias e docentes

Así pois, na reunión de hoxe da Comisión -composta por representantes da Consellería, de docentes de colexios, institutos e centros integrados de FP e das tres organizacións sindicais asinantes do Acordo- analizáronse os informes técnicos dos catro grupos de traballo específicos creados para tal fin segundo o tipo de ensinanzas (de Infantil e Primaria, de Secundaria, de FP e de Réxime Especial) e pecháronse as primeiras medidas que inciden na mellora dos servizos ao alumnado e as súas familias e no labor dos docentes e dos equipos directivos.

 

Neste senso, no que atinxe directamente aos servizos ao alumnado e ás familias, xa desde principios de curso operará a expedición automatizada de certificados (por exemplo, certificados de matrícula), así como a tramitación integrada de solicitudes de intervención dos Equipos de Orientación Específica. Neste último caso será unha tramitación en liña, que axilizará considerablemente o proceso, centralizándoo nun expediente único desde que un orientador pide a intervención para un alumno en concreto, a dirección visa a solicitude e finalmente a valida a Inspección Educativa.

 

No que atinxe á mellora dos servizos docentes e á interacción cos equipos directivos, desde principios de curso operará un procedemento simplificado para o rexistro das actividades do profesorado na plataforma XADE de Xestión Administrativa de Educación. Así mesmo, operará un sistema integral para a xestión de permisos e licenzas dos docentes para asistir a actividades de formación, con tramitación dixital dos mesmos.

 

Doutra banda, en resposta ás demandas formuladas desde os centros educativos, tamén se deu o visto e prace á facilitar progresivamente as probas das avaliacións de diagnóstico en soporte dixital, fronte ao formato papel no que se subministraban ata o de agora.

 

Dixitalización e tratamento de datos

Finalmente, outros dos aspectos avaliados hoxe e que entrará en vigor no primeiro trimestre do curso 2024-25 é a actualización dos protocolos de absentismo, de procedemento corrector de condutas contrarias ás normas de convivencia, coa finalidade de proporcionar aos centros documentos e guías actualizadas. Na xuntanza tamén se acordou seguir traballando na implementación doutras medidas de mellora de funcionamento dos centros que derivará nun mellor servizo á comunidade educativa e que completarán o primeiro paquete de accións aprobadas esta mañá.

 

En xeral continuarase avanzando na integración e actualización de procedementos burocráticos de xestión interna a través da dixitalización de procesos, acceso e tratamento de datos; na xestión da documentación do alumnado cun espazo dixital único para arquivar, conservar e transmitir documentos a pais e alumnos, así como establecer un sistema para transferir rapidamente e con acceso controlado os documentos das probas obxecto de reclamación; en melloras relativas á xestión de transporte e comedor escolar, e na simplificación do proceso de matrícula, entre outros.

 

Información xeral Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional

A Xunta eleva a 300.000€ o orzamento para os comedores de escolares con discapacidade ao sumar un acordo co centro Lenda Educativa, de Carballo

Novas Consellería de Educación - Lun, 15/07/2024 - 14:39

Summary: 

Destinaranse case 7.700€ para facilitar o servizo a 15 usuarios deste colexio

Súmase aos acordos con 13 asociacións especializadas na atención a persoas con discapacidades e coa Deputación de Pontevedra para 557 alumnos con necesidades

Idioma Gallego

O Consello da Xunta deu hoxe luz verde á subscrición dun acordo de colaboración coa sociedade cooperativa Lenda Galega, responsable do Centro de Educación Especial do mesmo nome en Carballo, para prestar o servizo de comedor escolar adaptado a 15 usuarios deste colexio ao longo do vindeiro curso. Destinarase un orzamento de 7.689,6€ para este fin. Este convenio ven a substituír ao tramitado anteriormente con ASPABE, que pechou o centro asumido agora pola devandita cooperativa.

 

Este acordo súmase aos xa autorizados con outras 13 asociacións especializadas na atención a persoas con discapacidades e coa Deputación de Pontevedra para facilitar o servizo de comedor escolar a usuarios do CEE Pontevedra. Deste xeito, o Goberno galego destinará o vindeiro curso 295.679,6€ a facilitar o servizo de comedor adaptado a 572 alumnos con necesidades educativas específicas escolarizados en centros especializados en atender a súa discapacidade.

 

Esta colaboración enmárcase no compromiso do departamento educativo da Xunta de Galicia coa atención á diversidade do alumnado galego, garantindo o acceso á educación dun sector da poboación escolar galega que require una atención específica e preferente.

 

Deste xeito, as diferentes asociacións e entidades comprométense a facilitar ao alumnado discapacitado a utilización do comedor escolar, asumindo a súa atención e coidado durante o período comprendido entre o remate das clases matinais e o propio remate do servizo de comedor. Cómpre sinalar o carácter educativo que para este alumnado con distintos tipos de discapacidades ten o comedor escolar, en canto ao aprendizaxe de habilidades que redunden nunha maior autonomía persoal e, polo tanto, nunha maior inclusión.

 

Información xeral Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional

A Consellería de Educación inicia o expediente para contratar o subministro de gasóleo de calefacción para 820 centros de ensino de Galicia por case 15,6M€

Novas Consellería de Educación - Lun, 15/07/2024 - 14:31

Summary: 

Está previsto un consumo total de 14,7 millóns de litros de gasóleo tipo C nos dous anos de duración do contrato

O contrato poderá prorrogarse dous anos e contempla a posibilidade de modificar ata un 20% do importe de cada un dos 75 lotes para axustalo ás necesidades

Idioma Gallego

O Consello da Xunta aprobou hoxe o inicio do expediente de contratación do subministro de gasóleo de calefacción para 820 centros dependentes da Consellería de Educación, Ciencia Universidade e Formación Profesional en todo o territorio galego. Para tal fin destinaranse case 15,6M€ no período que vai do 26 de novembro deste ano (cando remata a prórroga do contrato anterior) e o mesmo día do ano 2026. Está previsto un consumo total de 14,7 millóns de litros de gasóleo tipo C nos dous anos de duración do contrato.

 

O obxectivo do contrato é garantir o subministro de gasóleo para o servizo de calefacción nos centros públicos, ao tempo que planificar a súa adquisición de xeito que se acade un maior grao de optimización e control na subministración deste produto.

 

O contrato inclúe a subministración do combustible para a calefacción de 820 centros, en concreto dos centros dependentes da Consellería que imparten ensinanzas de Educación Especial, Educación Primaria, Educación Infantil e Primaria, centros públicos integrados, institutos de Educación Secundaria, centros integrados de FP, centros de ensinanzas artísticas, escolas oficiais de idiomas, escolas e conservatorios de Música, escolas superiores de Arte Dramática, conservatorios de Danza e centros residenciais docentes. Exclúense do expediente todos aqueles centros que non utilizan este tipo de combustible para a calefacción pola extensión progresiva da biomasa, entre outros motivos, e aqueles outros nos que a existencia de instalacións compartidas e incluso en moitos casos, depósitos de combustible compartidos, facían imposible a oportuna separación do combustible utilizado e pagado polo centro, do utilizado e pagado pola outra entidade coa que comparten as instalacións.

 

En calquera caso, e dado que as necesidades educativas das zonas son variables, o prego de cláusulas administrativas prevé a posibilidade de modificación contractual sempre que a modificación non exceda do 20% dos litros de gasóleo de cada un dos 75 lotes nos que se divide o expediente, agrupados por criterios xeográficos. Tendo en conta estas posibles modificacións, así como a posibilidade de prorrogar o contrato por dous anos máis, o valor estimado de expediente ascende a máis de 30,9M€.

 

A petición dos centros

O gasóleo será subministrado de forma sucesiva, acorde cos encargos realizados polos centros receptores por correo electrónico. O contratista realizará a subministración dentro dos dous días hábiles seguintes ao do envío do encargo, ante o responsable do contrato derivado (director do centro) ou persoa en quen esta delegue a tarefa, quen asinará o albarán de entrega da subministración que a empresa contratista lle entregue.

 

O contratista asume no prezo ofertado todos os gastos derivados do transporte e entrega do combustible, e deberá proceder as entregas no prazo indicado con independencia das peculiaridades dos accesos aos depósitos dos centros peticionarios.

 

Para poder coñecer as ditas peculiaridades de acceso aos depósitos, os licitadores poderán, antes de presentar a súa oferta, solicitar a visita ás instalacións dos centros dos lotes aos que pretenda concorrer, poñéndose en contacto coas persoas que ostenten a dirección dos centros.

 

Coa finalidade de promover unha maior concorrencia e abrir o mercado a distribuidores minoristas, o acordo establece que cada empresa poderá concorrer á licitación dun máximo de 15 lotes e poderá resultar adxudicatario dun máximo de 10 lotes. Seleccionaranse as ofertas economicamente máis vantaxosas en atención ao desconto sobre o prezo semanal publicado no Boletín Oficial do Petróleo da Comunidade Europea (BOPCE).

 

Información xeral Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional

Resolución do 12 de xullo de 2024, da Dirección Xeral de Formación Profesional, pola que se ditan instrucións para o desenvolvemento das ensinanzas básicas de educación e bacharelato para persoas adultas e ensinanzas non regradas no curso 2024/25

Novas Consellería de Educación - Lun, 15/07/2024 - 11:58
Idioma Gallego

Xúntase a Resolución do 12 de xullo de 2024, da Dirección Xeral de Formación Profesional pola que se ditan instrucións para o desenvolvemento das ensinanzas básicas de educación para persoas adultas, bacharelato para persoas adultas e ensinanzas non regradas no curso académico 2024/25 (Próxima publicación en DOG).

File: 

Resolución do 12 de xullo de 2024

Tema: 

Información xeral

Ensinanza: 

Educación de persoas adultas

Departamento: 

Dirección Xeral de Formación Profesional Subdirección Xeral de Aprendizaxe Permanente, Ensinanzas Artísticas, Idiomas e Deportivas Servizo de Ensinanzas de Réxime Especial e Aprendizaxe Permanente

Colectivo: 

Profesorado Centros

Sección: 

Boletín Portada de boletín

O CIFP Politécnico de Santiago e o CIFP As Mercedes de Lugo participan nos dous mellores proxectos de innovación e investigación aplicada á FP de España

Novas Consellería de Educación - Dom, 14/07/2024 - 14:03

Summary: 

Son as dúas iniciativas con maior puntuación entre as 257 que obteñen axudas para o seu desenvolvemento

Un total de 19 centros de FP galegos participan en 31 proxectos seleccionados na convocatoria estatal, a través dos que captan 1,3M€

Estes resultados demostran o gran potencial innovador da FP galega, impulsada por iniciativas da Xunta como a Estratexia FP Galicia 2030 e o Plan Innova FP Galicia

Idioma Gallego

O proxecto Posta en marcha virtual con xemelgo dixital, no que participa o Centro Integrado de FP Politécnico de Santiago en colaboración co CIFP de Avilés (Asturias), vén de ser seleccionado na convocatoria estatal de proxectos de innovación e investigación aplicada como o mellor de España entre os 257 que obteñen axudas para o seu desenvolvemento. A segunda maior puntuación nesta mesma convocatoria é para a iniciativa Windlab: dixitalización 4.0 na xeración eólica, coordinado polo CIFP As Mercedes (Lugo) en colaboración co CIFP Somorrostro (Biscaia). Os proxectos desenvólvense coa cooperación das empresas Mondragón Educación Internacional e Aldabe Sistemas, respectivamente.

Un total de 19 centros de FP galegos participan en 31 proxectos beneficiarios da convocatoria estatal, 17 deles coordinados por centros da nosa Comunidade. En total os centros galegos recibirán 1.258.197€ para a execución das actividades previstas, que se desenvolven en colaboración con centros educativos e empresas doutras comunidades autónomas.

Estes resultados demostran o gran potencial innovador da FP galega, impulsada por iniciativas da Xunta como a Estratexia FP Galicia 2030 e o Plan Innova FP Galicia que, xunto co Plan FPGal360 de orientación profesional integral, son as follas de ruta do modelo de éxito de Galicia nestas ensinanzas.

Transferencia de coñecemento

A través desta convocatoria fináncianse proxectos de innovación e investigación aplicada e transferencia de coñecemento en FP que contan con capacidade para xerar, compartir e mobilizar saberes, produtos e recursos de utilidade social e económica entre os centros de FP e as empresas e entidades participantes. A súa duración é variable en función dos seus obxectivos e características e poden desenvolverse ao longo de dous anos.

Trátase de iniciativa que ensaian novas fórmulas en resposta á evolución experimentada polas familias, sectores e perfís profesionais, formas de xestión e organización empresarial, aos requirimentos de procesos técnicos emerxentes e á mellora da competitividade nacional e internacional das empresas, ás necesidades de cambio metodolóxico para un mellor desenvolvemento competencial e transición ao mercado laboral do alumnado do sistema de Formación Profesional, así como para atender as necesidades de perfís profesionais con formación STEAM.

Os proxectos con participación galega, ordenados pola súa puntuación, son os recollidos na seguinte táboa:

Proxecto

Centro educativo

Importe da axuda

Tipo de participación

Posta en marcha virtual con xemelgo dixital

CIFP Politécnico de Santiago

50.000,00 €

Colaborador

Windlab: dixitalización 4.0 na xeración eólica

CIFP As Mercedes (Lugo)

49.990,00 €

Coordinador

Aeroprint4.0- eficiencia eólica: impresión 3D, túnel de vento e deseño de palas

CIFP As Mercedes (Lugo)

49.995,00 €

Coordinador

Seguridade industrial 5.0 aplicada a procesos de produción humano máquina

CIFP Politécnico de Lugo(Lugo)

49.999,98 €

Colaborador

Dixitalización da xestión enerxética mediante smart panel

CIFP Politécnico de Lugo (Lugo)

29.650,52 €

Colaborador

Robótica móbil aplicada á loxística i4.0

CIFP Politécnico de Lugo (Lugo)

29.969,80 €

Coordinador

Equipo móbil snoezelen high- tech inmersivo para unha estimulación integral de persoas con dependencia

CIFP Ánxel Casal - Monte Alto (A Coruña)

38.700,00 €

Colaborador

Optimización do proceso de atornillado con cobot y visión artificial

IES de Fene (Fene)

50.000,00 €

Coordinador

Virtualclasshvac4.0

IES Universidade Laboral (Ourense)

34.000,00 €

Coordinador

Modelos de sostibilidade e dixitalización da produción a través do xemelgo dixital

IES Politécnico de Vigo (Vigo)

29.984,50 €

Coordinador

Edificios-laboratorio demostrativos de eficiencia enerxética

CIFP As Mercedes (Lugo)

49.950,00 €

Coordinador

Estratexia conxunta para mellora de competencias e acceso da muller a sectores TIC e construción

IES Ribeira do Louro (O Porriño)

38.430,00 €

Coordinador

Metodoloxías STEM aplicadas á mecatrónica para industria 4.0

CIFP A Farixa (Ourense)

29.998,95 €

Coordinador

Mobilidade de hidróxeno verde en FP

CIFP As Mercedes (Lugo)

49.670,00 €

Colaborador

Transformación integral edu- industria mediante procesos robotizados de soldadura por cold arc

CIFP Politécnico de Lugo (Lugo)

50.000,00 €

Coordinador

Fabricación robotizada e intelixente de focos led

CPR Colegio Hogar Afundación (Pontevedra)

26.763,00 €

Colaborador

Aulas inmersivas para a formación en enerxías renovables

CIFP As Mercedes (Lugo)

25.000,00 €

Colaborador

Facesecure pharma tecnoloxía de recoñecemento facial para a administración personalizada e segura de medicamentos con asistencia

IES Fernando Wirtz Suárez (A Coruña)

50.000,00 €

Coordinador

Demostrador dun sistema de integración continua despregado baixo tecnoloxías cloud para proxectos de intelixencia artificial

IES Fernando Wirtz Suárez (A Coruña)

44.590,00 €

Coordinador

Aprendendo e emprendendo en cooperación

IES Plurilingüe Antón Losada Diéguez (A Estrada)

30.000,00 €

Colaborador

Deseño dunha planta en modelo formativo que vai permitir a elaboración de actividades prácticas utilizando as tecnoloxías

IES Universidade Laboral (Ourense)

50.000,00 €

Coordinador

Desenvolvemento de procesos de fabricación flexible e intelixente mediante cobots para a industria 4.0

CIFP A Farixa (Ourense)

33.250,00 €

Coordinador

Tecnoloxía SLS como reemprazo de outros medios de fabricación

CIFP Politécnico de Lugo (Lugo)

50.000,00 €

Coordinador

Aplicación da fabricación aditiva na creación de útiles para mellora de actividades cotiás de persoas con necesidades especiais

IES Perdouro (Burela)

50.000,00 €

Colaborador

Wall-e: reciclaxe de plásticos baseado en robótica colaborativa, visión artificial e deep learning

CIFP Politécnico de Lugo (Lugo)

50.000,00 €

Colaborador

Integración da visión con intelixencia artificial na robótica móbil

CIFP Fontecarmoa (Vilagarcía de Arousa)

50.000,00 €

Coordinador

Creación de xemelgos dixitais para a súa integración en animacións, videoxogos e realidade virtual

CIFP Imaxe e Son (A Coruña)

40.000,00 €

Colaborador

Edspaces deseño de espazos educativos polivalentes adaptados ás novas metodoloxías de aprendizaxe

CIFP Valentín Paz Andrade (Vigo)

30.000,00 €

Colaborador

Aumentando o rendemento da robótica, valéndose da intelixencia artificial

CIFP A Farixa (Ourense)

39.955,49 €

Coordinador

Hodei clima

CIFP Universidade Laboral (Culleredo)

33.300,00 €

Colaborador

Modelización de procesos biotecnolóxicos en contornas virtuais baseados na internet das cousas

IES A Sardiñeira (A Coruña)

25.000,00 €

Colaborador

 

Información xeral Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional

Román Rodríguez supervisa as obras de ampliación do CIFP Vilamarín, que este ano suma dous ciclos de FP na modalidade dual intensiva

Novas Consellería de Educación - Sáb, 13/07/2024 - 13:46

Summary: 

O conselleiro de Educación visita a obra na que a Xunta inviste 800.000€ e que se prevé completar a finais do último trimestre do ano

Estase a construír un novo módulo para as aulas e talleres dos títulos de Pastelería e Panadería

Idioma Gallego

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, supervisou hoxe o avance das obras de ampliación do Centro Integrado de FP Vilamarín. Durante o seu percorrido polo centro, no que estivo acompañado pola directora xeral de FP, Eugenia Pérez, o titular do departamento educativo da Xunta destacou o acerto da súa conversión en centro integrado o pasado curso, “que permitiu reforzar a súa especialización na familia profesional da Hostalaría na área de Ourense, apostando polo sector agro-hostaleiro, facendo énfase na hostalería  sostible de quilómetro 0”, dixo.

Román Rodríguez remarcou que as obras en marcha teñen como obxectivo, precisamente, mellorar os espazos para impartir os ciclos desta familia profesional. A intervención inclúe a ampliación do centro pola falta de espazo no módulo de talleres-cociña, máis concretamente na zona dedicada a Pastelería. Para iso, estase a edificar un novo volume encostado á edificación actual, pola súa banda norte, cun soto destinado a vestiarios e limpeza e unha planta baixa dividida en tres grandes aulas/talleres, unha de Panadería e outros dos espazos de Pastelería.

A remodelación deste centro conta cun investimento de case 800.000€ co obxectivo de renovar e adaptar as infraestruturas aos novos servizos. O conselleiro explicou que o obxectivo desta obra “é dar resposta ás necesidades logo de converterse en CIFP e ampliar a oferta FP no rural, como un reforzo á especialización da hostalaría na área de Ourense”.

A obra, iniciada no mes de maio, xa leva avanzado un 14% do proxecto e se prevé que este rematada para o último trimestre do ano 2024. Agora durante a época estival estanse desenvolvendo as actuacións na estrutura, realizándose o forxado da baixa cuberta.

Román Rodríguez enmarcou esta actuación no compromiso da Xunta co impulso á FP en Galicia. “Non en balde, para o curso que vén, o centro contará co ciclo básico de Dual Intensiva de Aproveitamentos forestais, con 18 prazas, e co ciclo de medio de Dual Intensiva en Servizos de restauración, con 44 alumnos”, resaltou durante a visita.

Información xeral Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional

A Xunta recoñece a excelencia de 448 universitarios cos premios Ángela Ruíz Robles

Novas Consellería de Educación - Sáb, 13/07/2024 - 13:18

Summary: 

Van dirixidos ao alumnado de grao coas mellores cualificacións nas universidades galegas, agás no último curso, no que se outorgan os Premios Fin de Carreira

Deles, 177 estudan na Universidade de Santiago de Compostela, 143 na de Vigo, 122 na da Coruña (UDC) e seis na Universidade Intercontinental de la Empresa (UIE)

Idioma Gallego

Un total de 448 estudantes de grao do Sistema Universitario de Galicia acaban de ser recoñecidos cos premios á excelencia académica Ángela Ruíz Robles. Este galardóns van dirixidos aos estudantes con mellores cualificacións no ano académico 2022/23 e concédese un por cada curso, agás no derradeiro, no que se outorgan os Premios Fin de Carreira.

No total das catro universidades, o 64,5% das galardoadas son mulleres e o 35,5% homes. A rama de coñecemento con máis premiados é Ciencias Sociais e Xurídicas (204), seguida de Enxeñaría e Arquitectura (81), Ciencias da Saúde (60), Artes e Humanidades (53) e Ciencias (50).

A Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP outorga 1.100 euros a cada unha dos galardoados. Ademais, as persoas premiadas que teñen unha nota media igual ou superior a 9 puntos, un total de 225, reciben unha contía complementaria de 500€.

Para poder ser premiado, o alumnado deberá ter no curso académico 2022/23 unha nota media igual ou superior a oito puntos e ter superado a totalidade dos créditos matriculados, que como mínimo serán 60. Tamén estar matriculado da mesma titulación no  2023/24.

Campus e cualificacións

A distribución de alumnos galardoados, a proposta das propias universidades, é de 177 na Universidade de Santiago de Compostela (USC), 143 na Universidade de Vigo (UVigo), 122 na Universidade da Coruña (UDC) e seis na Universidade Intercontinental de la Empresa (UIE).

No que atinxe aos campus, 135 premiados son de Santiago, 97 da Coruña, 63 de Vigo, 53 de Ourense, 42 de Lugo, 27 de Pontevedra e 25 de Ferrol. Ademais, na UIE tres son do campus de Vigo e tres do da Coruña.

No que referido ás cualificacións, na USC a máxima nota é un 10 nos graos en Enxeñaría Informática, en Filosofía e nos dobres graos en Dereito e Relacións Laborais e Recursos Humanos e en Enxeñaría Informática e Matemáticas. Na UVigo obtiveron tamén a máxima nota de 10 alumnos do grao en Educación Primaria, de Ciencias da Actividade Física e do Deporte e do grao en Educación Social. Na UDC a máxima nota é un 9,9 no grao en Socioloxía. No caso da UIE, a máxima nota é un 8,72 no grao en Administración e Dirección de Empresas.

Referente no ensino innovador

Este é o segundo ano no que estes galardóns reciben o nome de Ángela Ruíz Robles, mestra ferrolá de adopción, que foi un exemplo de valores como o esforzo, o tesón, a excelencia, a continua aprendizaxe e a vocación de servizo á sociedade. Ademais, en 1949 inventou e rexistrou a patente do que é o antecedente do libro electrónico.

Nada no ano 1895 en Villamanín (León), Ángela Ruiz Robles trasladouse en 1918 a Ferrol. Foi docente e directora de varias escolas, como a de nenas no Hospicio de Ferrol ou o Instituto Ibáñez Martín. Así mesmo, fundou a Academia Elmaca na que desenvolveu un labor pedagóxico e social que lle valeu a concesión en 1947 da Cruz de Alfonso X o Sabio, por accións como impartir clases nocturnas gratuítas ás persoas con poucos recursos. Foi pioneira, ademais, coa invención dunha enciclopedia mecánica, cuxa patente rexistrou en 1949, e que está considerada o antecedente do libro electrónico.

Información xeral Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional

Un total de 102 investigadores predoutorais súmanse ás universidades públicas e outros organismos cun contrato financiado pola Xunta

Novas Consellería de Educación - Ven, 12/07/2024 - 12:48

Summary: 

O Goberno galego inxecta case 12M€ máis neste programa, elevando a 347 os investigadores predoutorais con apoio da Administración autonómica

61 profesionais desenvolverán o seu labor na Universidade de Santiago, 20 na de Vigo, nove na da Coruña e outros 12 incorpóranse a diferentes entidades de investigación

Cada beneficiario recibe entre 24.000 e 30.000€ anuais durante os catro anos de contrato, ademais de complementos de ata 6.000€ por estadía no estranxeiro

Idioma Gallego

Un total de 102 investigadores incorporaranse este mes de xullo ás universidades públicas galegas e outros organismos de investigación na súa etapa predoutoral cun contrato financiado pola Xunta. O Diario Oficial de Galicia vén de publicar a resolución destas axudas, por un importe total de máis de 11,7M€. As axudas están cofinanciadas parcialmente no ámbito das universidades do Sistema universitario de Galicia pola Unión Europea no marco do Programa FSE+ Galicia 2021-2027.

No que atinxe aos centros nos que realizarán a súa actividade, 61 incorporaranse á Universidade de Santiago de Compostela, 20 á de Vigo e nove á da Coruña. Ademais, catro desenvolverán o seu labor na Fundación Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela (FIDIS), tres no Instituto de Investigacións Mariñas (IIM-CSIC), tres no Instituto de Investigación Biomédica da Coruña (INIBIC) e dous na Fundación Biomédica Galicia Sur (FBGS).

O obxectivo destas axudas é apoiar a formación do persoal investigador desde etapas iniciais (preparación da tese doutoral) partindo da base de que, mediante procesos formativos estables, adquirirán as habilidades propias do persoal investigador. En total, hai 347 predoutorais realizando os seus traballos de investigación en Galicia grazas a esta liña de apoio da Xunta de Galicia, dos que 245 son de anteriores convocatorias, aos que se suman os 102 novos investigadores financiados a través da de 2024.

Estadías no estranxeiro

Os contratos predoutorais da Xunta teñen catro anos de duración e inclúen estadías de tres meses no estranxeiro. As persoas seleccionadas recibirán unha contía de 24.000 euros anuais durante os primeiros tres anos. O cuarto ano, recibirán 29.000 ou 30.000 euros en función de se len ou non a tese antes.

A maiores, hai que engadir un complemento de estadía no estranxeiro que pode acadar os 6.000 euros de máximo, xa que varía en función da zona de destino. Deste xeito, se o científico escolle Portugal ou Andorra recibirá 2.000 euros; se realiza a súa estancia en Europa (salvo os dous países anteriores), África ou América (agás Estados Unidos e Canadá) terá á súa disposición 4.000 euros, e se o destino é Estados Unidos, Canadá, Asia ou Oceanía, a achega será de 6.000 euros.

Ao igual que na convocatoria do ano pasado, o período do contrato mantense nos catro anos, e dáse a oportunidade de que un investigador predoutoral poida acceder a un contrato posdoutoral nese cuarto ano. Isto é, se o investigador beneficiario dunha destas bolsas le a tese antes do inicio do seu cuarto ano de contrato, a Xunta financiaralle un contrato de capacitación para a etapa posdoutoral durante ese último ano, cunha dotación de 30.000€. En caso de non conseguir ler a tese antes desa data, o investigador beneficiario continuará o seu cuarto ano cun contrato predoutoral polo que recibirá 29.000€.

Esta liña de actuación súmase a outras accións da Xunta de apoio á carreira investigadora, na que se inclúen os contratos posdoutorais e as axudas a grupos de investigación.

Información xeral Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional

Formación Profesional. Resolución provisional de solicitudes. Curso 2024-2025

Novas Consellería de Educación - Xov, 11/07/2024 - 13:35
Idioma Gallego

Resolución provisional de solicitudes de admisión á formación profesional para o curso 2024-2025.

  • Oferta ordinaria.
  • Oferta modular.
  • Cursos de especialización

O prazo de reclamación contra esta resolución abrangue desde o mércores 8 de xullo ata as 13:00 horas do venres 12 de xullo de 2024.

Máis información.

Tema: 

Escolarización

Ensinanza: 

Formación Profesional inicial

Departamento: 

Dirección Xeral de Formación Profesional Subdirección Xeral de Cualificacións, Planificación e Xestión da Formación Profesional Servizo de Xestión da Formación Profesional

Colectivo: 

Alumnado

Román Rodríguez subliña que a avaliación de estudos como PISA é imprescindible para mellorar o ensino

Novas Consellería de Educación - Xov, 11/07/2024 - 11:45

Summary: 

Sinala a súa utilidade para medir o éxito das políticas públicas no ensino e planificar os reforzos que encamiñen o sistema cara á excelencia académica

Destaca o liderado de Galicia en ciencia, pensamento creativo e equidade, que amosa que calquera alumno logra un bo rendemento sexa cal sexa a súa situación persoal

Idioma Gallego

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, destacou hoxe a avaliación que realizan estudos como o informe PISA como a mellor ferramenta para a mellora do sistema educativo. Fíxoo na inauguración do foro de alto nivel A avaliación educativa de hoxe: perspectivas a medio e longo prazo, desenvolvido en colaboración coa Organización de Estados Iberoamericanos (OEI) e que reúne en Santiago de Compostela a preto de 200 directores de centros de ensino, inspectores e docentes. O obxectivo do encontro, ao que asiste tamén a directora xeral de Ordenación e innovación Educativa, Judith Fernández, é facer unha análise exhaustiva deste informe, da súa metodoloxía e procedementos, e de como esta ferramenta de avaliación pode empregarse para mellorar o sistema.

Tal e como explicou o titular do departamento educativo da Xunta, a avaliación é parte dun proceso permanente e personalizado que permite “medir o éxito da estratexia no ensino e fixar os reforzos que encamiñen a acadar o obxectivo de excelencia”. “Os datos das avaliacións son o combustible que facilita a transformación do sistema”, afirmou.

Román Rodríguez sinalou o informe PISA como unha das principais ferramentas para introducir melloras no sistema e salientou o éxito de Galicia neste estudo grazas ao traballo dos docentes e á estabilidade nas políticas públicas na nosa Comunidade. “No último informe, referido ao ano 2022, situámonos como líderes en equidade, ciencia e pensamento creativo e por riba da media da OCDE en todas as variables”, detallou. Segundo PISA, “en Galicia calquera estudante logra un bo rendemento sexa cal sexa a súa situación social, económica ou cultural”, declarou sobre a igualdade de oportunidades.

Relatores de prestixio

O foro de alto nivel educativo que se celebra hoxe na capital de Galicia enmárcase no acordo asinado coa Organización de Estados Iberoamericanos (OEI) para planificar accións conxuntas na promoción de programas de innovación educativa, que incluíu tamén un seminario iberoamericano sobre transformación dixital e intelixencia artificial na educación, celebrado recentemente, entre outras actividades.

O encontro conta coa presenza de relatores de prestixio que coñecen en profundidade o informe PISA. Así, a primeira intervención, O estado das avaliacións no sistema educativo español, corre a cargo de Vicente Alcañiz, responsable do Instituto Nacional de Avaliación Educativa; mentres que a segunda, Que é PISA e cal é o seu propósito? é impartida por Joaquín Vera, xefe de servizo no devandito instituto e data manager de PISA en España. Pola súa banda, o doutor en Economía Aplicada da Universidade Complutense de Madrid Ismael Sanz é o responsable da presentación Reflexión sobre o último informe PISA, os seus resultados en Galicia e as perspectivas futuras.

O foro inclúe a participación de relatores do país veciño. O doutor en Educación e especialista en desenvolvemento curricular pola Universidade do Minho José Augusto Pacheco imparte a conferencia A formación docente para a mellora das aprendizaxes dos alumnos; mentres que o doutor en Educación e especialista en formación do  profesorado pola Universidade de Coimbra Carlos Manuel Folgado Barreira é o responsable do relatorio O éxito do ‘caso portugués’ en PISA.

Información xeral Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional

Un total de 40 empresas de toda España presentan propostas innovadoras para despregar o proxecto EdugalIA sobre intelixencia artificial no ensino

Novas Consellería de Educación - Xov, 11/07/2024 - 11:42

Summary: 

A Consellería de Educación expón os resultados da consulta preliminar do mercado co fin de buscar tecnoloxías para a posta en marcha do programa, para o que non hai ferramentas preexistentes que fagan fronte aos seus desafíos

Esta iniciativa pioneira agarda acadar investimento a través do proceso de Compra Pública Innovadora do Ministerio de Ciencia

Idioma Gallego

Un total de 40 empresas de sete comunidades autónomas presentaron propostas innovadoras para despregar o proxecto EdugalIA, a iniciativa pioneira da Xunta de Galicia para incorporar a intelixencia artificial na xestión educativa. Así o explicaron a directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa, Judith Fernández, e a directora da Axencia Galega de Innovación, Carmen Cotelo, esta mañá na xornada EdugalIA: o reto de transitar cara unha xestión do sistema educativo informada pola evidencia, na que se expuxeron os resultados da consulta preliminar ao mercado deste proxecto, un proceso aberto o pasado mes de setembro para recoller solucións de empresas tecnolóxicas para facer realidade esta iniciativa.

Unha vez finalizado o prazo de recepción de solicitudes, recibíronse 40 solucións innovadoras diferentes, das que o 12,5 % se presentaron de forma conxunta entre unha ou varias entidades e o 87,5 % restante de forma individual. A meirande parte das propostas (o 41,2 %) proceden de empresas galegas, seguidas das chegadas desde Madrid (29,4 %), Andalucía (8,8 %), Cataluña (8,8 %), Asturias (5,9 %), A Rioxa (2,9 %) e Valencia (2,9 %).

Malia detectarse unha gran capacidade innovadora, non se identificaron solucións preexistentes no mercado que sexan quen de abordar os retos de EdugalIA. Isto pon de relevancia a idoneidade de despregar un proceso de Compra Pública de Innovación (CPI) para a creación de solucións disruptivas que dean resposta aos desafíos do proxecto. Esta iniciativa pioneira da Consellería opta ao financiamento deste liña do Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades, o que posibilitaría a súa posta en marcha.

Tres eixes de actuación

O proxecto EdugalIA céntrase en tres ámbitos prioritarios vencellados coa mellora da equidade e calidade do sistema educativo galego: a gobernanza, a creación do expediente dixital do alumnado e o desenvolvemento dun espazo común entre familias, centros e Xunta. No primeiro deles, impulsarase un novo modelo de Administración educativa dixital que sistematice a información procedente de múltiples fontes e formatos e permita analizar máis axilmente cuestións como o abandono temperá e crear itinerarios especializados.

O segundo ámbito ten como finalidade poñer a disposición do alumnado e das súas familias un expediente dixital para consulta que acompañe ao alumno ao longo do seu tránsito polo sistema educativo. Este documento incluirá datos de identificación, de escolarización, académicos ou sobre atención a necesidades de apoio, entre outros.

Finalmente, a través de EdugalIA habilitarase un punto único de contacto e acceso para alumnado e familias á información do seu interese sobre o sistema educativo. O obxectivo é que este sistema permita a participación e a comunicación útil entre todas as partes para a asistencia e axuda á toma de decisións.

Información xeral Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional

Román Rodríguez afirma que a oferta de FP no Salnés é unha garantía de futuro e traballo para a mocidade

Novas Consellería de Educación - Xov, 11/07/2024 - 11:39

Summary: 

O conselleiro de Educación presenta a oferta da comarca, que medra un 9 % ata as 1.525 prazas, aos alumnos dos obradoiros de emprego do Concello de Vilanova

Na xornada expóñense as opcións para compaxinar os estudos coa vida laboral e as posibilidades de acreditar competencias adquiridas pola experiencia profesional

Idioma Gallego

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, puxo hoxe en valor a oferta de Formación Profesional na comarca do Salnés que, para o vindeiro curso 2024/25, medra en case un 9 % ata acadar as 1.525 prazas novas. Fíxoo nunha xornada divulgativa destas ensinanzas organizada polo Concello de Vilanova de Arousa no Pazo de Vista Real para os 34 alumnos dos obradoiros de emprego municipais coa presenza do alcalde, Gonzalo Durán. 

O titular do departamento educativo da Xunta de Galicia, que estivo acompañado pola directora xeral de FP, Eugenia Pérez, destacou o prestixio e a altísima empregabilidade da FP galega, que supera en xeral o 85 % e chega case ao 100 % na modalidade Dual Intensiva. Isto demostra a utilidade destas ensinanzas “para os alumnos, pero tamén para as empresas, que atopan profesionais cualificados capaces de desenvolver con gran rendemento as actividades de calquera sector, especialmente no momento actual, que esixe profesionais cualificados con todo tipo de competencias”, afirmou.

O conselleiro salientou, ademais, a confianza tanto das empresas como dos estudantes nestas ensinanzas na nosa Comunidade, que marcaron un récord de case 65.000 alumnos matriculados no curso que vén de rematar. “Estas cifras non serían posibles sen a confianza por parte das empresas e por parte dos propios alumnos, que comprenden a FP como unha vía profesional que mellore o seu futuro”, incidiu.

Novidades na oferta

Román Rodríguez subliñou que a oferta na comarca para o curso 2024/25 inclúe un total de 56 ciclos formativos, impartidos nos 11 centros da comarca. Como novidade, no Salnés ofértanse prazas en tres ciclos de FP Dual Intensiva (con 22 prazas cada un), dos que dous son novos nos seus respectivos centros: o de grao medio en Instalacións eléctricas e automáticas no CIFP Fontecarmoa de Vilagarcía (centro que oferta tamén un grupo no ciclo grao superior de FP Dual intensiva en Mecatrónica Industrial) e o de grao superior en Automoción, que se impartirá por primeira vez no Instituto IES de Vilalonga.

No que atinxe aos másteres, entran novos o de Redacción de contidos dixitais para márketing e vendas no Fontecarmoa e o de Ciberseguridade en contornos das tecnoloxías da información no Instituto IES Armando Cotarelo Valledor (Vilagarcía de Arousa). Así mesmo, en FP Dual Xeral entran en funcionamento novos grupos do grao superior de Comercio Internacional e Documentación e administración sanitaria, con 50 prazas cada un deles, ambos no CIFP Fontecarmoa.

Ao longo da xornada presentáronse, entre outras, as opcións para compaxinar os estudos de FP coa vida laboral, a través da oferta modular para adultos. Así mesmo, detallouse o funcionamento da acreditación de competencias, que permite validar os coñecementos adquiridos pola experiencia profesional por unidades de competencia de módulos de FP, o que facilita seguir cursando ciclos formativos ás persoas traballadoras.

Información xeral Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional

Román Rodríguez celebra a ABAU común como un éxito de Galicia logo de seis anos de reivindicacións

Novas Consellería de Educación - Mér, 10/07/2024 - 20:12

Summary: 

O conselleiro de Universidades defende realizar esta proba seguindo uns mesmos criterios para “garantir a igualdade de oportunidades de todo o alumnado”

Galicia manterá a súa autonomía e competencias, “pero cunha mellor coordinación, quedando blindadas as súas singularidades e respectando a normativa”

Idioma Gallego

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, defendeu hoxe no Parlamento de Galicia a importancia dunha ABAU común para todo o territorio español co obxectivo de garantir a igualdade de oportunidades entre todos os mozos e mozas. A medida porase en marcha a partir do vindeiro curso grazas ao traballo iniciado hai anos polo Goberno galego. Como lembrou, o acordo acadado agora entre 12 comunidades autónomas comezou en Galicia en 2018, “con moito traballo e numerosas iniciativas desde entón”. 

O titular de Universidades da Xunta lembrou que é unha cuestión de “coherencia e responsabilidade, ao funcionar España como distrito universitario único”. “A nosa Comunidade foi unha das grandes promotoras deste acordo que levamos anos reclamando ao Goberno central”, engadiu Román Rodríguez, quen criticou a “absoluta parálise do Estado” e a súa “aposta por un modelo que só afonda nas desigualdades”.

Grazas a esta iniciativa, o 70% do alumnado español poderá realizar a ABAU a partir do vindeiro curso cuns criterios comúns. Galicia liderou o “debate a nivel nacional e logrou sacar adiante dita iniciativa”, remarcou o representante da Xunta.

Principais necesidades desta iniciativa

No que respecta á forma, as persoas que se vaian a examinar terán o mesmo calendario, criterios de corrección e de puntuación, así como o mesmo número de opcións para escoller e número de preguntas nas materias comúns. No que ten que ver co contido das probas, desenvolveranse matrices de especificacións, é dicir, vincularanse os currículos e as competencias específicas cos criterios de avaliación e os saberes básicos. 

Neste contexto, Román Rodríguez lembrou que Galicia manterá a súa autonomía e competencias, “pero cunha mellor coordinación, quedando blindadas as singularidades de Galicia e respectando a normativa vixente”, concluíu o conselleiro.

Información xeral Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional

A Xunta mantén o seu compromiso coa Escola Superior de Arte Dramática, en Vigo, e prepara novas actuacións de mantemento do centro

Novas Consellería de Educación - Mér, 10/07/2024 - 19:08

Summary: 

O conselleiro de Educación explica que o investimento en melloras se eleva a máis de 225.000€, incluíndo a nova obra que se vai realizar para solucionar filtracións

O centro realiza un número importante de actividades e eventos e conta cunha destacada proxección internacional

Idioma Gallego

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, reafirmou hoxe no Parlamento o compromiso da Xunta coa Escola Superior de Arte Dramática de Galicia (ESAD), en Vigo. Neste sentido, anunciou unha nova obra para solucionar, definitivamente, os problemas de filtracións que se producen na cuberta do teatro do centro, por importe de 45.000€ e que se acometerá antes do remate do ano. “Esta nova actuación eleva a máis de 225.000€ o investimento en mantemento e melloras do centro desde a súa inauguración en 2010”, destacou. 

O titular do departamento educativo da Xunta incidiu en que se trata de pequenos axustes de conservación do inmoble, que non afectan en ningún caso á seguridade da comunidade educativa. Tal e como explicou, o tipo de cuberta do edificio, de carácter plano, ocasionou varios episodios de filtracións, que a Consellería está a solucionar coa máxima celeridade.

Román Rodríguez puxo en valor as instalacións deste centro, no que estudaron o pasado curso 157 alumnos, que conta cunha superficie total de 6.145 m² dotada, entre outros espazos, de vestiarios, salas de reunións, aulas de expresión dramática e un teatro cun aforo de 120 persoas, sobre o que se vai realizar a nova actuación de mantemento. 

Cómpre destacar que a ESAD realiza un número importante de actividades e eventos, entre eles a interpretación da Ópera Le Villi o presente curso en colaboración co Conservatorio Superior de Música da Coruña e outros centros da Comunidade Autónoma. Conta, ademais, cunha proxección internacional, participando activamente no programa de mobilidade Erasmus+.

Información xeral Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional

Instrucións sobre a ordenación e a organización dos graos D e E de FP para o curso 2024/25

Novas Consellería de Educación - Mér, 10/07/2024 - 14:15
Idioma Gallego

Resolución do 10 de xullo de 2024 da Dirección Xeral de Formación Profesional, pola que se ditan instrucións sobre a ordenación e a organización dos graos D e E de formación profesional para o curso 2024/25.

Máis información.

Tema: 

Información xeral Normativa

Ensinanza: 

Formación Profesional inicial

Departamento: 

Dirección Xeral de Formación Profesional Subdirección Xeral de Cualificacións, Planificación e Xestión da Formación Profesional Servizo de Programación da Formación Profesional

Colectivo: 

Centros

Instrucións para o desenvolvementos das ensinanzas de FP do sistema educativo no curso 2024/25

Novas Consellería de Educación - Mér, 10/07/2024 - 14:10
Idioma Gallego

Resolución do 10 de xullo de 2024 pola que se ditan instrucións para o desenvolvemento das ensinanzas de formación profesional do sistema educativo no curso 2024/25.

Máis información.

Tema: 

Información xeral Normativa

Ensinanza: 

Formación Profesional inicial

Departamento: 

Dirección Xeral de Formación Profesional Subdirección Xeral de Cualificacións, Planificación e Xestión da Formación Profesional Servizo de Programación da Formación Profesional

Colectivo: 

Centros
Distribuir contido

Back to top