Skip to Content

Actividades

Celebración Samaín

Estimadas familias:

Na semana do 24 ao 28 de outubro imos celebrar o Samaín no colexio. A nosa intención é que en cada aula se dea a coñecer ao alumnado esta antiga tradición galega (que despois daría lugar ao Halloween americano). Para isto, traballaranse nas aulas diferentes unidades didácticas, manualidades, decoración das portas das aulas... 

Ademais, pretendemos facer unha exposición de cabazas decoradas nos corredores da escola. É para isto que solicitamos a colaboración das familias: cada neno e nena traerán das súas casas unha cabaza decorada, pero é importante que non se baleire nin se corte para evitar que se estropee. Deberán traela  o día 24  de outubro e nela debe figurar o nome e o curso do alumno/a, para que o día 28 poidan recollela e levala ás súas casas. 

Nesa semana, de martes a xoves, en horario de 16,30 a 18,30 as familias poderán visitar a exposición nos corredores do colexio.

Neses días vaise impartir clase con total normalidade, polo que entendemos que non procede que o alumnado acuda ao colexio con disfraces nin con adornos.

Un cordial saúdo.

O Equipo de Dinamización da Lingua Galega

 

Roxos, 19 de outubro de 2022

Entroido

Estimadas familias: 

Queremos informalos das actividades que temos previsto realizar no colexio para  celebrar o Entroido. 

Lamentablemente, debido á situación da pandemia, vai ser unha celebración diferente á que nos gustaría,  xa que debemos limitar as interaccións entre os distintos grupos-clase, así como a participación das familias. Aínda así, e coas limitacións mencionadas, pretendemos darlle a maior normalidade posible e facelo máis  ou menos semellante aos entroidos de anos anteriores. Por iso solicitamos a vosa colaboración para que os nenos e  nenas ao longo da próxima semana veñan á escola con elementos diferentes. A proposta quedaría así:

Luns: algo na cabeza: sombreiro, coroa, lazo...

Martes: pixama.

Mércores: calcetíns longos, diferentes e visibles.

Xoves: mandil decorado.

Venres: disfraz libre.

O venres os recreos durarán algo máis do habitual e  en cada aula repartiranse postres típicos  de entroido (orellas, rosquillas...). Se algún neno ou nena é alérxico/a ou intolerante as estes produtos, debe traelos  da súa casa, cos ingredientes que poida tomar. 

Agradecemos a vosa colaboración. 

Un saúdo cordial. 

Profesorado do CEIP de Roxos 

Roxos, 17 de febreiro de 2022

 

CARTEL

 

 

Proposta E.D.L

Estimadas familias:

    Desde o Equipo de Dinamización da Lingua Galega volvemos solicitar a vosa colaboración para unha actividade moi sinxela, semellante á que fixemos no mes de novembro.

    Neste mes de xaneiro, cada neno e nena debe traer escrito nun papel que van levar os nenos e nenas un nome de persoa de home e outro de muller en galego. Deben ser nomes que non se digan da mesma forma en castelán. Por exemplo, serviría Antía (nome galego), pero non Daniel (ten a mesma forma en galego e en castelán).

    Para esta actividade os nenos e nenas van levar a silueta dunha cara. Na parte superior (o que sería o pelo) pódese escribir un nome e na parte de abaixo outro. As letras deben ser ben visibles e as siluetas pódense decorar ou colorear.

    Como no caso anterior, o obxectivo é recompilar unha ampla relación de nomes en galego, que logo serán expostos nos corredores do colexio.

    A data límite para entregar os traballos é o día 31 de xaneiro. Van quedar expostos nos corredores do colexio, xunto ás palabras que xa trouxeron e as que irán traendo nos seguintes meses.

    Agradecemos de antemán a vosa colaboración.

    Un saúdo.

Roxos, 20 de xaneiro de 2022

O Equipo de Dinamización da Lingua Galega

Distribuir contido


by Dr. Radut