Skip to Content

                              

blogue demichel

CANTACONTOS MUSICADO ”DE AQUÍ PARA ALÁ”

O mércores 25 de maio tivemos unha proposta musical e teatral para o alumnado de infantil, primeiro e segundo de primaria; agasallo de Dinamización Lingüística.

O concerto está coordinado por Lydia Botana, autora  e directora do espectáculo, e o libro-disco coas cancións e a historia pola que xira este concerto foi editado por Edicións do Cumio.

DE AQUÍ PARA ALÁ é un proxecto de música infantil no que viaxamos arredor do mundo aprendendo, escoitando, bailando e cantando as músicas de cada lugar facendo partícipe ao alumnado na procura de novos sons.

A través da música contáronnos a historia dunha bolboreta que remata a súa metamorfose co son dos instrumentos musicais. Embarcámonos nunha viaxe musical arredor do mundo pasando por Brasil, Cuba, Xamaica, os Balcáns, Estados Unidos, Galicia e lugares máxicos por descubrir.

O formato do concerto consta dunha posta en escea musical formada por unha instrumentación variada: dende o piano, a batería, o acordeón, os bongoes, campás, … Había instrumentos típicos de cada lugar polo que iamos pasando coma a kalimba, o didgeridoo, as cunchas… xunto cun variado set de pequena percusión que abranguía dende pandeiretas, pao de choiva… e un sinfín de cacharradas que espertaron a curiosidade do  alumnado.

Fixeron partícipes ao alumnado co retrouso que nos levaba ao  seguinte lugar transportando unha mesma melodía por xéneros musicais coma a bossa-nova, o rap, o son cubano, o reggae, o ska…

Unha divertida aventura na que descubrimos paisaxes sonoras distintas desfrutando e aprendendo ó mesmo tempo.

https://soundcloud.com/lydiabotana/sets/de-aqu-para-al-m-sica-infantil

Distribuir contido


by Dr. Radut