Hora de ler en 5º de Ed. Primaria

A  hora de ler realízouse todos os días, de 12:00 a 12:20 horas e a súa configuración estivo deseñada pola titora Eva Vidal Ferro.

Neste ano académico intentáronse acadar:

OBXECTIVOS:

  • Espertar o gusto pola lectura apreciándoa como fonte de  información, entretemento e pracer.
  • Mellorar a capacidade lectora: pronunciación, entonación e ritmo axeitado segundo o tipo de texto.
  • Aumentar a riqueza de vocabulario e mellorar a comprensión e expresión oral.
  • Afianzar valores (amizade, solidariedade, verdade, respecto).
  • Coñecer e valorar os diferentes xéneros e autores literarios.
  • Intercambiar ideas e opinións respectando e valorando  as diferentes aportacións.
  • Desenvolver a atención e a práctica da escoita activa.
  • Usar o dicionario en formato dixital e os buscadores de imaxes con eficacia para consultar termos descoñecidos.
  • Apreciar a capacidade dos compañeiros e a súa propia para realizar creacións relacionadas cos libros lidos.
  • Tomar conciencia do valor da natureza para as nosas vidas e das consecuencias dos nosos actos sobre ela (ecosistemas en perigo).
  • Respetar as diferentes culturas e modos de vida do planeta.
  • Mellorar  o coñecemento e o uso do galego como lingua propia.

Así, procurouse que as lecturas fosen variadas en contidos, xénero, tipoloxía e complexidade. Tamén utilizamos diferentes soportes: impresos e electrónicos (libros de lectura propiamente ditos, prensa, libros de consulta, banda deseñada, folletos, Internet… tanto en galego como en castelán. As lecturas realizaronse de forma silenciosa ou en voz alta co fin de mellorar pronunciación, ritmo, entonación… e de aprender uns de outros.

Noutros  momentos foi a titora quen fixo a lectura en voz alta de libros, textos… en calquer soporte, co fin de que aqueles alumnos que presentaban máis dificultades lectoras obtivesen un exemplo de cómo realizar unha lectura coa entonación e o ritmo axeitados.

Para acadar estes obxectivos realizáronse:

ACTIVIDADES

  • Lecturas colectivas nos dous idiomas, pero especialmente en galego.
  • Debates e reflexións sobre distintos aspectos da lectura e posta en común de coñecementos e ideas do alumnado.
  • Representación dos capítulos /partes do libro a través de: unha banda deseñada, monicreques dos personaxes principais, maquetas/murais dalgún elemento importante….
  • Dramatización dalgún capítulo/ libro.
  • Participación en todas as actividades programadas e realizadas polo Equipo Dinamizador da Biblioteca e do Equipo Dinamizador da Lingua Galega (mochilas viaxeiras, préstamos, uso da hora de biblioteca para investigación e realización de traballos, concursos, preparación de contacontos para os máis pequenos…)
  • Celebración do día de Rosalía de Castro.
  • Celebración do día  do Libro.
  • Celebración do día das Letras Galegas.

TEMPORIZACIÓN:

No curso escolar 2022/2023 os libros seleccionados foron os seguintes:

1º trimestre: libro común a todos os nenos e nenas.

  • Galego: Formigas 4. Misión Rosalia. Pere Tobaruela. Ed. Xerais.

O libro foi traballado no curso 2022-2023 durante os meses de setembro e outubro.

  • Castelán: Mi nombre es Skywalker. Agustín Fdez. Paz. Ed. El Barco de Vapor.

O libro traballouse principalmente durante os meses de novembro e decembro, cando se leu e se resumiu para convertelo en banda deseñada... un proceso que se alongaría ao longo do curso nalgunhas clases de educación plástica.

Contacontos na aula.

No mes de decembro e principios de xaneiro cada alumno contoulle aos seus compañeiros o conto que elixiu da biblioteca do centro.

2º trimestre: libro común a todos os nenos e nenas.

  • Galego: A gruta da Torre. Lois Pérez Ed. Xerais

O libro traballouse no mes de xaneiro e parte de febreiro.

  • Castelán: libros individuais a elección de cada alumno/a.

Na segunda metade do trimestre e para coñecer mellor os gustos de cada alumno/a permíteselles ler durante unhas semanas diferentes libros propios, da biblioteca da aula e da biblioteca do colexio... descubrimos que, a parte dos gustos propios da súa idade, son uns amantes da xeografía.

3º trimestre: leuse poesía e teatro nos dous idiomas adaptados aos gustos e niveis lectores que presenta o alumnado.

  • Castelán: libros de poemas seleccionados polos alumnos da biblioteca do centro.
  • Galego Estrela fugaz. Carlos Labraña Barrero Ed. Galaxia.

No mes de maio cada alumno quedouse cun personaxe  do conto e todos xuntos dramatizámolos na aula.