O luns, 10 de novembro, celebramos a festa do magosto no colexio coa realización de múltiple actividades, entre as que destacamos as seguintes:
- Exposición de castañas. O EDL do centro foi o encargado de organizar esta actividade na que participou a maioría do alumnado coa axuda das súas familias. A actividade consistiu en decorar, disfrazar,.. unha ou varias castañas deixando voar a imaxinación e creatividade. O resultado obtido témolo que valorar de excelente xa que a calidade dos traballos presentados foi moi alta. Moitos parabéns para todos os participantes!
- Xantar do magosto. Como non podía ser doutro xeito, o xantar do magosto tivo como protagonistas aos chourizos e ás castañas asadas. Os primeiros apareceron agochados dentro do miolo dun bolo de pan, tamén coñecidos como bolos preñados; das castañas encargouse o mestre de 2º curso, Alfonso, que lle deu un toque especial para que estivesen no seu punto. A directora foi a encargada de repartirnos o postre, consistente nunha degustación de diferentes tipos de bicas. É de agradecer a colaboración prestada pola ANPA do colexio, así como da empresa de catering, na elaboración do menú e na compra das bebidas.
- Obradoiro de xogos populares. O profe de Ed. Física encargouse de organizar unha serie de xogos populares cos que tanto o alumnado como o profesorado o pasou xenial. De paso queimamos o exceso de calorías consumidas anteriormente.
Viva o magosto!!