Ao longo do curso escolar 2021/2022, tendo como tema central o coidado do medio ambiente, a aula de 4º de Educación Primaria desenvolveu o proxecto “DesenlixARTE”. O proxecto realizouse ao longo de todo o curso, habitualmente na sesión de plástica (1 sesión semanal), malia que en certas ocasións, o tempo estendeuse a algunha outra sesión.
Con este xogo de palabras pretendeuse que o alumnado fose quen de amosar actitudes de respecto a prol do medio ambiente sendo conscientes do lixo que xeramos e vendo, que na maior parte das ocasións, o que consideramos “lixo” pode ter moitas utilidades e pode ter unha segunda oportunidade para converterse en arte.
Polo tanto, o obxectivo xeral deste proxecto foi elaborar traballos de investigación nos que o alumnado, ademais de indagar cuestións relacionadas co medio ambiente e co seu coidado, se familiarizara cos mecanismos de busca de información e traballo intelectual empregando diferentes recursos documentais, tanto da biblioteca escolar como da biblioteca de aula.
Entre os obxectivos propostos ao inicio de curso, traballáronse os seguintes:
- Coñecer o concepto de desenvolvemento sostible e a súa importancia a través da educación ambiental.
- Traballar de forma ampla a reciclaxe e a clasificación dos diferentes tipos de residuos: coñecer os conceptos de redución, reutilización, reciclaxe e recuperación.
- Empregar os colectores de clasificación do lixo.
- Empregar diferentes técnicas e materiais en desuso para darlles unha segunda vida e convertelos en obras de arte.
- Desenvolver actitudes de respecto, protección e conservación do medio ambiente.
Polo que respecta aos contidos, desenvolvéronse:
- O uso de diferentes textos para a procura de información e utilización da mesma como fonte de aprendizaxe e de lecer.
- A identificación de cambios observables que se producen nos seres e na contorna máis próxima.
- A valoración da biodiversidade e o interese pola súa conservación.
- A intervención humana no medio.
- A contaminación e o cambio climático.
- A curiosidade por coñecer as posibilidades plásticas dos diferentes materiais.
- A interpretación da información.
- O uso responsable de ferramentas, materiais e espazos.
En canto á metodoloxía empregada, pretendeuse que o alumnado fose protagonista das súas aprendizaxes, favorecendo os intercambios comunicativos, a escoita activa de distintos puntos de vista, potenciando a autonomía e poñendo en valor as virtudes individuais.
Ademais, favoreceuse a posta en marcha de diferentes tipos de agrupacións para traballar: traballo individual, traballo en parella, traballo en pequeno grupo e traballo con todo o grupo clase; sempre fomentando os intercambios orais.
Para iso, utilizouse unha gran variedade de materiais e en distintos soportes (escrito, dixital, audiovisual) e dando prioridade sempre á expresión oral co fin de desenvolver no alumnado actitudes adecuadas para enfrontarse ao acto comunicativo.
Por último, cómpre destacar que sempre se pretendeu facer un traballo contextualizado – non só respecto á temática do P.D.I.- tendo en conta os intereses do alumnado e os contidos que foron traballando na aula ao longo de todo o curso.
A través do proxecto contribuíuse á adquisición das competencias clave e, especialmente, ao desenvolvemento das competencias sociais e cívicas, posto que os coñecementos desenvoltos e a aplicación dos mesmos por parte do alumnado na súa vida diaria, proporcionóullelas estratexias necesarias para favorecer e potenciar actitudes relacionadas co consumo responsable e co coidado do medio ambiente; estratexias imprescindibles para o seu desenvolvemento e a súa participación social. Contribuíu ademais ao desenvolvemento e adquisición do resto das competencias:
- Comunicación lingüística (CCL): comprender e expresar mensaxes de información xeral e de contido específico empregando a lingua con propiedade. Reflexionar sobre o funcionamento da lingua e apreciala como instrumento de acceso á información e como ferramenta de aprendizaxe en contextos diversos.
- Competencia matemática e competencias básicas en ciencia e tecnoloxía (CMCT): adoptar actitudes críticas fundamentadas no coñecemento para analizar, de forma individual ou grupal, cuestións científicas e tecnolóxicas. Coñecer e valorar as interaccións da ciencia e a tecnoloxía coa sociedade e o medio ambiente con atención particular aos problemas aos se enfronta hoxe a humanidade, destacando a necesidade de busca e aplicación de solución que permitan avanzar cara lograr un futuro sostible.
- Competencia dixital (CD): obter información sobre temas científicos empregando as tecnoloxías da información e a comunicación e empregar os recursos didácticos dixitais que estean ao alcance para obter información.
- Aprender a aprender (CAA): adoptar actitudes críticas fundamentadas no coñecemento para analizar, individualmente o en grupo, cuestións científicas e tecnolóxicas, favorecendo a posta en práctica de técnicas para aprender, organizar, memorizar e recuperar a información.
- Competencias sociais e cívicas (CSC): valorar os hábitos sociais relacionados co consumo e co coidado do medio ambiente, contribuíndo á súa conservación.
- Sentido de iniciativa e espírito emprendedor (CSIEE): ensinar a tomar decisións, a planificar e xestionar proxectos de traballo transformando ideas en acción, afrontando problemas e aprendendo dos erros.
- Conciencia e expresións culturais (CCEC): coñecer outras culturais e sociedades ou formas organizativas diferentes para desenvolver actitudes de respecto pola cultura propia e pola dos demais.
Polo que respecta ás actividades realizadas, cómpre sinalar que todas as actividades estaban encamiñadas e relacionadas co fomento da expresión plástica. Ademais, todas as obras de arte realizadas, estaban relacionadas cos contidos de ciencias da natureza, o que nos permitiu facer versións de cadros famosos. Polo tanto, ademais dos contidos traballados na aula, o alumnado foi descubrindo e recoñecendo artistas de renome, valorando as súas creacións e axudándose de elementos reciclados ou de “lixo” para facer as súas versións. As actividades ou obras creadas foron as seguintes:
1º trimestre
- Los girasoles de Van Gogh (as plantas)
- La vis de Henri Matisse (as plantas)
- El hijo del hombre de Magritte (as plantas)
- Cabaza de Yayoi Kusama (Samaín)
- Adornos de Nadal
- Árbore de Nadal
2º trimestre
- Máscara de peliqueiro (Entroido)
- Disfraz (Entroido)
- Mural de Keith Haring (os sentidos)
- Maqueta do relevo de España (o relevo)
3º trimestre
- Retrato cubista de Picasso (órganos dos sentidos)
- Retrato cubista de Picasso (cara)
- Mural de Keith Haring (aparato locomotor)
- Mural de Keith Haring (órganos dos sentidos)
- El verano 1563 de Giuseppe Arcimboldo