Biblioteca

Mª XESÚS BLANCO VISITA O NOSO CENTRO

Este venres, 24 de febreiro visitou o noso centro a escritora melidense Mª Xesús Blanco, autora do libro "O caderno de Rosalía".

A escritora contoulles aos rapaces e rapazas de quinto e sexto que ela quedou namorada de Pipi Calzaslongas, personaxe de Astrid Lindgren. Unha visita coa súa familia á casa de Rosalía de Castro redondeou o seu proxecto literario, bautizado como "O caderno de Rosalía". Elixiu o nome de Rosalía para a protagonista do seu libro porque pensa que transmite personalidade e fortaleza. 

Rosalía, personaxe principal do seu conto, é unha nena forte, valente e entusiasta que vai plasmando no seu caderno todo aquilo que lle acontece e tamén o día a día da xente que a rodea. Algunhas destas vivencias son divertidas, pero outras non o son tanto. Estas e outras cousas foi explicándolles a escritora ao noso alumnado e despois deu paso ás preguntas que eles e elas lle foron formulando.

Foi un encontro moi entrañable. Moitas grazas Mª Xesús por esta visita!!

    

   

Organizando a nosa biblioteca

Isto xa vai tomando forma! Aos poucos estamos a ordenar os andeis para que vos sexa máis cómodo atopar eses libros dormentes que agardan a vosa lectura, e ademais a nosa biblio ten novos recunchos para explorar...

- Uns expositores onde se mostran as novidades deste curso, os libros relacionados coas conmemoracións, e as recomendacións da biblioteca (que irán cambiando semana a semana).

 

 

 

Un carro colocado na entrada da biblioteca con libros relacionados coa temática anual do centro: a auga

 

 

 

- Un recuncho para traballar as nosas destrezas creativas e a nosa capacidade espacial coa mesa de luz e os xogos de figuras como o Kapla.

 



 
 

E se tes algunha dúbida ou algunha suxerencia... fala connosco na biblioteca! 

--> Acceso ao blog:

Benvides á biblioteca

 

 

 

Benvidos á nosa biblioteca escolar, un fogar para todes os que queren espertar aos libros que dormen nos estantes e descubrir que marabillosa historia se atopa descansando no seu interior.

Con este blogue querémosvos axudar a coñecer os recunchos da nosa biblioteca e descubrir lecturas e actividades divertidas para alimentar a nosa imaxinación. Subiranse noticias e propostas para que desfrutedes ao máxino deste espazo, así que, non esquezades revisar as publicacións!

Unha aperta, e nunca deixedes de ler :)

--> Acceso ao blog:

https://olugarondedormenoscontos.blogspot.com/

DE CONTOS CON ERICA GONZÁLEZ

Para conmemorar o Día das Bibliotecas, este curso puxémonos en contacto coa actriz e contacontos Erica González. 

Hoxe, 4 de novembro, visitou a nosa biblioteca e grazas a ela o noso alumnado puido desfrutar dunha sesión de animación á lectura. 

A través dun mar en calma, Erica foi narrando historias que nos atraparon e que calaron nos nosos corazóns. Cun conto explicounos a importancia de aceptarse e sentirse "guapas e guapos" para que os demais aprecien a nosa beleza. Con outro, díxonos os ingredientes para ser felices: a familia, a ilusión, a harmonía e a saúde e comentou que se algún deles nos falta nun momento determinado, podemos intentar cociñar a felicidade cos ingredientes que nos quedan. Tamén co flamengo Renato Nicanor descubrimos que nada é imposible para un corazón disposto porque todo esforzo ten a súa recompensa. Estes e outros relatos foron os integrantes dunha xornada chea de fantasía e ilusión que, de seguro, quedará gravada na nosa memoria. 

Grazas Erica por compartir estas divertidas historias connosco e por amosarnos, unha vez máis, que a través dos libros podemos viaxar e aprender moitas leccións e valores. 

 

 

  

   

TOUPICIENCIA

O alumnado dos cursos de 1º, 2º, 3º e 4º de Educación Primaria participaron nunha actividade de animación á lectura: “Toupiciencia”. Nesta actuación a nosa amiga Toupiña, acompañada do seu axudante químico, descubriulles o mundo da ciencia a través de curiosidades sobre diferentes reaccións químicas.

Despois de comprobar que coa ciencia non se pode medir “a ollo”, decatáronse de que para que un esperimento saia ben é necesario ler todos e cada un dos pasos, e seguir as indicacións propostas. Deste xeito todo irá ben, verdade que si?

                                                   

 

 

                           

CONTOS SOLIDARIOS CON ANXO MOURE

Nesta semana do Día do Libro, estamos facendo diferentes actividades no noso centro. Hoxe visitounos Anxo Moure para facernos partícipes do seu proxecto "Contos solidarios"; unha proposta na que as nenas e os nenos son os protagonistas. Anxo relatounos un conxunto de historias que amosan a solidariedade entre as persoas e coa natureza. O cociñeiro intercultural Mourehammed Quechua viaxou ata o noso colexio para cociñar uns contos, que levaron ás nenas e ós nenos ate as diferentes culturas do mundo, protagonizados por uns monicreques tecidos por cooperativas do comercio xusto na India, Guatemala e Galicia. As nenas e os nenos aprenderon a plantar as árbores da paz, a dicir non aos insultos fomentando a tolerancia e o respecto. Cunha singular Pazdeireta cantaron e contaron unha cantiga para fomentar a non violencia. 

Estas fotografías recollen a sesión que se fixo co alumnado de 3 anos e co de 2º, 3º, 4º, 5º e 6º de E. Primaria. Fixéronse en total cinco sesións para que todas as nenas e nenos do colexio puideran gozar con estas historias narradas polo contacontos Anxo Moure. 

    

  

  

24 OUTUBRO_DÍA DA BIBLIOTECA

Dentro da programación do Día das bibliotecas, o venres 22 de outubro, tivo lugar no salón de actos do noso colexio, unha sesión de animación á lectura. Deu xenio ver ao noso alumnado participar na escenificación de varios contos, da man de Vicky. Grazas á súa pericia e á entrega dos nosos nenos e nenas, puidemos gozar dun momento moi agradable e realmente divertido. 

Estas imaxes corresponden ao pase que se fixo para E. Infantil de 4 anos, 5 anos-A e 5 anos-B, co conto "O dragón Plácido". 

   

   

Fixéronse outros dous pases para 1º, 2º, 3º e 4º de E.Primaria e o conto escollido para eles e elas foi "As cores da xoaniña Renata". 

  

   

Desde o 24 de outubro de 1997 celébrase o Día Internacional das Bibliotecas co obxectivo de conmemorar a destrución da Biblioteca de Saraievo, queimada en 1992, durante o conflito dos Balcáns.

Nós tamén quixemos recordar esta data e durante esta semana traballamos o Día das Bibliotecas nas distintas titorías do centro. Para o mural colectivo pedíuselle ao alumnado que debuxara a carátula do libro que eles e elas salvarían en caso dunha catástrofe e puxeran por detrás os motivos polos que o salvarían. Escolleuse un traballo de cada titoría e con todos eles montouse o mural colectivo que se colocou ao lado da biblioteca do colexio.

 

 

ENTREGA DE DIPLOMAS E AGRADECEMENTO AO ALUMNADO VOLUNTARIO DA BIBLIOTECA

 

 O Equipo de Biblioteca quere agradecerlle a este grupo de 10 nenas e nenos de 5º de E.P. o seu labor de compromiso e colaboración coa biblioteca do cole. Estas alumnas e alumnos participaron no programa de "Bibliotecas Escolares Solidarias" que promove o voluntariado cultural relacionado coas bibliotecas escolares e a lectura.Unha iniciativa moi interesante porque forma aos nosos nenos e nenas en actitudes de solidariedade e compromiso co seu entorno máis próximo.

A actividade principal dos biblioaxudantes centrouse este curso nos contacontos ao alumnado de Educación Infantil; actividade que lles esixe certo esforzo e renuncia pero que tamén lles deu moitas satisfaccións e lles reportou un enriquecemento persoal.

O alumnado colaborador da Biblioteca tamén veu recoñecido o seu traballo cun Diploma outorgado pola Dirección Xeral de Centros e Recursos e a Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, e  recibiu ademais uns pequenos agasallos que buscaban agradecer o seu esforzo e a súa entrega.

Grazas polo voso labor xeneroso e altruísta.Esperamos que fose unha experiencia positiva e que contribuíse ao voso crecemento persoal.

 

 

 

MOITAS GRAZAS E FELIZ VERÁN!

LECTURAS RECOMENDADAS PARA O VERÁN

Os equipos de Dinamización Lingüística e Biblioteca fixemos unha selección de lecturas que desexamos sexan do voso interese. Durante as vacacións temos máis tempo libre e podemos ler máis. Ler no verán é moi beneficioso para non perder as habilidades de lectura adquiridas, para gañar destreza lectora e ampliar vocabulario. Ademais é un bo momento para descubrir historias que nos permitan viaxar a mundos fantásticos, coñecer outras culturas, vivir diferentes aventuras...

Por iso, este verán "Se queres aventura, lánzate á lectura".

Para poder ver as lecturas recomendadas fai click na seguinte imaxe:

Powered by Drupal - Design by artinet