Un curso máis o CEIP de Arzúa participa no Programa de Bibliotecas Escolares Solidarias nas modalidades de: Colaboración coa biblioteca escolar e Ler con... D (é dicir, de lecturas compartidas dentro do centro). Este curso contamos cun grupo de 10 colaboradores e colaboradoras de 5º de E.P. que o venres 18 de decembro se estrearon no seu labor compartindo unha lectura co alumnado de 5 Anos A e B. O libro escollido foi "Monstro Rosa", de Olga de Dios. Trátase dun album infantil que nos fala da diversidade, de respectar a identidade de todas as persoas por moi diferentes que sexan, e tamén da importancia de crear unha sociedade onde todos teñamos cabida. Este conto reforza o valor de crer en nós mesmos e de respectar a nosa identidade aínda que esta choque coa do conxunto da sociedade.
Despois de contarlles o conto, os biblioaxudantes e os nenos e nenas de 5 Anos reflexionaron sobre a historia, as personaxes e as ensinanzas que se poden extraer do mesmo; e remataron cantando a canción de "Monstro Rosa", un canto á diversidade, ao diferente, a encaixar e facer amigos onde cada un sinta que é o seu mundo e poida ser el mesmo.
Na realización desta actividade adoptáronse todas as medidas de protección e hixiene que a situación de crise sanitaria, pola COVID-19, require.
Para finalizar, dar as grazas ao alumnado de 5 Anos A e B e aos voluntarios e voluntarias, por regalarnos momentos tan fermosos e mensaxes tan esperanzadoras.
Grazas e Boas Festas!