Skip to Content

Blogue de Pablo Sanchez

AVISO IMPORTANTE

A Axencia Estatal de Meteoroloxía e MeteoGalicia alertan dun fenómeno meteorolóxico adverso de nivel LARANXA por acumulacións de neve por riba dos 20 cm, que comezará o martes día 17.01.2023 ás 06.00 horas e prolongarase ata as primeiras horas do mércores 18.01.2023. Este adverso afectará á zonas da montaña de Lugo e Ourense.

O aviso será amarelo no mesmo período horario nas áreas: Interior de A Coruña, interior de Pontevedra, centro de Lugo, sur de Lugo, noroeste de Ourense, sur de Ourense e Valdeorras.

Adicionalmente se alerta dun fenómeno meteorolóxico adverso de nivel LARANXA por vento dende hoxe día 16.01.23 ata o medio día do mércores 17.01.2023 nas zonas da Mariña Lucense e noroeste de A Coruña.

Ante a devandita situación de risco, a Comisión Escolar de Alertas acordou o seguinte:

1. A SUSPENSIÓN do transporte escolar DURANTE O MARTES 17 dos centros educativos situados nos concellos das zonas de predición das montañas de Lugo e Ourense, con seguimento das condicións climáticas nas zonas do interior da Coruña, interior de Pontevedra, centro de Lugo, sur de Lugo, noroeste de Ourense, sur de Ourense e Valdeorras.

2. SUSPENSION do transporte escolar EN HORARIO DE TARDE DO MARTES 17 dos centros educativos situados nos concellos das zonas de predición do interior da Coruña, interior de Pontevedra, centro de Lugo, sur de Lugo, noroeste de Ourense, sur de Ourense y Valdeorras.

3. A SUSPENSIÓN DE ACTIVIDADES NO EXTERIOR nos centros educativos situados nas zonas da Mariña Lucense e o noroeste de A Coruña ata as 12h do martes 17.

Moitas grazas pola súa colaboración e un saúdo.

Grazas pola participación na recollida de xoguetes

Estimadas familias:

Gustaríanos agradecervos a vosa inmensa colaboración na recollida de xoguetes que levamos a cabo no centro a pasada semana.

Grazas a vós, os recreos do alumnado de Educación Infantil e 1º e 2º de Primaria tornaron moi divertidos! Xuntamos as probas!

A desfrutar do Nadal en familia!

Hoxe compartimos con todos vós, os adornos de Nadal do colexio e uns vídeos onde poderemos ver a actuación de Nadal dos alumnos e alumnas do centro, a continuación a actuación do mago Román que nos visitou no día de hoxe coa actuación chamada "Laberinto de ilusiones", organizado polo Concello de Aranga. 

Que ben o pasamos! 

Sen dúbida, unha fermosa xornada onde toda a Comunidade Educativa se puido reunir logo de varios anos de pandemia que nos obrigaron a estar máis separados. 

 

Dende o equipo docente, queremos agradecer a enorme participación de todas as familias. 

A continuación compartimos un par de vídeos da xornada de hoxe no festival.

Ademáis, dende a materia de música, tódolos nenos e nenas estivemos a traballar nesta felicitación de Nadal que con moito afán e agarimo elaboramos para todos vos. 

 

Por último, queremos compartir con vós, 5 consellos para gozar deste Nadal. Para descubrilos, deberedes facer clic en cada unha das boliñas de Nadal. 

Agardamos que vos guste!

Estreamos a Nova Pista Multideporte

Dende o CEIP A Castellana, estamos moi ledos por estrear a nova pista multideporte no noso patio exterior. 

A partir da semana próxima estrearemos por quendas esta fermosa pista na que estamos seguros que o pasaremos xenial.

Agradecer enormemente ao Concello de Aranga polas xestións que facilitaron a súa instalación e a Xunta de Galicia por todo o apoio e colaboración nas obras.

Recollida de xoguetes

Estimadas familias!

Informarmos de que imos levar a cabo, en colaboración coa ANPA, unha RECOLLIDA DE XOGUETES para que poidan ser empregados durante os recreos, polo alumnado de Educación Infantil e de 1º e 2º de Educación Primaria.

Así, de xeito totalmente VOLUNTARIO, aquelas familias que así o desexen, poderán deixar no centro PEQUENOS xoguetes usados, para darlles unha nova vida e poidan gozar deles outros nenos/as.

Esta recollida terá lugar o luns 12 de decembro en horario de 11:00 h a 13:00 h da mañá, no colexio.

As familias que queiran participar e non se poidan desprazar ata o centro en dito horario, poderán, o luns 12,  facer chegar as súas aportacións a través dos propios nenos/as, encargándonos os mestres/as da recollida dos mesmos.

Moitas grazas de antemán! 

Brincamos e bailamos con Paco Pakolas!

Hoxe veunos visitar Paco Pakolas. Bailamos e brincamos "rokeando" con Ramona Órbita. Pasámolo en grande!

Compartimos algunha imaxe e un vídeo onde nos poderedes ver con moita marcha no corpo.

Agradecer a ANPA e o Concello pola participación na actividade.

 

Afondamos na igualdade de xénero e a NON discriminación

Para conseguir unha igualdade real é importante educar no respecto ás persoas dende pequenos.

Educar en base a valores é fundamental para lograr unha mentalidade inclusiva nos nenos, e este ensino debe entregarse tanto na escola como na familia, para formar nenos/as e mozos/as empáticos, solidarios e respectuosos das diferenzas individuais.

No día de hoxe os alumnos/as de 3º, 4,º 5º e 6º de Primaria estiveron a desfrutar dunha charla práctica e moi interactiva, na que aprendemos valores de Non discriminación e afondamos no feminismo e a igualdade de xénero, tan importante na sociedade actual.

Agradecer a participación da Cruz Vermella de Betanzos nesta actividade.

Canto bailamos con Cé Orquestra Pantasma!

Hoxe veunos a visitar o vigués César da Cé Orquesta Pantasma, un músico autodidacta con moita paixón pola música.

Grazas a él puidemos bailar, saltar e cantar todos xuntos, nunha fermosa xornada.

Agradecer a colaboración da ANPA e o Concello. 

Compartimos con todos vos un pequeno fragmento da actuación. 

Estreamos recuncho de xadrez na Biblioteca

A aprendizaxe do xadrez, un xogo de estratexia de gran profundidade, presenta beneficios para todas as idades en xeral, pero no caso dos nenos, axúdalles dunha maneira especial a espertar as súas capacidades intelectuais e desenvolver o seu pensamento lóxico de maneira máis temperá.

A aprendizaxe do xadrez nos nenos é moi beneficioso xa que estimula o desenvolvemento das estruturas cognitivas mediante a concentración, memoria, atención, coordinación, abstracción e desenvolvemento de tácticas e estratexias compoñentes esenciais no xogo-ciencia.

Estreamos na Biblioteca un novo recuncho para concentrárnos e poder xogar moitas partidas!

Visítanos Anxo Moure!

No día de hoxe tivemos unha fermosa visita. Outro ano máis, puidemos desfrutar dunha xornada de contacontos da man de Anxo Moure, na que fomentamos a importancia do coidado do medio ambiente, afloraron valores como a Paz e a Non violencia e sobre todo, rimos moito e pasámolo xenial.

Compartimos con vos algunhas das imaxes de hoxe, e recordade que podedes acceder á galería de imaxes, na marxe dereita da páxina web ou facendo clic aquí.

 

Distribuir contido


by Dr. Radut