Blogues

VISITA DO ALUMNADO DE CUARTO Á ETAP DE PONTEVEDRA E AO ENCORO DO PONTILLÓN DE CASTRO

O alumnado de cuarto visitamos, o pasado 23 de outubro, a estación de tratamento de auga potabilizada de Pontevedra. 

A visita estaba programada dentro das actividades que sobre o proxecto da auga estamos realizando. O obxectivo era comprobar  que pasa coa auga unha vez que é captada no río ou nos encoros.

Cristina foi a nosa guía e explicounos, con moitísima amabilidade, que unha vez captada, a auga pasa por procesos como a batedora lenta e rápida, a flotación, a filtración con area ou a decantación. Remátase o proceso engadíndolle cloro e almacenándoa para ser trasladada en tubarías ata os nosos fogares, colexios, ...

Aproveitamos tamén a saída para ir coñecer o encoro do Pontillón de Castro. Soubemos que só se capta auga deste encoro se o río Lérez leva pouca.

Rematamos o día, indo merendar ao parque dos sentidos de Marín:

Así, si que é divertido aprender! 

 

VISITANDO PONTEVEDRA

Os alumnos e alumnas de 3º realizaron hoxe unha saída a Pontevedra que na que lles deu tempo de salvar o mundo e investigar obras de arte por todo o Museo Provincial.

En primeiro lugar asistiron a unha obra de teatro titulada Gaia na que, ademais de gozar coa danza contemporánea, repasaron algúns contidos dos que se están a traballar na clase: as características da Terra, os seus movementos, a atmosfera... Grazas aos nosos coñecementos descubrimos a clave para salvar o planeta: as 3R (reducir, reutilizar e reciclar).

 E, como non, tamén tiveron un ratiño para recargar as pilas e para dar un breve paseo por Pontevedra.

  Despois dese pequeno descanso tocoulles traballar un pouco máis, neste caso convertíndose en detectives da arte no museo. A verdade é que non se lles deu nada mal. Percorreron varias salas aprendendo sobre cadros, esculturas e xéneros artísticos.

Que ben o pasaron!

Recollida de datos da nosa meteoescola

Iniciamos un novo curso e o alumnado de 5º A e B de primaria é o encargado de recoller os datos da nosa meteoescola no mes de outrubro. Segundo temos organizados os equipos nas aulas, cada semana alternan o reconto dos datos, quedando reflectidos na folla de rexistro do mes de outrubro do 2019 que está exposta no taboleiro do corredor da bibioteca para manter informada a toda a comunidade educativa.

RADIO SAMAÍN NA PEDRA

A entrada do nosa escola encheuse de cabazas de todos os tamaños e cores.

 

 

 

 

 

Deseños incribles que reflicten a imaxinación e bo facer do noso alumnado e as suas familias.

Tamén falamos de supersticións no mural que decoramos entre todos/as.

MOITAS GRAZAS POLA VOSA PARTICIPACIÓN!

 

24 OUTUBRO: ANIVERSARIO DE PAPIRUS E DÍA DAS BIBLIOTECAS ESCOLARES

Como todos os anos por estas datas, Papirus  convidou a través dunha tarxeta, a todo o alumnado e profesorado do centro, a celebrar no BIBLIOCASTELO, o seu ANIVERSARIO e o DÍA DAS BIBLIOTECAS ESCOLARES.

Na invitación tamén nos contaba cal ía ser a temática do proxecto que imos traballar durante este curso: A RADIO ESCOLAR.

Ademais nos propuxo participar nun concurso para escoller o nome da nosa futura radio. Así que puxémonos todos a darlle voltas á cabeza.

O mércores 23 de outubro comezamos  coa festa para os máis miúdos/as do cole, infantil, primeiro e segundo de primaria.

Tiveron o pracer de coñecer  a un curmán de Papirus.  O polbo Martiño ten unha historia moi interesante xa que un bo día decidiu non escoitar máis a radio e sucedeulle algo moi curioso... perdeu noticias moi importantes.

O xoves 24 foi a quenda do alumnado de 3º, 4º, 5º e  6º de primaria que descubriron unha historia moi interesante sobre o Titanic e o código Morse. Aprenderon como funciona esa linguaxe e ata fixeron reproducións do seu propio nome.

 

Como remate, Papirus tiña preparada unha gran sorpresa para todos: o vídeo que dende a asesoría de BIBLIOTECAS ESCOLARES DE GALICIA  gravamos no mes de xuño presentando a nosa nova biblioteca.

E xa para rematar a celebración cantamos a canción de Papirus desexándolle moitos parabéns e como xa sabemos que o noso polbiño lector é moi xeneroso, agasallounos cun marcapáxinas para os nosos libros favoritos e unha lambetada.

Nos seguintes enlaces podedes continuar coa celebración:

BIBLIOCASTELO A PEDRA

TRASNOS

ANACOS DE VIDA

O equipo de gravación dun novo programa da TVG que empezará a emitirse nos próximos meses "ANACOS DE VIDA" estivo no noso cole.

Por uns días o noso alumnado viuse rodeado de cámaras e focos.

A través de fotos antigas os rapaces/zas foron contando pequenos anacos da historia de Bueu e visitaron varias zonas da localidade.

O venres 4 de outubro o equipo presentouse na escola cun autobús dos anos 50 para filmar esceas de exterior.

Estamos agardando con impaciencia o resultado.

EXPOSICIÓN FILATÉLICA "O MUNDO DOS SELLOS"

Dende o luns 30 de setembro e ata o xoves 3 de outubro a nosa escola tivo o pracer de contar coa exposición Filatélica "O mundo dos selos", organizada pola Comisión de Xuventude da Federación Española de Sociedades Filatélicas (FESOFI) e patrocinada por Correos. 

A actividade contou con varias propostas:

Unha exposición de 10 paneis con vitrinas nas que se facía un pequeno percorrido polo mundo dos selos, incluindo varios documentos historicos, o primeiro selo do mundo e de España, todos eles orixinais.

Esta parte foi presentada ao alumnado como visita-guiada por Juán Carlos Blanco, monitor do FESOFI.

Por outra banda o alumnado participou nun obradoiro filatélico e de escritura.

 

 

O martes 1 de outubro houbo unha presentación oficial coa presenza de representantes de distintos sectores da comunidade educativa: profesorado, concello, anpa e familias e equipos directivos doutros centros do concello.

O FESOFI fixo entrega ao equipo directivo dunha placa conmemorativa e os 3 selos de curso legal editados pola Fábrica de Moeda e Timbre, dous dos cales foron deseñados por Marc Taeger.

 

O martes 1 e o mércores 2 de outubro houbo xornadas de portas abertas con obradoiros e xogos dirixidos por Juán Carlos Blanco para os rapaces/zas.

 

A prensa tamén se fíxo eco deste evento

Se queredes saber máis sobre esta interesante actividade aquí vos deixo varios enlaces:

FESOFI

PREMIO OUFF ESCOLA OURENSE

O noso cole foi un dos centros premiados na décima edición do certame OUFF Escola, que convocan a Concellería de Turismo de Ourense e a Consellería de Cultura no marco do Festival de Cine Internacional de Ourense. Os "trasnos"  recibiron o Premio Blanco Amar ao mellor guión polo seu traballo audiovisual "É o meu aniversario".

O alumnado de 6º de infantil, que realizou este fermoso traballo o curso pasado, achegouse coas súas mestras ao Auditorio de Ourense como finalista para recibir o galardón.

Entrega premios ouff escola

Preme nos seguintes enlaces para saber máis:

BLOG DOS TRASNOS

 

LORENZO, UN FURACÁN ATÍPICO QUE SE DIRIXE CARA A EUROPA

Os modelos apuntan a que pasará preto dos Azores, pero aínda é cedo para saber se os seus efectos se notarán en Galicia.


Por agora é moi difícil saber se Lorenzo acabará deixando pegada en Galicia, pero moitos ollos xa están mirando cara ao Atlántico central para ver como se vai desenvolver este fenómeno, convertido en furacán. O que parece máis claro é que se trata dun furacán atípico, que ao contrario da gran maioría destes casos, vai moverse cara ao leste e, en vez de impactar coa costa americana, chegará ás proximidades do litoral europeo. Onde si teñen razóns para estar preocupados é no arquipélago das  Azores, xa que a traxectoria de Lorenzo na próxima semana apunta cara a estas illas.
Agora mesmo, tal e como expón o Centro Nacional de Furacáns (NHC) dos Estados Unidos, Lorenzo é xa un “major“, é dicir, acadou a categoría 3 na escala Saffir-Simpson de velocidade de vento, que vai do 1 ao 5. Isto tradúcese en refachos que poden chegar aos 208 quilómetros por hora. Afortunadamente, atópase no medio do Atlántico, sen afectar a terra firme.
Pero as predicións son perigosas, canto menos nos Azores. o NHC expón que, a partir do domingo, Lorenzo comezará a moverse cara ao noreste, nunha liña coincidente co arquipélago portugués, e posteriormente achegarase ao oeste de Irlanda. Con todo, a maioría dos modelos expoñen que, ademais de ir perdendo forza e converterse posiblemente nunha borrasca extratropical, a parte máis potente de Lorenzo non tocará terra. E por agora, con todo, haberá que agardar para saber en que medida afectará a Galicia.
O ciclón Lorenzo atópase arestora no Atlántico tropical. Os prognósticos indican que na vindeira semana, entre o mércores e o xoves, se moverá entre Azores e Irlanda pero aínda é cedo para saber se notaremos os seus efectos sobre Galicia.
Deste xeito, e polas mesmas datas, repítese de novo un panorama xa vivido en 2017 e 2018. Hai dous anos foi Ofelia, tristemente recordado pola súa coincidencia coa gran vaga de incendios do 15 de outubro de 2017, xusto o momento no que os refachos de máis de 100 km/h, unidos ás altas temperaturas e á seca, ademais da actividade incendiaria, calcinaron centos de miles de hectáreas en Galicia e Portugal. O ano pasado foi a quenda de Leslie, que afectou en maior medida a Portugal, pero tamén deixou pegada, convertido en tormenta extratropical, ao longo de España.

UN COMEZO DE CINE CO FIC

Como vimos facendo nos últimos anos, estes primeiros días de curso todo o alumnado do noso centro asiste, por quendas, ao Festival Internacional de Curtametraxes de Bueu.

O FIC ofrécenos, na súa duodécima edición, un completo programa que inclúe a proxección de máis dun cento de curtas e múltiples actividades paralelas.

Os máis pequenos/as do cole asistiron á proxección de 7 curtametraxes de diferentes nacionalidades e seleccionadas especialmente para eles na Sección Irmandade.

O alumnado de 1º, 2º e 3º gozou dunha selección de curtametraxes dentro da Sección Infantil, composta tamén de 7 títulos, con temática e procedencia variada.

 

 Os maiores do coles 4º, 5º e 6º visionaron 6 curtas dentro da Sección Xuvenil, tamén de procedencia e temas variados e axeitados as súas idades.

 Ao remate das sesións Infantil e Xuvenil houbo un pequeno coloquio sobre as curtas a cargo do persoal organizador do evento.

 Dende o CEIP Plurilingüe A Pedra queremos agradecer a invitación e a fantástica organización coa que nos sorprende cada ano o FIC. Ademáis,  destacar a boa selección de curtas proxectadas en todos os niveis.

Agardamos seguir asistindo ás seguintes edicións do Festival.

Distribuir contido