ENTREGA PREMIOS XIV CERTAME BENJAMÍN PAZ- EDICIÓN REVISTA A PRAVIA Nº 60

O venres, día 28 de maio de 2010, ás 19 horas, no Salón de Actos do Centro Cultural e Recreativo de Vilalba, o CEIP “Antonio Insua Bermúdez”, organiza o acto de entrega de premios do XIV Certame Literario e de Debuxo Benjamín Paz, que convocou coa colaboración da Asociación de Minusválidos “Benjamín Paz” e o propio Centro Cultural Recreativo, e que ten como fin primordial e fundamental o de lembrar a figura de Benjamín Paz Cordal. O acto enmárcase tamén dentro das actividades que o noso Colexio programa co gallo das Letras Galegas tendentes a fomentar a creatividade artística e literaria, por un lado, e a potenciar o idioma galego cara a consecución da súa plena normalización, por outro. O acto completarase cun pequeno recital poético a cargo de alumnos e alumnas gañadores no Certame e coa actuación do Grupo Pandereteiras de Andrade. Así mesmo, nestes días o CEIP “A. Insua Bermúdez” edita un novo número da revista escolar A PRAVIA, coincidindo co mes das Letras Galega, e que fai o número 60. Nesta ocasión, inclúese un traballo sobre o escritor homenaxeado este ano, Uxío Novoneyra, que inclúe pasatempos e cómic sobre a súa figura; unha entrevista a Pilar Fraga, de Lambuxos; unha ampla reseña do XIV Certame Benjamín Paz; os traballos das aulas; as noticias do Cole; os nosos murais; a páxina de APA; Medio ambiente e Investigación; o homenaxe dos alumnos a un mestre e unha mestra do Centro que se xubilan; un novo artigo sobre orientación educativa; o apartado de recensións de libros lidos por membros do equipo de redacción e que leva por título “Que lindo é ler!”a colaboración de tres alumnas de Maxisterio que fixeron as prácticas no noso Centro; os recortes de prensa, e un recordo especial para David, no 1º Cabodano do seu pasamento. A revista repártese a tódolos membros da comunidade educativa, aos centros educativos da bisbarra, ás institucións e aos organismos públicos, asociacións culturais, medios de comunicacións, etc.