DÍA DA ÁRBORE E VISITA AO CICLO DA AUGA

Este xoves 21 de marzo tiñamos dúas citas moi importantes coa natureza: a primeira, conmemorar o Día da Árbore e, a segunda, coñecer de cerca o ciclo da auga.

Como cidadáns, quixemos realizar unha pequena contribución ao coidado da natureza plantando árbores autóctonas no depósito do Seixo Branco, na aldea de Verdillo. Ao longo da semana, elaboramos unha adaptación do poema de Darío Xohán Cabana "O mundo chámase carballo", o cal recitamos despois da repoboación.

 

Tamén aproveitamos a visita para coñecer, de primeira man, as instalacións que conforman o ciclo da auga. Despois de visitar o depósito do Seixo Branco, que colle a auga do río Bardoso, achegámonos á depuradora máis importante do Concello de Carballo. Ali puidemos comprobar as distintas fases polas que pasa a auga antes de poder ser consumida nos nosos fogares: a fase de coagulación, a fase de decantación e o tratamento con cloro.