Saltar navegación

Lectura 3: Andrew McMillan: "O tipo duro"

Actividade de lectura

Andrew McMillan é un poeta inglés nacido en 1988. En 2015 publicou Físico, o seu primeiro poemario. Unha das obsesións do poeta é a revisión dos estereotipos da masculinidade. O poema “O tipo duro” foi un dos máis aclamados do libro:

“O meu sobriño pregúntame se podo levantalo como se fose unha pesa.
O novo amante de súa nai pode, e levántao moitas veces.

O meu sobriño que unha vez lle dixo ao meu mozo que era ilegal.
O meu sobriño coa mandíbula e a voz do seu papá.

O meu sobriño que di que eu quixen
tocarlle o paquete nunha ocasión.

Inténtoo outra vez. Deixo que as súas salvaxes pernas
descansen na palma da miña man. Poño a outra

no seu peito e levántoo porque,
que é a masculinidade se non termar do peso

dun neno e dar o máximo dun mesmo?
Aquí estamos un home sostendo un neno sobre si,

en horizontal, como unha ofrenda ao gotelé do teito,
que nin sequera un grego menor atoparía digno de ser esculpido.”

  1. Que novos modelos de familia recoñeces no texto?
  2. Como poden afectar eses modelos aos roles de xénero tradicionais?
  3. O poema amosa un modelo de masculinidade baseado na forza física: «O meu sobriño pregúntame se podo levantalo como se fose unha pesa». Tamén fala doutro tipo de forza que non é física: «que é a masculinidade se non termar do peso/ dun neno e dar o máximo dun mesmo». A que se refire con esta última frase? Son incompatíbeis ambos tipos de masculinidade?