Saltar navegación

Lectura 2: Rosalía de Castro, "Xan"

 

En 1880 Rosalía de Castro publicou o seu último libro de poemas en galego, Follas Novas. Entre os poemas do libro figuraba “Xan”, un poema que xoga cos roles de xénero e as tarefas propias de cada sexo nas sociedades tradicionais:

Xan vai coller leña ó monte,
Xan vai a compoñer cestos,
Xan vai a poda-las viñas,
Xan vai a apaña-lo esterco,
e leva o fol ó muíño,
e trae o estrume ó cortello,
e vai á fonte por augua,
e vai a misa cos nenos,
e fai o leito i o caldo...
Xan, en fin, é un Xan completo,
deses que a cada muller
lle conviña un polo menos.
Pero cando un busca un Xan,
casi sempre atopa un Pedro.
Pepa, a afortunada Pepa,
muller do Xan que sabemos,
mentres seu home traballa,
ela lava os pés no rego,
cátalle as pulgas ó gato,
peitea os longos cabelos,
bótalles millo ás galiñas,
murmura co irmán do crego,
mira si hai ovos no niño,
bota un ollo ós mazanceiros,
e lambe a nata do leite,
e si pode bota un neto
ca comadre, que agachado
tráello en baixo do mantelo.
E cando Xan pola noite
chega cansado e famento,
ela xa o espera entre as mantas,
e ó velo entrar dille quedo:
Por Deus non barulles moito...
que me estou mesmo morrendo.
¿Pois que tes, ña mulleriña?
¿Que hei de ter? Deita eses nenos,
que esta madre roe en min
cal roe un can nun codelo,
i ó cabo ha de dar comigo
nos terróns do cemiterio...
Pois, ña Pepa, toma un trago
de resolio que aquí teño,
e durme, ña mulleriña,
mentres os meniños deito.
De bágoas se enchen os ollos,
de Xan ó ver tales feitos;
mais non temas, que entre mil,
n'hai máis que un anxo entre os demos;
n'hai máis que un atormentado
entre mil que dan tormentos”
  1. Xan é o arquetipo dunha clase moi concreta de homes. Que características o definen? Que arquetipo representa?
  2. Ao final da primeira estrofa dise «Pero cando un busca un Xan,/ case sempre atopa un Pedro.» Que caracterizará a este Pedro? Que arquetipo representa el tamén?
  3. O poema xoga coas tarefas propias de homes e mulleres na sociedade tradicional. Cales serían propias do home e cales da muller?
  4. A distribución das tarefas que presenta o poema podería tomarse como exemplo de corresponsabilidade?
  5. Como interpretas a derradeira estrofa do poema?