Saltar la navegación

Sala Santiago

experiencias

A continuación presentamos as experiencias que estarán presentes na Sala Santiago. Preme no nome para saber algo máis de cada unha delas:

Experimento VI: Ciencia e Tecnoloxía.  Xa sabemos a que sabe a lúa, pero...de onde saíu? CEIP Valle Inclán (O Grove)

Educación Infantil e Primaria

"Experimento VI: Ciencia e Tecnoloxía"

É a continuidade dun cambio metodolóxico que se está a impartir no centro. A temática deste proxecto foi escollida polos nenos e nenas, e desde infantil a primaria desenvolvemos unha serie de actividades e proxectos de aula relacionados co tema. Profundizamos no uso e coñecemento da tecnoloxía, investigando sobre a súa orixe e a aplicación na vida diaria. Traballamos con novas linguaxes como o de programación, fomentando a súa creatividade e pensamento crítico. Experimentamos e manipulamos a ciencia servíndonos da tecnoloxía, mais nunca é o noso fin, é unha ferramenta que nos ofrece múltiples posibilidades que mellora os nosos produtos finais facéndoos máis atractivos e vistosos.

"Xa sabemos a que sabe a lúa, pero... de onde saíu?"

ABP e aprendizaxe cooperativa para implementar un proxecto sobre o espazo, no que o produto final é a representación do noso traballo na exposición científica Galiciencia. Toda una serie de tarefas dirixidas a sacar ao noso alumnado das aulas, xa que consideramos que a aprendizaxe debe ir no senso dunha preparación para o que ocorre fóra dela.

Un traballo de "todos para un, e un para todos" que consta das fases de Que sabemos (punto de partida), fase de búsqueda de información, de investigación, de creación de contidos, elaboración de materiais expositivos (formato mural interactivo e formato dixital) presentación/exposición, e difusión da experiencia.

Máis información: https://experimentovi.blogspot.com.es/

Realidade virtual & Storytelling. A seguinte xeración. CEIP Ponte dos Brozos (Arteixo)

Educación Primaria

A Realidade Virtual [RV] mergúllanos nun universo máxico onde os soños se fan realidade grazas ao uso da tecnoloxía para crear unha contorna simulada. A posibilidade de entrar nese mundo e interactuar con el é o que diferencia á RV doutro tipo de contidos dixitais. En lugar de ver unha pantalla fronte a nós sentimos a inmersión e somos capaces de interactuar cos mundos 3D. Isto significa que como persoas usuarias  de RV podemos non só observar senón tamén participar e mesmo influír na historia ou interactuar cos obxectos 3D.
Ao noso alumnado de Educación primaria propómoslle unha Aprendizaxe Baseada en Retos, enfoque pedagóxico que involucra activamente ao estudante nunha situación problemática real, relevante e de vinculación coa contorna, a cal implica a definición dun reto e a implementación dunha solución.

Queremos que os nosos alumnos e as nosas alumnas creen simulacións da realidade, xogos de fuga, historias animadas, exhibicións virtuais, mediante elementos multimedia de forma que pareza que están inmersos e inmersas nesa realidade. Esta simulación pode replicar un mundo real ou imaxinario. Para iso terán que observar, deconstruír, reflexionar sobre o mundo que os rodea; debuxar, construír e modelar a simulación baseada na análise previa; presentala a toda a clase, aceptar o feedback, tomar nota e mellorar o proxecto coas suxestións achegadas pola clase. A ferramenta que usarán é gratuíta e multiplataforma. Chámase CoSpaces.

Máis información: https://drive.google.com/file/d/1CkPzqfVVbXQOtdh55FBjaApV6UIHFcRk/view

Farémolo de dúas formas: aprendizaxe formal (aula ordinaria) e aprendizaxe informal (Club de Código). E aproveitaremos os beneficios da ludificación para enganchar ao alumnado e que sexa capaz de dominar habilidades en áreas como Lingua, Matemáticas, Artística ou Ciencias Sociais, senón tamén posuír habilidades transversais tales como o pensamento crítico, a resolución de problemas, o traballo colaborativo e multidisciplinario, a toma de decisións, a comunicación, a ética e a creatividade.

Superheroes e superheroínas solidarios. CEIP Balaídos (Vigo)

Educación Infantil

Dentro do mundo audiovisual no que vivimos cada vez é máis difícil conseguir que o noso alumnado desenvolva o gusto pola lectura. Os cómics son un xénero literario moi atractivo para os alumnos/as de primaria, xa que son moi visuais, teñen pouca letra e as súas historias son moi dinámicas. No curso 2016-2017 os alumnos e alumnas de 6º de Educación Infantil decidiron crear uns cómics para poder axudar a loitar contra o cancro infantil. Para conseguilo tivéronse que converter en superheroes, crear o seu propio disfrace e  inventarse cales serían os seus poderes. Despois os superheroes e superheroínas agrupáronse por equipos deseñaron o seu logo, crearon ao inimigo co que ían loitar e crearon o guión da súa historia. Unha vez creado o guión, os superheroes e superheroínas tiveron que escenificar cada escena en diferentes partes do colexio adoptando as posturas e xestos para facer a foto correspondente, e con diferentes apps engadimos despois efectos especiais. Acabados os cómics, a anpa e as familias axudaron a conseguir patrocinadores para poder imprimir exemplares e vendelos na festa contra o cancro infantil que organiza cada ano o  anpa para recadar diñeiro.

Na etapa de Educación Infantil é moi importante conseguir que o alumnado se achegue ao mundo da literatura e se inicie na manipulación de contos e outros xéneros literarios para adquirir un bo hábito lector. Ao converter aos nenos e nenas nos protagonistas do cómic e involucralos de forma activa en todo o proceso creativo conseguimos que se inicien de maneira lúdica e sinxela na lectura, partindo sempre desde o seu nivel madurativo e a súa capacidade lectora.

Os dispositivos móbiles ofrecen aos cativos/as, de maneira sinxela e intuitiva, a posibilidade de converterse en creadores e protagonistas dos seus propios cómics. Dependendo do nivel no que nos atopemos, serán máis autónomos ou necesitarán máis a intervención do profesor.

 A convivencia da tecnoloxía en contextos de aprendizaxe. CEIP Viñagrande-Deiro

Educación Primaria e Secundaria

Dende a nosa perspectiva a integración das TAC en Educación Primaria  debe basearse no uso da tecnoloxía con finalidade creadora, para o acceso á información ou para a transformación dos contidos curriculares.
Ademais deste principio, básico para toda a etapa, de forma específica  nos Contextos de Aprendizaxe a integración das TAC ten unha dobre finalidade para o alumnado de 3º, 4º, 5º e 6º:

  • a creación de contido propio para o alumnado (a través do uso e manexo de aplicacións e programas de alto potencial educativo e creativo)
  • a necesidade de darlle saída ao exterior aos traballos que realizan nas aulas a través dos medios de comunicación que temos no centro a disposición do alumnado: televiñagrande, radiodeiro, redeiras e a xanela de Viñagrande.


Trataremos de dar a coñecer a convivencia harmónica entre a tecnoloxía e os demais recursos didácticos, funxibles e humanos.

 "Orballando novas" informativo do tempo desde Frián - Ceip Frián-Teis (Vigo)

Educación Primaria

Arrincamos un novo proxecto interdisciplinar que realizaremos nos niveis de 5º e 6º, un informativo semanal do tempo que decidimos bautizar co nome: "Orballando novas". Eliximos ese nome neste momento de seca histórica, para deste xeito, invitar á chuvia, a vir e quedarse uns días connosco.

Cada mércores, facendo coincidir co programa de "Prensa Escola" da Voz de Galicia, estudaremos en profundidade o tempo meteorolóxico prognosticado para a fin de semana. Deste xeito pensando no P.D.I. deste curso "Vivindo san no cole Frián" queremos axudar á Comunidade Educativa a que organicen a súa fin de semana saudablemente dependendo do tempo: un paseíño en bici, unha ruta polo monte, un baño na praia ou actividades a cuberto se o tempo non acompaña.

Con este traballo semanal aproveitaremos para colaborar co Proxecto MeteoEscolas que estreamos este curso; deste xeito uniremos distintos programas, plans, proxectos e departamentos que funcionan no noso colexio.

O traballo será de lectura das novas do tempo na prensa diaria, de busca de información en meteogalicia.gal, de preparación de guións dos distintos programas, de traballo de fotografía para os distintos escenarios, de produción e realización do mesmo etc. Para realizar todo este traballo contaremos co soporte técnico dos nosos ipads con distintas aplicacións (google drive para crear e organizar textos en equipo) e o noso interese. Empregaremos música e imaxes propias ou de dominio público.

Máis información: http://www.edu.xunta.gal/centros/ceipfrian/taxonomy/term/341

Introdución á robótica en Educación Infantil - CEIP P. Vicente Arias de la Maza (Vilatuxe)

Educación Infantil e Primaria

Son Blue-Bot, un robot educativo programable desde a tableta ou móbil, con app propia, para introdución á robótica nas aulas de infantil e primeiros cursos de primaria.
Non son moi coñecido. Pola contra, a miña prima Bee-bot, é a protagonista neste mundo de robótica escolar, a pesar de non ser programable desde dispositivos.

O CEIP Plurilingüe “Vicente Arias de la Maza” de Vilatuxe- Lalín, apostou por min para traballar cos seus cativos en Infantil. Tamén a mestra de plástica plurilingüe do mesmo centro quixo darme unha oportunidade e non a defraudei.

Xunto ao meu colega mBlock, que trunfa na aula de cuarto de primaria deste cole e o meu coñecido DOC, un robot moi sinxelo, case un xoguete, vivimos moitas experiencias e ensinamos aos cativos moitos contidos que vos queremos mostrar.

As miñas coidadoras, as mestras, desesperáronse máis dunha vez, non tanto comigo, que son bo e dócil, senón coa miña app, ata o punto de examinala con lupa e mandar as queixas e suxestións de mellora aos creadores da mesma.

Agora elas están moi animadas co traballo realizado e fixeron que o meu uso e o dos meus robots colegas sexa, na xornada escolar, tanto unha rutina diaria como nunha experiencia nova con propostas de actividades específicas e lúdico -creativas, actividades interniveis, intergrupais, nas sesión de plástica de primaria,… tendo, deste xeito, moito éxito entre os cativos.

Agora as profes, orgullosas do seu traballo e, convencidas de que é un recurso TIC novo nestas aulas de alumnado cativo, un recurso exitoso e motivador para os peques, e que se integra, perfectamente, aos currículos vixentes, … queren compartir co resto do profesorado interesado esta experiencia, non só formándoo senón tamén ofrecéndolle en formato dixital, o material que elas crearon e que tanto traballiño lles levou, solucionando así un clásico sentimento de…”moi guai” pero…por onde empezo?, teño que facer todo iso?, non teño tempo para tanta cousa...
Están convencidas de que, o que se anime a probar, vaise animar a continuar apostando por esta metodoloxía de traballo e sobrepasando así, entre todos, a liña que agora mesmo marcamos.

Facendo escola - CPI San Vicente (A Baña)

Educación Primaria e Secundaria

Facendo escola é o título dunha película documental sobre a historia da educación no Concello da Baña realizada por un grupo de alumnos de 5º de EP do CPI San Vicente de A Baña, coordinados por 3 profesoras do centro e como produto final dun proxecto interdisciplinar de investigación desenvolvido en colaboración coa Biblioteca Escolar.

Máis información: https://kit.corunadixital.gal/experiencia/facendo-escola/

Uso do abalarMóbil nos centros educativos - IES Alfredo Brañas (Carballo)

Educación Primaria, Secundaria, FP

Uso do abalarMóbil para toda a comunidade educativo dende hai seis anos, para todo tipo de notificacións (faltas de orde, notas de aula, convocatorias da Consellería, axudas...). Fomos centro pioneiro no seu uso.

Máis información: https://bit.ly/2Ggz2Cg