Saltar la navegación

Sala Obradoiro

experiencias

A continuación presentamos as experiencias que estarán presentes na Sala Obradoiro. Preme no nome para saber algo máis en cada unha delas:

Da MarumaSat á NOSA. A creación dunha Axencia Espacial Escolar Galega. IES Maruxa Mallo (Ordes); IES Miraflores (Oleiros); IES Marco do Camballón (Vila de Cruces)

Educación Secundaria e Bacharelato

NOSA é un proxecto de Axencia Espacial Escolar Galega do que forman parte tres centros públicos: IES Maruxa Mallo (Ordes), IES Miraflores (Oleiros) e IES Marco do Camballón (Vila de Cruces). O seu obxectivo principal non é outro que o de levar ás aulas un modelo de traballo colaborativo a través da implementación, deseño e construción dunha cápsula estratosférica que, no terceiro trimestre de cada curso, realiza un voo suborbital.

O proxecto NOSA (Axencia Espacial Escolar Galega) leva funcionando tres anos. Xurdiu como unha iniciativa vencellada en exclusiva ao IES Maruxa Mallo, de Ordes, no curso 2015-16. O alumnado deseñou a primeira cápsula estratosférica, a MarumaSat I, e programou o seu lanzamento para o mes de maio dese curso. A cápsula viaxou equipada con cámaras de vídeo, dispositivos GPS e radiosonda para recollida de datos atmosféricos. Un dos puntos fortes deste lanzamento foi a emisión en directo, desde a propia cápsula, das imaxes do ascenso. Malia as malas condicións meteorolóxicas do día do lanzamento, a cápsula subiu até os 25000 metros e foi recuperada con éxito no concello da Estrada.

O curso 2016-17 supuxo un cambio moi importante na evolución do proxecto NOSA. Máis alá do lanzamento puntual dunha cápsula estratosférica, conseguiuse que dous novos centros de ensino (IES Miraflores e IES Marco do Camballón) se incorporarasen ao traballo e creasen unha dinámica conxunta de cooperación entre alumnado de distintos centros e idades, e desde a óptica complementaria de materias como Lingua Galega, Tecnoloxía e Matemáticas. Da colaboración destes tres centros naceu a NOSA (Axencia Espacial Escolar Galega). Desde aquí, o alumnado dos tres centros repartiu as tarefas necesarias para culminar con éxito o lanzamento de novas cápsulas. Organizado en distintas comisións de traballo (comunicación, audiovisual, meteorolóxica, económica, científica, deseño e construción), o alumnado sacou adiante a MarumaSat II, que supuxo un salto cualitativo na capacidade científica e tecnolóxica dos lanzamentos da NOSA. A MarumaSat II incorporou un bo número de dispositivos e experimentos novidosos que dotaron a misión dun enorme contido científico: cámara de vídeo, radiosonda atmosférica, placa Arduino con sensores de ozono e temperatura e varios experimentos biolóxicos cos que se pretendían avaliar as condicións de habitabilidade da nova cápsula. Foron tres estes experimentos: un frotis de células da mucosa bucal, xermolos de lentella e unha miñoca. Os tres experimentos funcionaron á perfección, demostrando que o deseño da cápsula era óptimo para preservar a vida nas difíciles condicións da estratosfera. Tras examinar ao microscopio a mostra de células bucais puidemos comprobar que se conservaba o seu rastro tras a viaxe. Do mesmo xeito, os xermolos de lentella experimentaron un crecemento significativo durante as horas do voo. E a miñoca, que viaxaba nun habitáculo especialmente deseñado para preservar as condicións de humidade e temperatura necesarias, foi devolta con vida ao seu medio natural tras a aterraxe.

No presente curso 2017-18 estamos a traballar na cápsula MarumaSat III, cuxo lanzamento está previsto para o mes de maio. Esta cápsula incorporará importantes innovacións que ampliarán as perspectivas científicas e tecnolóxicas das anteriores misións.

Os docentes que impulsan a NOSA (de áreas tan distintas como Tecnoloxía, Matemáticas ou Lingua Galega e Literatura) comparten valores educativos, pedagóxicos e metodolóxicos: cómpre que o alumnado sexa consciente de que os coñecementos que está a aprender, ou os que xa aprendeu, son útiles e permiten afrontar e resolver desafíos tan difíciles como viaxar ata os 35000 metros de altitude. A estratosfera, o espazo próximo, representa unha potente metáfora dos camiños que poderá tomar o alumnado da NOSA tras completar os seus estudos e iniciarse na vida adulta. Isto resúmeo moi ben o lema oficial da NOSA: “Cos pés no chan e os ollos nas estrelas”.

Máis información: http://www.rtve.es/alacarta/videos/telexornal-galicia/telexornal-galicia-2-02-06-15telexornal-galicia-2-02-06-15/3152362/

A creación de aplicacións para móbiles como motivación da aprendizaxe. IES Eduardo Pondal (Ponteceso)

Educación Secundaria, Bacharelato, FP

Son tres experiencias diferentes que remataron coa publicación dunha aplicación dispoñible no play store. Nos tres casos empregouse a ferramenta appinventor:

Un paseo pola xeoloxía da Costa da Morte e Costa da Morte Geology. Nesta aplicación presentamos un traballo sobre a historia dos materiais xeolóxicos que pisamos na comarca de Ponteceso. Realizouse con alumnos de primeiro de Bacharelato en inglés e galego. Ademais tamén publicamos e presentamos un tríptico cunha ruta que empregaba códigos QR (en galego e castelán). Os alumnos orgánizáronse en grupos no marco da materia de Bioloxía e Xeoloxía. Eles deseñaron e programaron a aplicación.

Aves do esteiro do Anllóns. Novamente realizamos unha aplicación, esta vez con alumnos de Bioloxía e Xeoloxía de 3º da ESO e en colaboración con alumnos de Debuxo Artístico de 2º Bacharelato. A aplicación foi o produto final dun traballo de campo realizado ao longo do curso e no que colaboramos tres departamentos do centro. Os alumnos elaboraron as fotos, debuxos e siluetas e decidiron sobre a estrutura e o deseño da aplicación. Posteriormente explicaron todo o proxecto aos compañeiros do centro, noutros centros educativos da comarca e fóra do ámbito da educación na Fundación Eduardo Pondal.

A historia da Terra. Elaborada cos alumnos de 4º ESO na materia de Bioloxía e Xeolóxia. Trátase dunha aplicación que presenta os acontecementos máis relevantes da historia da Terra. A aplicación foi realizada a partir dunha exposición realizada polos mesmos alumnos no instituto. Os alumnos, organizados en grupos, son os autores da exposición e dos contidos da aplicación. Este curso tamén colaboraron na programación da aplicación.

Máis información: https://play.google.com/store/apps/developer?id=Isacienciasponteceso

Traballando na plataforma Agueiro e usando vídeos experimentais. IES Terra de Turonio (Gondomar)

Educación Secundaria

Dende hai anos utilizo as plataformas de aprendizaxe e vídeos experimentais nos que o alumnado traballe cunha ensinanza programada por si mesmo onde se cuestione e afiance as matemáticas para un uso na vida cotiá. Neste curso ademais o alumnado usa a plataforma de aprendizaxe Agueiro . Mediante a procura de información e implementación en páxinas feitas e compartidas en dita plataforma o alumnado non só aplica as matemáticas senón que tamén afianza a súa competencia dixital.

Máis información: https://agueiro.xunta.gal/view/view.php?t=iFKWfuhdJ4qZ8vpIBQPX

 HydrAula - IES Daviña Rey (Monforte de Lemos)

Educación Secundaria e Bacharelato

Integración de actividades dentro e fóra da aula coa temática dos ríos e da auga, en distintas materias e a distintos niveis. Empregando google docs, Microsoft Office 365, Geogebra, deseño e fabricación 3D, e outras ferramentas adicionais, desenvólvense actividades en ESO e Bacharelato de xeito colaborativo. Os resultados publícanse no blog do proxecto e no proxecto etwinning. Presentamos unha metodoloxía de traballos por proxectos afianzada coa nosa participación no plan Proxecta dende os seus inicios e reforzada pola participación de alumnado doutros países.

O alumnado estuda os fundamentos teóricos para facer as actividades nas materias de Tecnoloxía, Matemáticas, Educación física e Xeografía e Historia, e aplícanos nas actividades do proxecto traballando en equipo.

Máis información: https://twinspace.etwinning.net/53701/home 

tacTICa - TACtica - EOI de Santiago de Compostela

Réxime especial-adultos

Estamos a empregar diferentes ferramentas TIC para a avaliación formativa da expresión escrita coa idea de avanzar cara a un enfoque TAC. Usamos a aplicación web KAIZENA para a avaliación das producións escritas mediante texto ou voz,empregando rúbricas e leccións dixitais.

O alumnado colabora empregando mapas mentais (no noso caso MindMeister) na posta en común dos criterios de avaliación.

Aplicación dos contidos E-Dixgal - IES Isaac Díaz Pardo (Sada)

Educación Secundaria

Este relatorio xirará arredor da propia experiencia no uso dos contidos dixitais na plataforma EVA E-Dixgal, dende setembro do 2017 no nivel de 1º ESO. A explicación, en primeira persoa, tratará sobre a preparación do material para as clases e a súa aplicación cada día na propia aula, nas materias de Música e Lingua Castelá.

A nenez galega a través dos anteollos de Castelao. As TAC no deseño de actividades integradas. IES Illa de Ons (Bueu)

Educación Secundaria e Bacharelato

"A nenez galega a través dos anteollos de Castelao" é unha proposta didáctica sobre a historia da infancia e a historia de Galicia a comezos do século XX, na que as estampas de Castelao se empregan como unha fonte histórica fundamental, a carón das fontes clásicas do coñecemento histórico e de toda unha recompilación de recursos multimedia e ferramentas TIC.

O noso empeño foi o de ofrecer un conxunto de actividades mediante as cales os propios estudantes constrúan o coñecemento obxecto de aprendizaxe, e que poidan advertir por si mesmos a estreita relación entre as distintas facetas dos procesos históricos, entre a economía, a sociedade e a política.

Este enfoque, que rebate o tradicional ensino da historia baseado na memorización de datos e acontecementos, centra o seu interese na adquisición das estratexias de pensamento propias das ciencias sociais.

A proposta de actividades complétase cunha concepción metodolóxica anovadora, que integra de maneira non anecdótica o uso de ferramentas TIC -a meirande parte multiplataforma e de balde-, ofrecendo a profesores e estudantes un conxunto de aplicacións que permiten explorar de maneira activa as posibilidades de novos escenarios educativos que están a propiciar un cambio metodolóxico na educación, sendo estas ferramentas un instrumento e non un fin:

  • Ferramentas de presentación dos contidos: presentación sincronizadas de imaxes e audio, encerados dixitais...
  • Ferramentas de organización dos contidos: liñas do tempo, elaboración de liñas xenealóxicas, creación de mapas conceptuais....
  • Ferramentas de edición de vídeo e audio.

En cada un dos apartados da unidade incluímos unha sección denominada “enREDando”, na que elaboramos unha serie de exercicios para traballar con estas ferramentas dixitais e con diversas ligazóns para a difusión das iniciativas de organismos e institucións galegas que sen dúbida enriquecen o discurso: o Museo da salga de o Grove, o Museo do Pobo Galego, o Consello da Cultura Galega, a Organización Internacional do Traballo, o Instituto Galego de Estatística... e moitos máis. Ademais, o tema da evolución política deste período recibe un tratamento distinto, a través do que chamamos "Obradoiros de Historia", no que a información de cada apartado se presenta baixo o formato dun xornal.

Máis información: http://www.edu.xunta.gal/eduga/1120/outros/castelao-no-ensino

Micrófonos direccionais e Paneis solares. IES Sánchez Cantón (Pontevedra)

Educación Secundaria e Bacharelato

 

"Paneis solares"

Traballo sobre paneis solares cuxo obxectivo final era o deseño dun panel solar orientable e inclinable (en función da súa localización xeográfica) e para ser empregado como forma de suministar enerxía a unha farola.

"Micrófonos direccionais"

A experiencia xira arredor do traballo sobre micrófonos direccionais:
a) O paraboloide elíptico e as súas propiedades
b) Puntos notábeis da parábola e do paraboloide elíptico
c) Xeración de paraboloides como superficies de revolución: Uso de GeoGebra para xerar o modelo que se poida usar como curva xeradora da superficie. Uso de material para xerar o molde do futuro paraboloide elíptico. Uso de materiais para xerar un  paraboloide elíptico a partir do molde (fibra de vidro, poliestireno extrusianado disolto en acetona, pvc)

As experiencias foron seleccionadas no concurso TeenTech británico, na Galicia Maker faire 2017 e no InovAmes.

Máis información: https://www.youtube.com/watch?v=A8YqBmRz5Lw