Saltar navegación

3.1.1 - Avaliación constructivista e de competencias

O modelo de avaliación que se aplique debe estar en coherencia como modelo pedagóxico adoptado. En Platega decantámonos por un modelo pedagóxico no que a aprendizaxe se basea na adquisición das competencias profesionais mediante tarefas deseñadas e orientadas cara á elaboración dun proxecto final. Este proxecto final debe contextualizarse nun escenario o máis parecido á situación real dos participantes nos cursos Platega. O Proxecto final desglosarase nos desempeños que deben adquirir os participantes para ser quen de desenvolver ese proxecto final, eses desempeños serán os chanzos que deben subirse para acadar o proxecto final. Por iso, é necesaria a "avaliación" considerándoa dende unha dobre perspectiva: cando e para que avaliar.

  • Cando avaliar? Ao inicio do curso, durante o proceso e ao final.
  • Para que avaliar? A avaliación diagnóstica da situación inicial ou de partida, a avaliación procesual da adquisición dos desempeños durante o proceso de aprendizaxe e a avaliación final do proxecto final construído e das competencias profesionais adquiridas ou consolidadas.

Despois disto poderemos "calificar" para determinar se certifican ou non a formación en función de se acadaron, tal como establece a orde que regula a formación do profesorado galego, o 80% da puntuación das tarefas.

Esta decisión condiciona o tipo de avaliación que debemos practicar. Falamos agora de avaliación, é dicir, do procedemento de análise da aprendizaxe e non de cualificación, é dicir, o procedemento de cuantificación e comunicación dos resultados.

O modelo pedagóxico adoptado ten a súa pedra angular no proceso de construción da aprendizaxe e nos procesos necesarios para materializar esa construción. A adquisición de competencias baseada en tarefas lévanos a enfocar a avaliación cara a dous aspectos fundamentais: o proceso e o produto. Aprender a través da adquisición de desempeños orientados cara un proxecto implica realizar un proceso de aprendizaxe que conduce, entre outras cousas, á obtención dun produto final determinado. A avaliación debe ser entendida dende unha triple perspectiva: do participante a si mesmo (autoavaliación), do titor aos participantes (héteroavaliación) e dos participantes entre si (coavaliación ou avaliación interpares) co obxectivo de mellorar o proceso que está a ser avaliado para lograr un produto final mellor.

Por iso, a avaliación ten que centrarse no proceso e establecer o nivel de aproveitamento dos estudantes nas tarefas e actividades realizadas, detectar os erros máis relevantes para corrixilos durante o proceso de aprendizaxe. A avaliación de competencias non debe medir as aprendizaxes senón valorar a posta en funcionamento das aprendizaxes na resolución dunha tarefa ou proxecto. Non se trata de avaliar o "saber" senón o "saber facer".

  • A avaliación do proceso realizarémola a través das tarefas, coas intervencións nos foros de debate... Esta avaliación pódese practicar dende tres ángulos complementarios: autoavaliación, coavaliación e heteroavaliación, mediante guías de corrección con rúbricas cando sexa posible.

A avaliación do produto centrarase na produción de cada alumno ou participante, é dicir no proxecto final que reflectirá necesariamente as tarefas e actividades desenvolvidas ao longo do curso.

  • Avaliaremos o proxecto final tamén dende o triple punto de vista mencionado: a autoavaliación guiada mediante unha guía de corrección elaborada a partir das especificacións que debe cumprir o proxecto e rúbricas, a coavaliación mediante un taller con rúbrica e a hetereoavaliación.

Falaremos da avaliación que propoñemos aplicar relacionándoa / comparándoa coa concepción tradicional da avaliación. Comparación da avaliación tradicional coa construtivista:

Avaliación tradicional A construtivista
Céntrase en coñecementos illados sen considerar a súa conexión co marco de coñecementos xeral e persoal do alumno. Esta tendencia a avaliar coñecementos como unidades ordenadas que se poden illar en forma artificial, non favorece a construción do coñecemento. A aprendizaxe construtiva esixe unha avaliación que considere as cadeas complexas de significado e a interacción dinámica entre estes. O esencial nesta perspectiva é o concepto de integración, é dicir, propón que calquera tipo de coñecemento pode ser entendido mellor no contexto dun sistema de significados máis amplo que o apoie e relacione.
A avaliación tradicional mide a cantidade de coñecementos ou obxectivos logrados, representados como a frecuencia de respostas correctas nos instrumentos estructurados. As técnicas tradicionais diríxense principalmente a avaliar o presente do alumno e no mellor dos casos o pasado recente (avaliación acumulativa). As técnicas constructivistas resaltan a avaliación do desenvolvemento.
A avaliación tradicional mide a cantidade de información memorizada polos alumnos. Centra a atención no nivel de análise, polo tanto as capacidades do alumno para clasificar comparar e sistematizar son claves para a avaliación formativa.
Sitúa os alumnos nun conxunto de construcións validadas externamente. Obtén dos alumnos un conxunto de construcións persoais e únicas coas que estruturan o seu propio coñecemento
  A avaliación neste marco ten a intención de dar aos estudantes unha oportunidade para seguir aprendendo; isto esixe que o profesor recoñeza as diferenzas individuais e de desenvolvemento de intereses, capacidades, destrezas, habilidades e actitudes. Así, a avaliación debe partir verificando o que os alumnos xa saben (avaliación diagnóstica).

Viñeta sobre a avaliación.

A avaliación constructivista mide:

  • Os coñecementos adquiridos e a capacidade dos alumnos para aplicalos en situacións variadas.
  • O desenvolvemento de destrezas, habilidades e cambios de actitudes.
  • Se os alumnos contribúen a achegar un novo significado ao coñecemento, alterando mesmo a dinámica da interacción establecida polo docente.
  • A validez de construción debe verificar se se está a avaliar o que realmente se espera que os alumnos constrúan, o que implica:
    • unha clara definición de capacidades;
    • unha declaración explícita das normas, que deben ser xustas para os alumnos;
    • unha clara definición de criterios de avaliación, cando será considerada unha construción boa, mala ou regular;
    • e instrucións comprensibles para a comunicación das aprendizaxes.

 A avaliación ten dous obxectivos principais:

  • Analizar en que medida se cumpriron os obxectivos para detectar posibles fallos no proceso e superalas.
  • Propiciar a reflexión dos alumnos en torno ao seu propio proceso de aprendizaxe.

Para lograr estes obxectivos a avaliación debe ser

  • Participativa, que os alumnos participen nela.
  • Completa, debe abranguer todos os pasos importantes do proceso ensino-aprendizaxe.
  • Continua, ao longo do curso. Non debe deixarse para o final deste.

A avaliación de competencias é unha técnica de execución que require que o estudante elabore unha resposta ou un produto que demostre o seu coñecemento, capacidades e habilidades. Preténdese avaliar o que os estudantes poden facer, en lugar do que saben. A avaliación final ou global farase sobre o proxecto final, por exemplo o deseño do seu curso virtual.
A avaliación de competencias require da integración de coñecementos sobre contidos específicos, destrezas, capacidades, habilidades mentais e certas actitudes para lograr a meta. Debe ser parte integrante da aprendizaxe e aportar retroalimentación ao estudante. Ademáis, debe realizarse en diferentes tempos, formas e contextos e orientada cara a autoavaliacióin, é dicir, que o participante sexa quen de diagnosticar a súa aprendizaxe para mellorala.

Webgrafía

Creado con eXeLearning (Ventana nueva)