Peche da segunda edición do proxecto ‘A Coruña Emprende’
Alumnas e alumnos de 6ª de primaria e de todos os cursos de ESO, Bacharelato e FP da provincia de A Coruña participaron nas actividades desenvolvidas dentro da segunda edición do proxecto ‘A Coruña Emprende’, posto en marcha pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria co patrocinio da Fundación Alcoa e coa colaboración de La Opinión. A finalidade desta iniciativa foi a de estimular o espírito emprendedor entre os estudantes, así como a de favorecer a responsabilidade e autonomía persoal dos máis novos.
O proxecto desenvolveuse en 32 centros de ensino da provincia de A Coruña, e rematou co acto de clausura, onde se desenvolveu unha mostra de miniempresa e a entrega dos premios ao concurso de ideas para a realización de proxectos empresariais.
Neste acto interviron a subdirectora xeral de FP, María Eugenia Pérez; o director xeral da Fábrica de Alcoa en A Coruña, José Gil Fernández Pulpeiro; a directora de La Opinión, Carmen Merelas Rico; o xefe de servizo de Orientación Profesional e Relación con Empresas, Julio Jorge Álvarez Flórez e a directora do centro CIFP Paseo das Pontes, Beatriz Julia López Prado.