Congreso Fp Innova

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo durante a inauguración do Congreso de Innovación na FP, na Cidade da Cultura de Santiago de Compostela referiuse aos proxectos deste Congreso de Innovación na FP como unha proba do talento que se pode atopar na Formación Profesional galega. Non en van, as 57 propostas que se poden atopar nesta feira abarcan todo o espectro produtivo, entre as que destacan: unha reprodución do proceso de obtención de agar-agar a partir de algas autóctonas; unha centraliña de voz sobre IP creada con equipos de baixo custo Raspberry PI; a recreación dun fogar dixital, con todos os procesos da domótica, nunha aula; a construción dunha pala de aeroxerador mediante a técnica de infusión en fibra de vidro; ou a elaboración de moldes para protectores e próteses auditivas mediante o escaneo 3D. “Aquí hai, en definitiva, economía e emprego”, asegurou.

Este evento pretende facer visible ante a sociedade a potencialidade dos centros de formación profesional e a importante actividade innovadora, tanto didáctica como tecnolóxica, que se xera a través do profesorado e o alumnado destes centros,  así como a importancia de impulsar as colaboracións co entorno produtivo.

O Congreso de Innovación na FP desenvolvese ao longo dos dous días de duración e organizase en conferencias e mesas redondas relacionadas con diversos aspectos e temas asociados coa innovación, nas que se contará coa presenza como relatores/as de representantes de empresas ou institucións, centros educativos, clústers, centros tecnolóxicos e colexios ou asociacións profesionais.