A Formación Profesional galega participa en Enerxétika 2022
A Consellería de Cultura, Educación e Universidade participa en Enerxétika 2022, a feira enerxética de Galicia, que se celebra entre o 3 e o 5 de febreiro no recinto Feira Internacional de Galicia Abanca en Silleda.
O expositor da Formación Profesional de Galicia é o E2 e nel pódese atopar información sobre proxectos de innovación relacionados coa familia de Enerxía e auga, desenvolvidos polos centros educativos CIFP A Farixa, CIFP Valentín Paz Andrade, CIFP As Mercedes, CIFP Someso, CIFP Universidade Laboral e CIFP Ferrolterra. Tamén pode atoparse información sobre a oferta de formación profesional en Galicia.
Ademais do expositor, o CIFP Universidade Laboral ofrece o xoves 3, de 12:30 a 13:00, unha sesión técnica sobre a aplicación da tecnoloxía BIM á xestión enerxética.
O venres 4, de 13:00 a 13:30, a Subdirección Xeral de Formación Profesional ofrecerá unha sesión técnica sobre acreditación de competencias profesionais centrada no sector das instalacións enerxéticas.