Iniciar sesión: Acceso

Novas da Biblioteca

Kalim, benvidos

O venres 8 de novembro recibimos a sete persoas africanas que están residindo en Mondariz Balneario á espera de poder obter aquí os seus permisos de residencia. A asociación ACCEM, cuxo traballo admiramos fondamente, propúxonos facer esta a actividade, este encontro dos dous mundos, o dos nosos e nosas escolares desta vella Europa (tan ancorada en si mesma, tan repregada na súa historia) e a África que ten tanto para darnos.
Quedamos moi agradecidas deste encontro nos que nos decatamos de que semellantes somos todos. Eles ofrecéronnos as súas historias, duras, dolorosas, pero cheas de tenrura e de confianza, de fortaleza e resiliencia. Nós só soubemos ofrecerlles o noso: noces, castañas e o magosto, abelás,... os libros da natureza que nos fai de berce.
Que a nosa natureza fermosísima e os seus froitos sexan berce tamén para eles.

Camiñan ao meu rente moitos homes.
Non os coñezo. Sonme estranos.
Pero ti que te alcontras alá lonxe,
máis alá dos desertos e dos lagos,
máis alá das sabanas e das illas,
coma un irmau che falo.
Si é túa a miña noite,
si choran os meus ollos o teu pranto,
si os nosos berros son igoales,
coma un irmau che falo.

                                                   Celso Emilio Ferreiro

Kalim, benvidos.

 

I Encontro de clubs de lectura dos centros educativos de Ponteareas

O pasado venres tivo lugar o I Encontro de clubs de lectura dos centros educativos de Ponteareas.
Arredor dos libros, coma os nosos ancestros arredor das palabras, estivemos hoxe todas as lectoras. E se, en realidade, somos cazadoras de estrelas cando lemos?
Grazas á profe Encarna, que puxo en marcha este encontro, e a todas as profes que fan parte das bibliotecas escolares ponteareás, por preparar esta xuntanza. Nos horarios dos e das profes cada vez hai menos horas destinadas ao traballo bibliotecario e, a pesar diso, seguen existindo encontros arredor dos libros e da lectura e momentos coma este.
Estiveron no encontro a escritora Susana Lamela e o autor Juan Abalde, os dous da vila, os dous amantes do Principiño, de Balbino (o rapaz de aldea de Neira Vilas) e do soñador Quijote. Grazas polas vosas palabras e polas vosas páxinas, que forman bosque!

 

A poesía tamén nos acompaña nos recreos!

Hoxe dixemos poesía, corpo a terra corazón, arroz con leite. Hoxe inauguramos as lecturas do noso club de lectura de poesía. E para facelo acompoñounos Samuel Merino, que nos leu fragmentos do seu Guantanamera.
Un poeta veu vernos nun recreo! E soubonos a súa visita a arroz con leite, a avoa, a poema nun só acto, a corpo liberado.
Samuel, moitas grazas por vir, por ler para nós, por poñer a andar a rodiña da poesía e por poñer o noso corpo a terra.

 

Silvia Penas e Samuel Merino volven polo Val do Tea

O pasado luns o alumnado de 4º ESO, 1º Bacharelato, e tamén as familias de noso club de lectura, recibiron a visita de Samuel Merino (@pompa_e_boato) e Silvia Penas (@silvia_penas_estevez). Viñeron traernos o ceu, o claustro, a corda, o comensal, a porcelana, os retratos de vodas, partos e funerais...

O fío da vosa poesía traspásanos, Samu e Silvia! Grazas pola vosa visita.

A música sempre presente no VdT

Este luns tivemos unha nova sesión musical, nesta ocasión a cargo a nosa exalumna Alcira e Paula Carrera, que moi amablemente achegaron o seu bo facer musical ao alumnado de 4º ESO, 3º PDC e tamén ás familias do Club de lectura.

Grazas, Alcira, Paula, e parabéns polo voso fermoso traballo! Sempre é un pracer escoitarvos.

Celebramos o Día do Libro

Un ano máis celebramos o Día do Libro co xa tradicional amig@ invisible entre profesorado e alumnado de 2º Bacharelato.

Lecturas e rosas para acompañar este fermoso día.

Ademais, a Biblioteca organiza unha pequena exposicións con algúns dos "Libros que hai en nós": Hai uns anos Emma Pedreira explicounos os libros que había nela. e nós, as e os profes do instituto, neste 23 de abril quixemos preguntarnos os libros que hai en nós. Velaquí algunhas das respostas. Unha parte do que somos naceu neles. 

Desexámosvos 365 días de boas lecturas!!

Las cuevas de Solimán, de Juan Abalde

Deixamos aquí a proba gráfica de que temos intención de entrar nunhas covas, as de Sóliman. O pasado 20 de marzo visitáronnos Juan Abalde e e Paula Abalde (ex alumna do centro, que ben que volveses vir ao teu insti co fermoso debuxo da cuberta de Las cuevas de Solimán) para presentar esta novela ao alumnado de 1º Bacharelato.

Estamos desexando acompañar os catro adolescentes protagonistas da novela!!!

"Cuatro adolescentes verán inesperadamente alteradas sus vacaciones de verano al verse inmersos, sin saberlo, en medio de una investigación policial. Al mismo tiempo, dos familias, aparentemente sin conexión alguna, sufrirán el secuestro de sus hijos.

Sóliman, ubicada ficticiamente en Galicia, será el escenario perfecto para una historia que siempre mira al pasado y que lo proyecta al presente. Al igual que los faros alumbran la costa para los marineros, Sóliman se convertirá en la luz que iluminará la resolución de este caso."

Grazas, Juan e Paula por traemos esta aventura.

Celebramos o mes da Poesía

"Sinalando coas dedas dos seus pés..." son uns versos de Candela cos que celebramos a poesía. O mes da poesía.

O mércores 13 de marzo recibimos As meleiras do Suído, Melissa e Fátima, que nos falaron de como as abellas fan mel que elas, apicultoras de vocación e emoción, recollen, con agarimo e respecto. Déronnos a proba da mel no seu panal e soubemos a que sabe o mel cando "nace". O mel, produto que nos ofrecen as abellas despois de libar as flores.

E o xoves 21 de marzo, veu outra meleira, Noa Moreira, poeta (apicultora da palabra, tamén de vocación e emoción) da Pobra do Brollón,que nos ensinou a facer mel libando nas palabras, ensinounos a facer a poesía. Deunos a proba da poesía cando "nace". A poesía, produto que nos ofrecen as poetas despois de libar palabras.

As poetas son abellas. Os versos son mel. Son a vida, a flor, que chega depurada por mans expertas, de apicultora e de poeta. Son medicina o mel e a poesía. 

Grazas a todas por enchernos a boca de flores e de mel. E grazas, Candela, por lembrarnos que "as abellas nacen dos rizos das serraduras/feitas polas calladas e caladas mans abeleiras".

Coidemos das abellas e da vida. Da polinización. Sen ela(s), a vida está ameazada.

Obradoiro de aproximación ao cómic, con Marta Outeiriño

Me tiraste un limón, y tan amargo,
con una mano cálida, y tan pura,
que no menoscabó su arquitectura
y probé su amargura sin embargo.

Ai! Se Miguel Hernández soubese todo o bo que dá de si un limón!
Tamén el iría ao obradoiro de ilustración que impartiu hoxe a nosa profe Marta para o alumnado dos Clubs de lectura e para os usuarios e usuarias da Asociación Avelaíña! Hoxe naceron debuxantes.


Grazas, Marta e Encarna, polo traballo, o cariño e a emoción.

Distribuir contido

Eventos

« Novembro 2024 »
LunMarMérXovVenSábDom
123
45678910
11121314151617
18192021222324
252627282930

Calendario de exames de Bacharelato

Equipo de Dinamización da Lingua Galega

Equipo de Convivencia e Mediación

Punto Laranxa contra o acoso escolar

Contratos-Programa