Iniciar sesión: Acceso

Novas do EDLG

MAGOSTO 2024

Compartimos convosco algunhas imaxes que ilustran ben o moito que deron de si as horas do magosto do pasado venres día 8. Música tradicional, castañas, chocolate, xogos populares,... Unha morea de actividades que contaron con moi boa acollida!

Álbum: Curso 2024-25 -> Magosto 2024

Visita guiada ao cemiterio de Ponteareas

Neste final do mes de outubro, o alumnado de 4º ESO participou nunha visita guiada ao cemiterio municipal de Ponteareas. Acercarse á historia, aos símbolos que gardan os cemiterios e coñecelos máis de cerca tamén é importante. 

A semana pasada celebramos o Día de Todos os Santos. Día de recordos, pero tamén de celebrar a vida.

Concurso de doces terrrrroríficos!

Como xa é tradición, o EDLG volveu este ano polo Samaín co seu concurso de doces. A cantidade de participantes non foi moita, pero a calidade fantástica, como cada ano! E para mostra, estas fotiños que vos deixamos a continuación.

 

 

No magosto coñeceremos as persoas gañadoras!!

Toca cociñar! IV concurso de doces

Un ano máis, con motivo do Samaín, celebramos o noso concurso de doces Toca cociñar!

Xa coñecedes o sistema:

- Elabora un doce e decórado para que sexa máis vistoso. A temática está clara, o Samaín!

- Copia nun papel a receita deixando ben claro cales son os ingredientes. Por suposto, debes escribir en galego.

- Pensa nun seudónimo que che guste e anótao no mesmo papel onde escribiche sa receita. O teu nome real so debe coñecelo a persoa que recolla os doces.

- O día de entrega será o 30 DE OUTUBRO antes do 1º recreo. Terás que deixalo no lugar que se habilitará para iso (pregunta en conserxería antes de entrar, a 1ª hora).

- Durante o 1º e 2º recreo o xurado seleccionará os doces gañadores que recibirán premios!

ANÍMATE E PARTICIPA! (Concurso aberto a todo o alumnado do IES Val do Tea)

Achegámonos (máis) á musica tradicional da man de Mondra!

Esta mañá o alumnado de 1º Bacharelato fixo un interesante percorrido polas músicas de onte a hoxe da man de Mondra. Con el achegáronse ao mundo da foliada (máis coñecidas como seráns pola nosa zona) e a grande relevancia que esta tiña na vida cotiá das persoas. A través de semellanzas entre a vida de onte e a de hoxe, o alumnado puido recoñecer a importancia que tivo e sempre terá a nosa tradición.

Grazas, Mondra, e parabéns polo teu fermoso traballo! Vémonos na foliada!

Celebramos o Día do Libro

Un ano máis celebramos o Día do Libro co xa tradicional amig@ invisible entre profesorado e alumnado de 2º Bacharelato.

Lecturas e rosas para acompañar este fermoso día.

Ademais, a Biblioteca organiza unha pequena exposicións con algúns dos "Libros que hai en nós": Hai uns anos Emma Pedreira explicounos os libros que había nela. e nós, as e os profes do instituto, neste 23 de abril quixemos preguntarnos os libros que hai en nós. Velaquí algunhas das respostas. Unha parte do que somos naceu neles. 

Desexámosvos 365 días de boas lecturas!!

Aquí tamén se fala!

Como non podería ser doutro xeito, o noso centro participa no Aquí tamén se fala galego, iniciativa cultural impulsada polo EDLG do IES Rafael Dieste (A Coruña) e que leva meses percorrendo toda Galiza.

Parte do noso alumnado saíu a percorrer as rúas de Ponteareas compartindo esta iniciativa cos comercios locais.

Parabéns ao IES Rafael Dieste por dar comezo a unha iniciativa tan fermosa (e necesaria) coma esta!

Iria e Lía na VIII edición do Concurso de recitado "Rosalía sempre viva"

Este sábado, as nosas alumnas de 1º Bacharelato, Iria M. e Lía B. participaron no concurso de recitado poético "Rosalía sempre viva", que organiza a Casa-Museo Manuel María (Outeiro de Rei). Un ano máis, a calidade de recitado de todas e todos os participantes foi realmente sorprendente, e desde o IES Val do Tea non podemos estar máis orgullosas e orgullosos das nosas alumnas e do seu magnífico traballo!

E para máis ledicia, Iria gañou o premio ao mellor recitado na Categoría de Bacharelato e Ciclos Formativos! Parabéns polo merecido premio!

  

Entroido 2024

A chuvia non puido coas nosas ganas de Entroido! E para mostra, un pequeno álbum de recordos.

Agardamos que vos guste.

Álbum: Curso 2023-24 -> Entroido 2024

Celebramos o Día Mundial da Radio

Esta mañá, para conmemorar o Día Mundial da Radio, un grupo de alumnas e alumnos participou no programa de radio que organiza o IES Pedras Rubias (Salceda de Caselas).

Podedes ver o programa neste enlace (e a nosa participación a partir do 02:12:00):

Distribuir contido

Eventos

« Novembro 2024 »
LunMarMérXovVenSábDom
123
45678910
11121314151617
18192021222324
252627282930

Calendario de exames de Bacharelato

Equipo de Dinamización da Lingua Galega

Equipo de Convivencia e Mediación

Punto Laranxa contra o acoso escolar

Contratos-Programa