Iniciar sesión: Acceso

Actividades

Graduación 4º ESO 2024

Compartimos convosco algunhas imaxes da celebración o pasado venres 21 de xuño do Acto de Graduación de 4º ESO.

Ao remate deste curso, estes rapaces e rapazas iniciarán unha nova etapa, algúns deixarán o noso centro, outros comezarán o Bacharelato,... Sexa cal sexa o destino escollido, desexámosvos o mellor!

Moita sorte a todas e todos!

Álbum: Curso 2023-24 -> Graduación 4º ESO 2024

Plan proxecta: Quérote+

Ao longo deste curso o noso alumnado de 3º ESO participou no “Plan proxecta: Quérote+”, un proxecto multidisciplinar no que participaron o departamento de Ciencias Naturais, Lingua Castelá e Inglés.

Dito proxecto aborda a educación sexual en sentido amplo de tal xeito que se trataron contidos como a identidade de xénero, amor romántico, orientación sexual, métodos anticonceptivos....

Algunhas das moitas actividades realizadas quedan recollidas neste pequeno vídeo no que se resume o traballo realizado ao longo deste curso nas diferentes materias.

Obradoiro de “crêpes” con La Marinière

O luns 20 de maio, o alumnado de Francés de ESO e 1º de Bacharelato participou nun obradoiro de “crêpes”.

Un ano máis, Jérémy Thomas achegouse ao noso centro co seu food truck “La Marinière”.

O alumnado estivo atento á presentación que Jérémy lle fixo sobre a rexión de Bretaña e respondeu con dinamismo ás súas preguntas. Logo, tocoulle por mandís para axudar na preparación duns “crêpes” que aderezaron con diferentes recheos.

O profesorado organizador quere destacar a boa implicación do alumnado en todas as fases do obradoiro e a súa inmersión nos roles a interpretar. Parabéns!

Aínda non terminara a actividade, que xa estaban reclamando a súa repetición como mínimo unha vez ao mes!!!

Graduación 2º Bacharelato 2024

Compartimos convosco este "pequeno" álbum fotográfico da celebración o pasado venres 7 de xuño do Acto de Graduación de 2º Bacharelato. Nin a chuvia foi quen de quitarlles as ganas de celebrar!

Parabéns, rapazas e rapaces. Desexámosvos moita sorte nesta nova etapa que comezades. 

Álbum: Curso 2023-24 -> Graduación 2º Bacharelato 2024

Silvia Penas e Samuel Merino volven polo Val do Tea

O pasado luns o alumnado de 4º ESO, 1º Bacharelato, e tamén as familias de noso club de lectura, recibiron a visita de Samuel Merino (@pompa_e_boato) e Silvia Penas (@silvia_penas_estevez). Viñeron traernos o ceu, o claustro, a corda, o comensal, a porcelana, os retratos de vodas, partos e funerais...

O fío da vosa poesía traspásanos, Samu e Silvia! Grazas pola vosa visita.

Charlas culturais con Burlington

O pasado xoves o alumnado de 1º e 2º ESO asistiu ás charlas culturais da editorial Burlington. E ti? Canto sabes do Reino Unido? E de Irlanda?

Charla sobre a protección da natureza (Plan Director)

Onte, martes, o alumnado de 2º ESO participou nunha charla informativa para dar a coñecer o Servizo de Protección da Natureza (SEPRONA) dependente da Garda Civil así como transmitir información básica e pautas de actuacións ante diversas emerxencias que se poidan dar. 

A música sempre presente no VdT

Este luns tivemos unha nova sesión musical, nesta ocasión a cargo a nosa exalumna Alcira e Paula Carrera, que moi amablemente achegaron o seu bo facer musical ao alumnado de 4º ESO, 3º PDC e tamén ás familias do Club de lectura.

Grazas, Alcira, Paula, e parabéns polo voso fermoso traballo! Sempre é un pracer escoitarvos.

Visítannos dous grandes alumnos do CDM!

O pasado xoves estiveron connosco Alberto R. Boente, exalumno deste centro, e Daniel Corral. Ambos os dous son alumnos do CDM de Ponteareas cun futuro prometedor! E así o viñeron demostrar ao longo de toda a mañá, durante a que tocaron todo o noso alumnado, demostrando así que, ademais de grandes persoas, son tamén grandes músicos.

Parabéns, Alberto e Dani, polo voso traballo e moita sorte con todos os proxectos que iniciedes de agora en diante!

E Trécola achegounos as aventuras de Pituquito!

O pasado luns, día 20, visitou o noso centro a compañía Trécola Producións e con ela os seus monicreques! Viñeron desde Lugo para facernos rir, para explicarnos como naceron os monicreques, quen foron Guiñol e Barriga verde e para lembrarnos a pureza da adolescencia.

Parabéns, Trécola polo voso fermoso traballo e polas risas e ledicia que transmitides! Sen dúbida, unha fermosa experiencia para o alumnado de 2º ESO.

  

Distribuir contido

Eventos

« Xullo 2024 »
LunMarMérXovVenSábDom
1234567
891011121314
15161718192021
22232425262728
293031

Calendario de exames de Bacharelato

Equipo de Dinamización da Lingua Galega

Equipo de Convivencia e Mediación

Punto Laranxa contra o acoso escolar

Contratos-Programa