NOVAS DA CONSELLERÍA
Orientacións provisionais do 17 de abril para o desenvolvemento do terceiro trimestre do curso 2019/2020 (Á espera da publicación da normativa estatal correspondente)
O pasado mércores, día 15 de abril, en reunión da Conferencia Sectorial de Educación, o Ministerio de Educación e Formación Profesional achegou ás Comunidades Autónomas un documento base para a publicación dunha norma que regule as directrices para o desenvolvemento do terceiro trimestre do curso 2019-2020 e o inicio do curso 2020-2021.
Ata o momento de publicar o presente documento, o Ministerio de Educación non ten aínda publicada norma algunha, tal como se lle ten requirido desde a Comunidade Autónoma de Galicia, que permita aplicar, con seguridade xurídica, a toma de decisións no actual contexto, en relación con aspectos regulados en normativa básica, tales como os criterios de promoción e titulación do alumnado.
A situación sanitaria continúa obrigando ao mantemento do estado de alarma e a Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional, consciente da necesidade de xerar seguridade na comunidade educativa, traballa para que o dereito á educación, baseado nos principios de equidade e igualdade de oportunidades, siga vixente.
A Consellería de Educación tentará, sempre que a situación sanitaria o permita, que o noso alumnado poida volver ás aulas antes de que o curso 2019-20 se dea por rematado. Uns días que lles dean a oportunidade de volver a atoparse cos seus compañeiros e os seus docentes e recoñecer o labor destes na súa aprendizaxe.
Namentres, cada un desde as nosas responsabilidades, con lealdade e de forma coordinada, seguiremos traballando para saír xuntos desta pandemia, sen deixar a ninguén atrás.
En tanto non se publique a correspondente norma é oportuno adiantar como avance estas orientacións para os centros educativos para o desenvolvemento do terceiro trimestre do curso 2019-2020.
1. Principio fundamental
Todos os responsables das tarefas educativas, sexan docentes, equipos directivos ou membros das Administracións, extremarán o seu coidado para apoiar aos estudantes e ás súas familias, aos docentes e a todos os membros da comunidade educativa, así como para facer posible o desenvolvemento das súas tarefas respectivas en condicións que promovan o seu benestar. En consecuencia, todas as decisións da Administración educativa estarán suxeitas ás recomendacións sanitarias e velarán pola adopción das medidas recomendadas polos responsables de dita área.
2. Continuidade do calendario escolar
Durante o terceiro trimestre os centros docentes continuarán coa atención educativa ao alumnado, desenvolvendo actividades que permitan aos alumnos e alumnas manterse incorporados á aprendizaxe continua e suscitar o seu interese por aprender, de modo non presencial ou, de ser o caso, presencial, en función das recomendacións que diten as autoridades sanitarias. Ditas actividades estarán adaptadas á idade e características do alumnado, así como á situación excepcional que están a vivir.
As actividades lectivas que se desenvolven durante o terceiro trimestre do curso 2019-2020, sempre condicionadas polo situación sanitaria, non se estenderán más alá das datas establecidas na Orde do 20 de xuño de 2019, pola que se aproba o calendario escolar para o curso 2019/2020 nos centros docentes sostidos con fondos públicos na Comunidade Autónoma de Galicia, excepción feita dalgúns procesos singulares, como a celebración das probas da ABAU ou as de acceso ás diferentes ensinanzas.
3. Adaptación da actividade
As actividades lectivas que se desenvolvan durante o terceiro trimestre do curso 2019-2020 deberán combinar de maneira integrada as actividades a distancia e as presenciais que puideran levarse a cabo, segundo evolucione a situación sanitaria. A tal efecto, os centros educativos:
Prestarán especial atención a identificar ao alumnado desconectado por diversas circunstancias ou non localizable e prepararán plans específicos de recuperación do vínculo escolar e de reforzo que lles axuden a reincorporarse á actividade educativa tan pronto como sexa posible. Os centros darán traslado de ditos plans específicos á inspección educativa .
Farán un especial esforzo para identificar ao alumnado que carece de medios de conexión dixital e, en virtude da súa autonomía organizativa e de xestión, arbitrarán as medidas necesarias e facilitarán o uso de distintos tipos de dispositivos adecuados para a atención educativa a este alumnado.
Intensificarán a posta a disposición do alumnado dos recursos tecnolóxicos e doutro tipo que necesiten para o desenvolvemento das súas actividades, e desenvolverán formación e ferramentas adecuadas para permitir que o alumnado obteña o maior proveito da metodoloxía non presencial.
Coa finalidade de axudar ao alumnado a organizar as súas actividades escolares, autorregular a súa aprendizaxe e manter un bo estado emocional, os centros educativos adaptarán o modelo de titorías á nova situación, e organizarán accións de orientación académica e profesional cos medios dispoñibles, especialmente para o alumnado de 4º de ESO, 2º de FP Básica, 2º de Bacharelato e 2º de FP de grado medio.
Os centros educativos organizarán os seus recursos de apoio para favorecer na medida do posible a axeitada atención ao alumnado con necesidades educativas especiais, favorecendo o seu acceso ao currículo por medio da adaptación dos instrumentos, tempos e apoios que aseguren una adecuada atención e avaliación deste alumnado. Porase, asemade, especial coidado na atención ao alumnado con necesidade específica de apoio educativo.
Os Departamentos de Orientación continuarán co desenvolvemento das actuacións, medidas e programas para a atención á diversidade establecidas no Plan Xeral de Atención á Diversidade do seu centro, adaptandoas á situación de confinamento de alumnado e profesorado, e asesorando aos diferentes membros da comunidade educativa, preferentemente, para o coidado do seu benestar emocional.
4. Currículo e programacións didácticas
Os centros e o profesorado revisarán as programacións didácticas para centrar as actividades lectivas do derradeiro trimestre nas aprendizaxes e competencias imprescindibles que deberían desenvolver os alumnos e as alumnas, en función da súa etapa, curso, área, materia ou módulo, flexibilizando os seus plans de traballo e coidando de non penalizar ou afectar ao benestar do seu alumnado, nin sobrecargalo de tarefas excesivas.
Durante o terceiro trimestre desenvolveranse actividades de recuperación, repaso, reforzo e, no seu caso, ampliación das aprendizaxes anteriores que resulten necesarias para todo ou parte do seu alumnado. Na medida do posible deseñarán actividades globalizadoras e interdisciplinares, debidamente titorizadas, promovendo o traballo colaborativo entre os equipos docentes das distintas áreas e materias nas etapas, ciclos ou ensinanzas en que sexa posible.
Os currículos, programacións e actividades que se desenvolvan durante o terceiro trimestre nos cursos que conducen a unha titulación final de etapa terán especialmente en conta esta circunstancia e flexibilizaranse e adaptaranse para axudar en todo o posible a que o seu alumnado poida alcanzala.
Os centros educativos reforzarán a imprescindible coordinación do profesorado á hora de adaptar as programacións, as actividades e os criterios de avaliación, co fin de evitar problemas como a sobrecarga de tarefas, a falta de acompañamento docente ou a desigualdade do apoio aos estudantes que lles poden prestar a súas familias.
5. Avaliación
Os centros e o profesorado adaptarán o sistema de avaliación do alumnado, co obxectivo prioritario de que os alumnos e as alumnas non perdan o curso e poidan continuar avanzando na súa formación, tendo en conta de maneira especial a situación do alumnado máis vulnerable.
A avaliación das aprendizaxes desenvolvidas a partir da suspensión das actividades lectivas presenciais será continua e acentuará o seu carácter diagnóstico e formativo en todas as etapas, ciclos e ensinanzas, para valorar os avances realizados e os atrasos que se teñan podido producir, con obxecto de planificar as medidas de recuperación que sexan necesarias e programar o vindeiro curso.
A avaliación final das aprendizaxes do alumnado durante o curso 2019-2020 considerará en conxunto as avaliacións de todo o curso, valorando especialmente o grao de desenvolvemento das aprendizaxes e das competencias imprescindibles previamente definidas.
Os centros educativos e o profesorado emitirán un informe individual valorativo do traballo realizado polos seus alumnos e alumnas no curso, que inclúa os atrasos que puidesen terse producido e un plan de recuperación destes.
6. Apoio aos centros educativos
Os centros contarán cos recursos formativos e medios de apoio que a Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional pon a súa disposición para permitir que o profesorado desenvolva o seu labor docente nas mellores condicións posibles na situación actual.
Desde a Rede de Formación do Profesorado prestarase o apoio inmediato e continuo ao persoal docente, nas novas necesidades que poida xerar o proceso de ensinanza e aprendizaxe a distancia. Así mesmo poñerán a disposición dos centros educativos os seus recursos, en especial para favorecer a atención ao alumnado máis vulnerable.
Así mesmo, os Equipos de Orientación Específicos (EOE) establecerán canles de comunicación e tomarán a iniciativa cun contacto diario e permanente, para asesorar e apoiar aos departamentos de orientación, coa fin de favorecer a resposta educativa na atención á diversidade do alumnado e o seu benestar emocional .
A Inspección educativa prestará o apoio e asesoramento aos centros educativos no proceso de adaptación das súas programacións didácticas e en todo aquilo que, dentro das súas funcións, facilite a mellora da atención educativa ao alumnado.
consulta o portal educativo: http://www.edu.xunta.gal/portal/node/30850