Saídas didácticas
Visitamos Compostela da man de García Lorca. Continuamos camiño no Museo Valle Inclán
A chuvia non evitou que o pasado martes 31 de outubro o alumnado de 2º Bacharelato, da man do Departamento de Lingua Castelá, realizase un roteiro sobre Federico García Lorca polas rúas de Santiago de Compostela. A xornada rematou no Museo de Valle Inclán da Pobra do Caramiñal. Tanto para o alumnado como para as nais que participan no Club de lectura de familias resultou unha xornada moi interesante.
"Coñece as túas institucións". Visitamos o Parlamento Galego e a Xunta de Galicia
O pasado martes 31 de outubro, o alumnado de 3º ESO tivo a oportunidade de visitar o Parlamento galego e a Xunta de Galicia grazas ao programa "Coñece as túas institucións" e á iniciativa do Departamento de Xeografía e Historia. Ben se ve que foi unha visita moi interesante!
Coñecemos de preto o servizo do 112
O pasado 25 de setembro o alumnado de 1º ESO tivo a oportunidade de achegarse ata o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias da Estrada, para coñecer de primeira man o funcionamento do servizo 112.
Despedimos o curso 2022/23 na Freixa!
Enviado por admin o Mér, 21/06/2023 - 17:04Nada mellor nesta última xornada lectiva que unha saída á Freixa! Todo o alumnado da ESO, xunto con boa parte do profesorado, fomos pasar esta mañá de mércores, 21 de xuño, á Freixa, onde as alumnas e alumnos tiveron oportunidade de practicar actividades deportivas, disfrutar dun baño (ben fresco!) e pasar unhas horas de convivencia antes de despedir o curso de xeito definitivo. Agardamos que fose unha xornada agradable para todas e todos vós!
Pasade moi boas vacacións, pero lembrade vir o luns recoller as notas!
Onde o mundo se chama Celanova...
Aí vén o maio
de flores cuberto...
O pasado luns 22 de maio, o alumnado de 3º ESO achegouse a Celanova para coñecer máis de preto a terra de Curros Enríquez e Celso Emilio Ferreiro.
Tiveron a oportunidade de achegarse ao fermosos Mosteiro de Celanova e acceder á cela na que estivo preso o escritor, feito que inspiraría o famoso poema "Longa noite de pedra". Visitaron tamén a casa natal de Curros Enríquez, máis coñecida como a Casa dos poetas. Alí aprenderon un pouquiño máis sobre a interesante vida deste autor, fundamental na historia da nosa literatura.
Finalmente, remataron a xornada en Vilanova dos Infantes, onde ademais de visitar este fermoso lugar, puideron subir á súa famosa torre e ver a réplica da Virxe de Cristal que alí se conserva.
Sen dúbida, foi unha xornada ben aproveitada.
Visitamos a Feira dos Minerais de Guláns
O pasado venres 5 de maio o alumnado de 1º ESO visitou a Feira dos Minerais que se organiza cada ano en Guláns. Alí puideron participar nun obradoiro de identificación de minerais, impartido pola Escola de Minas e Enerxía de Vigo; e noutro de Mineraloxía, levado a cabo polo Grupo Mineralóxico e Xeolóxico Galego. Sen dúbida, foi unha visita moi didáctica.
Pontevedra, con Castelao e María Casares
Este xoves 20 de abril, ao remate da xornada de mañá, o alumnado de Reforzo Lingüístico e de Artes Escénicas de Bacharelato colleu un autobús con destino Pontevedra para ter a oportunidade de coñecer un pouquiño máis da vida e obra de dúas referencias da cultura galega: Castelao e María Casares.
Para comezar a tarde, no Museo da cidade puidemos visitar a exposición "Os mundos de Castelao" e revisitar unha vez máis os álbums e cadros deste artista, figura central da nosa cultura e da historia de Galicia do s. XX, que nos deixou unha fonda aprendizaxe en cada unha das súas obras.
Unha vez rematada a visita, o alumnado percorreu as distintas prazas de Pontevedra, coñecendo con máis detalle a historia da cidade, para finalmente rematar no Teatro Principal ás 21h, onde asistimos á representación Continente María, da compañía "A quinta do cuadrante". Unha obra na que Melania Cruz nos presenta a protagonista como un continente que ansiamos percorrer, establecendo unha cartografía emocional en base ás súas vivencias, pensamentos e recordos, viaxando a través dun diálogo entre o presente e o pasado para tratar de entendernos mellor como seres humanos creadores e habitantes dun mundo no que non hai tantos anos, as exiliadas eran as galegas que defendían a democracia.
Porque "actuar é vencer o medo".
Circuíto da Ciencia e da Comunicación
O pasado xoves 20 de abril o alumnado de 1º ESO realizou o Circuíto da Ciencia e da Comunicación da Semana das Ciencias que organiza o Concello de Ponteareas. Tiveron a oportunidade de aprender sobre reloxos, na Casa do Reloxo; de achegarse ao mundo da imprenta, da man de AceroPlus, desde Si Radio explicáronlles como editar os seus audios cun pequeno obradoiro de Audacity; visitaron a exposición da radio no Auditorio Municipal e finalmente xogaron ao xogo das "Once Torres", creado polo profesor Xabier Prado. Sen dúbida foi unha mañá ben aproveitada!