Skip to Content

Novo éxito do grupo Arje Teatro do IES de Breamo no Sofía

As sombras de Electra Arjé Teatro 2011 Arjé Teatro cumple catorce anos representando pezas dramáticas universais. Unha peza nova cada novo ano. Renovarse ou morrer é a súa divisa, pois así o impón a materia prima da que se nutre, é dicir as sucesivas promocións de alumnos do IES Breamo de Pontedeume que voluntariamente se incorporan ao grupo.

A peza que este ano brinda Arjé Teatro é As sombras de Electra, coa que o grupo ven de acadar (XUÑO 2011), no Concurso de Teatro Xuvenil do centro Calvo Sotelo de A Coruña, o primeiro premio á Actriz Protagonista (Xoana Arias García no papel de Electra). Tamén acadou un digno quinto premio á Representación e cinco diplomas ás Actrices e Actores Destacados, o que non deixa de ter notable mérito tendo en conta que foi a primeira -e inmadura- representación que se fixo da obra. Sen dúbida que o alumnado do IES Sofía Casanova que queira vir vela desfrutará dunha máis rodada e conmovedora posta en escena.

PRESENTACIÓN DA OBRA Se soubeses que a túa nai e mailo seu amante acaban de matar o teu pai…. quererías vingalo?, estarías dispost@ a matar a túa nai?, buscarías alguén que o fixese por ti? Argumento: Hai dez anos que o rei de Argos, Agamenón, ao regresar vitorioso da guerra de Troia, fora asasinado pola súa esposa Clitemnestra e o seu amante Existo, que detentan desde entón o trono usurpado.

Electra, filla do defunto Agamenón, arrastra unha vida miserable de rancor á súa nai e desprezo da súa acomodaticia irmá Crisótemis, e non desexa máis que a volta do seu irmán ausente Orestes, para vingar a morte do seu añorado pai. Coa chegada de incógnito de Orestes e máis o seu vello Preceptor, a terrible vinganza que levan a cabo arrepía aos cidadáns de Argos: a espiral non cesa, e nova reparación e nova vinganza están garantidos. Este episodio de amor, odio e vinganza pertencente á Saga dos Atridas, xa foi dramatizado hai dous mil cincocentos anos polos tres grandes autores tráxicos gregos Esquilo, Sófocles e Eurípides. Eles deron cadansúa interpretación. No século XX Sartre, Freud e Jung, entre outros, déronnos as súas.

A nosa versión, da man de todos eles, escarva de novo na vella lenda e propón un desenlace insólito e desacougante. Quixemos levar a escena esta traxedia para transmitir, do modo máis impactante, o noso convencemento de que a violencia produce máis violencia e leva á perdición. Por iso evitamos lexitimar sen máis as razóns da protagonista e condenar como inxustas as dos seus antagonistas. Non hai conflito violento no que os autores non xustifiquen os seus actos no agravio previamente inflixido polo outro; só tras a ruína común a ambos se decata un de que o camiño non era devolver o golpe senón saír da espiral perniciosa.



page | by Dr. Radut