Skip to Content

Concurso: Como te imaxinas na USC?

CONCURSO Como te imaxinas na USC?

O obxectivo deste concurso é coñecer a visión que teñen os estudantes sobre os diferentes aspectos da vida universitaria. Por iso ofréceselles unha oportunidade para que a través da redacción dun relato curto manifesten as súas inquedanzas académicas e profesionais. A USC desexa coñecer as preferencias dos seus futuros alumnos para artellar os mecanismos necesarios que dean resposta ás súas expectativas. E tamén quere que opinen sobre todos os aspectos referidos á Universidade, unha institución académica que conxuga tradición e modernidade. Esta é unha boa ocasión para que os novos universitarios aporten suxestións para explotar mellor os múltiples recursos educativos que existen nos campus da USC e que configuran os diferentes aspectos da vida universitaria. Os traballos presentados deberán ser anónimos. Os datos persoais do alumno poñeranse nun folio aparte. Os traballos deberán ir acompañados dun texto complementario (non superior ás 20 liñas) no que se expliquen as razóns da elección temática, a xustificación das técnicas empregadas e o proceso seguido para realizar o traballo.

CRITERIOSDE AVALIACIÓN DO TRABALLO E XURADO

Valorarase a capacidade creativa, expresiva e comunicativa do estudante. Terase especialmente en conta ademais da corrección lingüística, a imaxinación e orixinalidade dos relatos, de xeito que se valorarán aquelas historias que máis exploten os aspectos creativos da Universidade en canto institución dinámica e moderna ou as múltiples facetas do estilo e vida universitaria, desde a visión de mozos e mozas.

PRESENTACIÓN PRAZO

Do 10 de xaneiro ao 29 de abril de 2011. Os traballos presentaranse nos centros de ensino medio e unha vez seleccionados enviaranse, co visto e prace do centro, a:

A PONTE ENTRE O ENSINO MEDIO E A USC

Pavillón estudantil. campus Sur 15782 - Santiago de Compostela

Tamén se poden enviar ao correo electrónico: aponte@usc.es

IMPORTANTE

Cada centro de ensino medio poderá presentar, como máximo, tres propostas. O centro dos estudantes gañadores tamén será premiado co mesmo agasallo.

REQUISITOS

1. Ser estudante de 4° de ESO, ciclos formativos ou bacharelato.

2. O relato curto deberá ter unha dimensión máxima de 3 folios (tamaño DIN A4).

PREMIOS

Concederase un primeiro premio e unha mención, se é do caso.

1° Premio: Un ordenador persoal portátil.

Mención: Un teléfono móbil.

Os premios entregaranse nun acto público que organizará a USC.



page | by Dr. Radut