Coa morte da súa primeira filla, Sofía afundiuse nunha fonda depresión que a levou a trasladarse a Galiza. En 1896 establécese en Mera -Oleiros-, nunha casa coñecida como de "Casilda"; alí estivo case dous anos. A súa permanencia en Mera aproveitouna para contactar con outras personalidades, que por aqueles anos veraneaban nas praias de Oleiros. É de destacar a súa amizade con Dona Emilia Pardo Bazán, á que visitaba no seu Pazo de Meirás. Tamén
frecuentaba a Filomena Dato en Moruxo, ou a Fanny Garrido no Pazo de Lóngora. Quizais o máis destacado das súas relacións coa intelectualidade galega produciuse coa súa participación nas tertulias da Librería Regional de Eugenio Carré Aldao. As famosas reunións, tamén chamadas as tertulias da "Cova Céltica", estaban compostas polos intelectuais nacionalistas daquela época. Entre os máis distinguidos podemos nomear a Manuel Murguía, Sofía Casanova, quen xa se entregara de cheo á causa pola independencia polaca, agora sentíase atraída polas reivindicacións dos rexionalistas galegos. Polonia e Galiza tiñan problemas comúns a resolver, a súa identidade, o seu idioma, etc. Tanto ela como Lutoslawski, sintonizaron rapidamente cos integrantes desta tertulia coruñesa. A pesar da súa simpatía polos rexionalistas Sofía non puido realizar unha obra importante en galego, a maior parte dos seus traballos foron en lingua castelá.
Mentres Sofía e o seu marido residiron en Mera, a súa casa converteuse en lugar de encontro de distinguidos visitantes estranxeiros, moitos deles escritores polacos en visita a España. Lutoslawski aproveitou a tranquilidade da paisaxe galega para rematar a súa obra máis destacada sobre os diálogos de Platón, mentres Sofía compuxo o poema "Yadwiga" onde resalta o rencontro coa súa terra.
Nesta vila galega tivo a súa última filla. A busca do varón que non chegaba; a imposibilidade de ter ese fillo desexado que liberara Polonia, crearía un malestar na parella que acabaría pouco a pouco co matrimonio.
Coa chegada desta nova filla a familia Lutoslawski decidiu contratar a unha moza veciña, nai solteira de Cecebre, Josefa López Calvo. A xove deixou ao seu fillo pequeno cos seus avós e trasladouse con esta familia ao Imperio Ruso. Josefa que non sabía falar o castelán pasou de expresarse en galego a facelo en polaco. A moza de Cambre quedaba ligada de por vida á propia vida de Sofía Casanova. Máis que asistenta, converteuse en amiga e compañeira de desgracias. En idioma galego ambas as dúas coruñesas comentaban a diario os sucesos do mundo. Sofía e a súa familia establecérase na Galitzia polaca. Por aqueles anos a universidade desa rexión era un foco intelectual de gran envergadura. Os Lustoslawski cheos de carisma intelectual converteron o seu novo fogar en cita obrigada dos intelectuais da época. Os mércores realizábase na súa casa unha tertulia pola que desfilaban artistas, científicos, escritores e políticos. Sofía converteuse na gran embaixadora da cultura española nese rico mundo cultural polaco. Logo trasládase a Varsovia, onde se consuma a súa separación matrimonial. Coa ruptura co escritor polaco comezou unha serie de idas e voltas a Madrid, ata que se estableceu finalmente na capital do estado.
En Madrid contactou coa intelectualidade máis destacada do momento participando das tertulias dos galegos Basilio Álvarez, Alfredo Vicenti, Alberto Ínsua e o mozo Castelao. Durante a súa permanencia en Madrid cada vez que podía escapaba para Mera coas súas fillas. Nesta etapa publicou "Lo Eterno" 1907, "Más que amor" 1908, unha pequena nobela "Princesa del Amor Hermoso" 1909, que ilustraría Castelao. "El Pecado" e "El cancionero de la dicha" en 1911 e "Exóticas" en 1913. Durante eses anos deu unha conferencia no Ateneo de Madrid sobre a muller española no estranxeiro. Fundou e presidiu institucións sociais como o Comité Feminino de Hixiene Popular.
En 1914, ao pouco de estoupar a Primeira Guerra Mundial, Sofía regresa a Polonia. Alí quedaran fillos e netos. A sanguenta guerra desatada converte a Polonia nunha grande fronte de batalla. Sofía militante da causa do nacionalismo polaco púxose a disposición da súa segunda patria. Foi así como se incorporou á cruz vermella, a cal a destina a hospital de campaña da Estación do ferrocarril Varsovia-Viena. Nesta etapa da guerra o avance alemán era imparable, a capital corría o perigo de caer en mans dos xermanos. Por aquel hospital chegaban milleiros de feridos e moribundos, Sofía sacaba forzas do máis fondo do seu ser. Había que deter aos alemáns para logo independizar Polonia. A dor, o drama da guerra vivido de preto marcarana para sempre.
O xornal monárquico ABC, coñecedor de que Sofía se atopaba na propia fronte de batalla, nomeouna correspondente de guerra. Sofía Casanova convertíase deste xeito na segunda muller española correspondente de guerra. (A primeira foi Carmen de Burgos na guerra de Marrocos de 1909).
As apaixonantes crónicas da guerra conseguían clarexar o que estaba acontecendo neste tremendo conflicto mundial. Os seus artigos caracterizáronse pola súa clara toma de posición a favor dos polacos, ensinando a distinguir aos lectores que o polaco e o ruso eran cousas distintas, e que os polacos como pobo diferenciado anceiaban a súa independencia. Coa caída de Varsovia, Sofía foi unha das últimas en ser evacuadas. Malia o seu labor xornalístico non deixou por iso de colaborar cos comités polacos encargados de asistir á poboación na súa fuxida a outras zonas do interior de Rusia.