Skip to Content

O noso Instituto

O centro foi inaugurado en 1967 como instituto feminino no seu actual emplazamento. Tres cursos antes iniciara a súa actividade nunha dependencia do entón instituto masculino, hoxe IES Conceción Arenal. Na década dos 80 foi transformado en centro mixto, mudando tamén o seu nome inicial de Camilo Alonso Vega polo da escritora galega Sofía Casanova.

Instituto Sofía Casanova

 

Sofía Casanova

Retrato de Sofía Casanova

Sofía Casanova naceu na rúa San Andrés da Coruña o 30 de setembro de 1861. Durante moitos anos pensouse -ela tamén o cría- que o seu lugar de nacemento era Almeiras, incluso se descoñecía a data exacta do nacemento. O certo é que nos últimos anos os historiadores puideron dar coa partida de nacemento que aclara algúns dos aspectos máis escuros da súa biografía.

A propia Sofía cóntanos algúns aspectos da súa vida: "Son do sesenta e un. Foron os meus pais don Vicente Pérez Eguia, ourensán, e dona Rosa Casanova Estomper. O meu avó paterno foi don Vicente Pérez Losada e o materno Juan Bautista Casanova Plá Cancela, da nobre familia dos Plá Freire, os do romanceiro. O meu pai, amigo de Elduayen - e político poeta -, marchou a América e non voltou, e así fomos educados os meus dous irmáns e mais eu pola nosa nai e avós. Pasamos ata os meus trece anos en Armendeira e A Coruña, onde na célebre escola de dona Concha aprendín máis que do que hoxe se ensina nas modernas. Para a nosa educación decidiron a nosa nai e avós instalarnos en Madrid e a nosa educación foi o esmerada desde aquela".

A desaparición do pai foi un duro golpe emocional para Sofía. Esta situación de abandono levouna a utilizar soamente o apelido materno, intentando esquecer para sempre a figura do seu pai.

Casa de Oleiros Durante a súa permanencia en Madrid viviu nun modesto e reducido piso. Aos poucos anos faleceron os seus avós maternos; eles introducírana no máis selecto da vila madrileña. A moza Sofía era afillada do Conde de Andino -Patricio Aguirre de Tejada-, coruñés de familia ferrolá, estreito colaborador de Alfonso XII, quen a presentou nos salóns do Marqués de Valmar, Campoamor e Núñez de Arce, onde se formou literariamente. Nestes anos comezou o seu labor poético; o seu talento e a súa forza declamativa son o motivo polo cal o Rei a convida a recitar na súa corte, custeándolle a publicación do seu primeiro libro titulado "Poesías". Sofía cos seus vinte anos era unha muller distinguida, culta, de ollos claros e cabelos loiros. A súa intelixencia, a súa personalidade e a súa beleza física convertérona nunha das figuras máis destacadas da vida literaria do momento.

En 1886 chegou a Madrid o escritor polaco Wincenty Lutoslawsky, quen estaba interesado en estudiar a melancolía na poesía española. A través de Campoamor púxose en contacto con Sofía, xa que esta sintetizaba na súa obra poética o que estaba buscando o escritor polaco.

Lotoslawki, que era da nobreza polaca, con grandes extensións de terras no seu país, quedou impactado coa cultura e a beleza de Sofía. Durante a segunda visita que lle realizou, segundo conta a escritora galega Rosario Martínez no seu libro "Galicia La Inefable", relata que: "A visita repetiuse ao día seguinte na que a galega agasallou ao polaco cun exemplar adicado de "Poesías". Na mesma páxina onde a moza escribiu a dedicatoria, Wincenty Lutoslawski- que así se chamaba o estranxeiro- levado dun impulso incontible escribiu estas liñas en polaco: "Ta kobieta Bedzie moja zona", é dicir: "Esta muller vai a ser a miña esposa", frase que Sofía non entendeu nin el lle traduciu naquel intre".

O conde polaco, inspirado pola lectura dos grandes escritores románticos do seu país e ante o seu espíritu patriótico -xa que hai que lembrar que Polonia estaba sometida polo Imperio Ruso-, cre verse reflectido na obra do poeta Mickiewick, o que nunha das escenas de "Dziady" puxera en boca dun persoeiro místico que o salvador de Polonia tería que nacer de nai estranxeira. O romántico Lotoslawski creu que a elexida estranxeira sería Sofía e por suposto que el sería o pai, que liberaría a Polonia da opresión do zar de Rusia.

Real AcademiaSofía quedou aturdida ante tal insólito amor declarado. O acoso do polaco, a intelixencia do mesmo, a súa bohemia romántica, levouna a aceptar a proposta de casamento. A voda celebrouse en Madrid o 19 de marzo de 1887, a partir desta data convértese oficialmente en Sofía Lustoslawska, súbdita do Zar de todas as Rusias. O seu casamento fortuito levouna a percorrer media Europa. Aos poucos meses viaxou co seu marido ata Polonia, onde a súa familia tiña un extenso latifundio ao carón do río Narew. Tras coñecer a súa familia política en Drozdowo, onde permaneceu varios meses, trasladouse a Tartu (Estonia). Alí naceu a súa primeira filla. Despois fixou a súa residencia en Moscú e naceu a súa segunda filla. Viviu en Londres, ata que se establece en Kazán, cidade da Tartaria rusa. Nesta cidade ten a súa terceira filla.

Na lonxana Rusia, chea de melancolía, escribiu en 1894 a nobela titulada "El doctor Wolski" posteriormente en poesía "Fugaces" (1898). En 1903 escribiu "Sobre el Valga helado". Estes foron os primeiros libros da súa producción literaria na fría e conflictiva Rusia de finais de século.



page | by Dr. Radut