Skip to Content

Premios de Excelencia Académica

Convocados os premios de excelencia académica para o alumnado que inicie estudos universitarios no sistema universitario de Galicia no curso académico 2008-2009

 
Diario Oficial de Galicia venres, 20 de xuño de 2008

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

Número do Dog: 119 Páxina do Dog: 12.096

Data da Disposición: 18 de abril de 2008
Sección: III. OUTRAS DISPOSICIÓNS
Organismo:  CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA
Rango: Orde

Título:Orde do 18 de abril de 2008 pola que se convocan os premios de excelencia académica para o alumnado que inicie estudos universitarios no sistema universitario de Galicia no curso académico 2008-2009.

Orde do 18 de abril de 2008 pola que se convocan os premios de excelencia académica para o alumnado que inicie estudos universitarios no sistema universitario de Galicia no curso académico 2008-2009.

O Estatuto de autonomía de Galicia, no seu artigo 31, establece como competencia plena da Comunidade Autónoma de Galicia a regulación e administración do ensino en toda a súa extensión, niveis e graos, modalidades e especialidades, no ámbito das súas competencias.

O Real decreto 1754/1987, do 18 de decembro, transferiulle á comunidade autónoma competencias en materia de universidades. Estas competencias foron asumidas pola comunidade autónoma e asignadas á Consellería de Educación e Ordenación Universitaria no Decreto 62/1988, do 17 de marzo, DOG do 8 de abril. A Lei 11/1989, do 20 de xullo, DOG do 16 de agosto, de ordenación do sistema universitario de Galicia, determina a constitución do sistema universitario de Galicia (SUG) con tres universidades: a Universidade da Coruña, a Universidade de Santiago de Compostela e a Universidade de Vigo.

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, a través da Dirección Xeral de Ordenación e Calidade do Sistema Universitario de Galicia, está a levar a cabo diversas accións de apoio económico ao alumnado do ensino universitario con que se pretende favorecer a calidade, a competencia, a igualdade de oportunidades e a excelencia do rendemento académico.

Dentro desta política de asistencia económica, destacan as liñas de axudas para potenciar a mobilidade a países comunitarios e extracomunitarios, a formación inicial en tarefas de investigación, ou a de premiar o esforzo realizado durante a súa traxectoria académica ás/aos mellores estudantes que acaban de ser titulados/as. Por outra parte, considerando importante que tamén se recoñeza o esforzo, traballo e dedicación dos alumnos e das alumnas con excelente traxectoria académica no ensino non universitario, convócanse os premios de excelencia académica dirixidos ao alumnado que inicie por primeira vez a súa traxectoria nas universidades galegas. A finalidade desta convocatoria é que este alumnado inicie e prosiga a súa formación universitaria no sistema universitario de Galicia (SUG), desenvolvendo ao máximo o seu potencial intelectual, adquirindo novos coñecementos e destrezas que o capaciten para incorporarse ao mundo laboral nas mellores condicións posibles ou realizar tarefas de investigación que redunden no progreso de Galicia.

Polo que antecede, esta consellería
DISPÓN:
Artigo 1º.-Obxecto.
Convócanse 80 premios de excelencia académica para os alumnos e as alumnas que no curso académico 2008-2009 inicien estudos universitarios conducentes a un título de carácter oficial e validez nacional de graduado/a, diplomado/a, mestre/a, enxeñeiro/a técnico/a ou arquitecto/a técnico/a, licenciado/a, enxeñeiro/a ou arquitecto/a nas universidades da Coruña, Santiago de Compostela e Vigo, atendendo á seguinte distribución:

Grupo A: 60 premios a que poden optar os alumnos e as alumnas que realizaron os seus estudos non universitarios en centros da Comunidade Autónoma de Galicia e teñan a súa residencia nesta comunidade autónoma.

Grupo B: 20 premios aos que poden optar os alumnos e as alumnas que realizaron os seus estudos non universitarios en centros de fóra da Comunidade Autónoma de Galicia.

Os premios do grupo B serán acumulados aos do grupo A, e viceversa, en función das solicitudes e sempre que non se modifique o montante global orzado.

Estes premios son compatibles con calquera outro tipo de premios, bolsas ou axudas concedidos por algunha Administración pública competente ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades.

Artigo 2º.-Orzamento.
A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria financiará estes premios con cargo á aplicación orzamentaria 09.04.422C.480.0, dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2008, por un importe global de 240.000 €. A concesión das axudas reguladas nesta orde terá como límite global o crédito asignado para este fin.

Artigo 3º.-Contía.
A dotación de cada premio de excelencia académica ascenderá a 3.000 euros, que estará suxeita ás retencións que legalmente correspondan.

Artigo 4º.-Destinatarios.
Son destinatarios destes premios os:
a) Alumnos e alumnas de 2º de bacharelato que rematen os seus estudos no curso académico 2007-2008.

b) Alumnos e alumnas de ciclos formativos de grao superior que acceden por primeira vez a estudos universitarios. Este alumnado deberá ter finalizados os estudos antes do inicio do prazo de presentación de solicitudes.

c) Alumnos e alumnas maiores de 25 anos que acceden á universidade por primeira vez a través das correspondentes probas de acceso realizadas na convocatoria do ano 2008.

d) Alumnos e alumnas pertencentes aos colectivos anteriores que, estando en posesión da titulación necesaria para acceder á universidade, deixaron transcorrer o último curso académico 2007-2008 sen comezar estudos universitarios debido a unha causa que lle lo impedise, xustificada documentalmente e así apreciada pola comisión avaliadora.

Artigo 5º.-Requisitos dos solicitantes.
Poderán solicitar estas axudas e, se é o caso, ser beneficiarios delas, os alumnos e as alumnas que reúnan os seguintes requisitos:

a) Posuír a nacionalidade española, ser nacional dun dos estados membros da UE ou estranxeiro con residencia legal en España.

b) Matricularse no curso académico 2008-2009 no 1º curso dos estudos conducentes á obtención do título de graduado/a, diplomado/a, mestre/a, enxeñeiro/a técnico/a ou arquitecto/a técnico/a, licenciado/a, enxeñeiro/a ou arquitecto/a, nunha das universidades do sistema universitario de Galicia (Universidade da Coruña, Universidade de Santiago de Compostela e Universidade de Vigo).

c) Acreditar unha puntuación igual ou superior a 9,30 puntos na valoración do expediente académico. Esta valoración será:

-Para alumnos e alumnas de bacharelato, a cualificación definitiva das probas de acceso á universidade (PAAU), calculada ponderando un 40% a cualificación da proba e un 60 % a nota media do expediente académico no bacharelato.

-Para alumnos e alumnas de ciclos formativos de grao superior, a nota media calculada ponderando un 40% a nota media do ciclo e un 60% a nota media do expediente académico no bacharelato. Aqueles alumnos que accedesen ao ciclo mediante proba de acceso, ponderarase un 40% a nota media do ciclo e un 60% a nota global da proba.

-Alumnos e alumnas maiores de 25 anos, puntuación global da proba específica de acceso á universidade.

Quedan excluídos desta convocatoria os alumnos e as alumnas:
-Que realicen as PAAU na convocatoria de setembro do ano en curso, agás que unha causa documentalmente xustificada lles impedise presentarse ás probas na convocatoria ordinaria de xuño, e que así sexa apreciada pola comisión avaliadora.

-Que xa posúan unha titulación universitaria de carácter oficial e validez nacional ou estivesen matriculados con anterioridade nestes estudos.

-Que desexen cursar títulos propios das universidades.
Artigo 6º.-Presentación de solicitudes, documentación e prazo.
6.1. Presentación de solicitudes:
A solicitude, segundo o modelo ED311C que se publica como anexo a esta orde, asinada polo/a interesado/a, presentarase no rexistro xeral da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, dirixida á Dirección Xeral de Ordenación e Calidade do Sistema Universitario de Galicia, edificio administrativo San Caetano, s/n, 15781 Santiago de Compostela, ou ben en calquera dos centros previstos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, BOE do 14 de xaneiro, para a presentación de instancias.

Se a solicitude é remitida por correo, presentarase na oficina de Correos en sobre aberto para que sexa datada e selada polo funcionario antes de proceder á súa certificación postal.

Non se admitirán como medio de presentación de solicitudes os servizos de mensaxaría privados.

Tamén poderán presentarse en calquera dos rexistros oficiais das universidades do sistema universitario de Galicia, de conformidade coa Resolución do 25 de xuño de 2007, DOG do 3 de xullo, da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, pola que se dispón a publicación do convenio de colaboración entre esta consellería e as universidades de Santiago de Compostela, A Coruña e Vigo en materia de rexistros administrativos.

6.2. Documentación.
6.2.1. Documentación común para todos/as os/as solicitantes:
a) Copia do DNI ou pasaporte do/da solicitante.
b) Copia do xustificante de matrícula con especificación dos estudos universitarios en que está matriculado no curso académico 2008-2009.

c) Relación de premios, bolsas, concursos, olimpíadas de estudo gañadas, etc., obtidas polo/a alumno/a na súa traxectoria non universitaria.

d) Documento facilitado pola entidade bancaria a nome do/a interesado/a, en que conste o número da conta do cliente e os códigos que identifican o banco, a oficina e o díxito de control.

e) Declaración xurada do/a solicitante de todas as axudas solicitadas ou concedidas para a mesma finalidade, das distintas administracións públicas ou privadas competentes con que se entenderá cumprido o mesmo requisito exixido previo ao último pagamento.

O modelo normalizado de declaración xurada poderá obterse nas dependencias da Dirección Xeral de Ordenación e Calidade do SUG (Servizo de Apoio e Orientación aos Estudantes Universitarios) da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, edificio administrativo San Caetano, s/n, 15781 Santiago de Compostela, así como no portal educativo http://www.edu.xunta.es.

6.2.2. Documentación específica segundo procedencia dos diferentes colectivos:
a) Alumnado de bacharelato e maiores de 25 anos:
-Copia compulsada da tarxeta de cualificación das PAAU, ou certificación expedida pola comisión organizadora da proba de acceso á universidade, en que conste a cualificación da proba de acceso, a nota media do expediente académico do alumno/a no bacharelato, a cualificación definitiva, así como as materias correspondentes á vía ou vías de acceso polas que se presentou.

b) Titulados/as de ciclos formativos de grao superior.
-Certificación académica completa dos estudos de bacharelato, con inclusión da nota media expedida polo centro onde cursou estes estudos.

-Certificación académica completa dos estudos de formación profesional con inclusión da cualificación final do ciclo formativo, expedida polo centro onde cursou estes estudos. No caso daqueles alumnos/as que accederon mediante proba de acceso, deberase incluír nesta certificación a nota de acceso ao ciclo.

6.3. Prazo de presentación de solicitudes.
O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado desde o día seguinte ao da publicación desta orde no DOG.

Artigo 7º.-Exposición das listaxes provisionais.
1. Unha vez examinadas as solicitudes e a documentación presentada polos solicitantes, exporanse as listaxes provisionais de solicitudes admitidas e as excluídas, sinalando os motivos de exclusión, no portal educativo da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria www.edu.xunta.es, e poderán ser consultadas, ademais, nas delegacións provinciais da citada consellería e nos vicerreitorados de Estudantes das tres universidades galegas.

2. As listaxes provisionais serán expostas o día 28 de agosto deste ano. Os interesados disporán dun prazo de reclamación comprendido desde o día 29 de agosto ao 9 de setembro de 2008, ambos os dous incluídos, e poden, durante ese prazo, formular reclamacións ou emendar erros e a falta de documentación ante a Dirección Xeral de Ordenación e Calidade do Sistema Universitario de Galicia, achegando, se é o caso, a documentación necesaria. Transcorrido este prazo sen que se emenden as causas de exclusión, considerarase que o interesado desiste da súa petición e procederase ao seu arquivo de acordo co establecido da Lei 30/1992.

Artigo 8º.-Comisión avaliadora.
A selección dos candidatos será realizada por unha comisión avaliadora integrada por:

Presidente:
-O titular da Dirección Xeral de Ordenación e Calidade do Sistema Universitario de Galicia ou, por delegación, a titular da Subdirección Xeral de Universidades.

Vogais:
-O membro do equipo de goberno da Universidade da Coruña, responsable da materia.

-O membro do equipo de goberno da Universidade de Santiago de Compostela, responsable da materia.

-O membro do equipo de goberno da Universidade de Vigo, responsable da materia.
-O titular do órgano da Comisión Interuniversitaria de Galicia.
-O xefe do Servizo de Apoio e Orientación aos Estudantes Universitarios.
Secretario/a:
Un/unha funcionario/a da Dirección Xeral de Ordenación e Calidade do Sistema Universitario de Galicia , que actuará con voz e voto.

Se por calquera causa, no momento en que a comisión avaliadora teña que examinar as solicitudes, algún dos compoñentes non puidese asistir, será substituído pola persoa que para o efecto se nomee. O dito nomeamento deberá recaer noutra persoa da dirección xeral, da universidade correspondente ou da Comisión Interuniversitaria de Galicia, en virtude da súa representación.

Artigo 9º.-Criterios de selección.
A selección farase en réxime de concorrencia competitiva en función da valoración do expediente académico do alumno/a, de acordo cos requisitos establecidos na alínea c) do artigo 5º desta orde e segundo a distribución sinalada no artigo 1º da convocatoria.

En caso de que este criterio non fose suficiente para establecer a orde de selección por figurar coa mesma puntuación dous ou máis alumnos/as solicitantes, a comisión avaliadora terá en conta os seguintes criterios priorizados:

a) Maior puntuación na nota media do expediente académico do alumno ou da alumna no bacharelato. No caso daqueles que accedan mediante proba ao ciclo formativo de grao superior, maior nota media dela.

b) Para o alumnado que realice a proba de acceso á universidade (PAAU), maior puntuación na cualificación global dela.

c) Para o alumnado que acceda mediante ciclos formativos, maior puntuación na cualificación final do ciclo.

d) Valoración dos méritos alegados (premios, bolsas, concursos, olimpíadas de estudo gañadas, etc.).

Artigo 10º.-Resolución.
Efectuada a selección pola comisión, esta elevará, a través da Dirección Xeral de Ordenación e Calidade do Sistema Universitario de Galicia, un informe-proposta á conselleira de Educación e Ordenación Universitaria, que emitirá resolución que será publicada no Diario Oficial de Galicia e na páxina web da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria (http://www.edu.xunta.es), mediante relación nominal dos/as premiados/as. As solicitudes non incluídas na resolución de concesión entenderanse desestimadas e publicaranse na páxina web mencionada e no taboleiro de anuncios da citada consellería, coa indicación expresa dos motivos de exclusión, de conformidade co artigo 54 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Para os efectos establecidos no artigo 10 do Decreto 287/2000, do 21 de novembro, DOG do 11 de decembro, pola que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia, o prazo máximo para resolver as solicitudes correspondentes ás accións especificadas nesta orde será de seis meses, contados a partir do día seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia. O vencemento do prazo máximo sen que sexa notificada a resolución, lexitima os interesados para entender desestimada por silencio administrativo a solicitude de concesión da subvención.

Os/as solicitantes excluídos/as poderán recuperar a documentación presentada no prazo de dous meses a partir da publicación da concesión dos premios de excelencia académica no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 11º.-Pagamento.
O aboamento dos premios convocados nesta orde realizarase de acordo co estipulado na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Farase un pagamento único do premio concedido, que se aboará na conta bancaria indicada polo/a beneficiario/a.

Artigo 12ª.-Obrigas dos/as beneficiarios/as.
Os/as solicitantes, polo feito de solicitar este premio, comprométense a aceptar o contido desta convocatoria e o seu resultado, así como a cumprir as seguintes obrigas:

a) Residir durante o curso académico na Comunidade Autónoma de Galicia e continuar os seus estudos no sistema universitario de Galicia.

b) Remitirlle á Dirección Xeral de Ordenación e Calidade do Sistema Universitario de Galicia (Subdirección Xeral de Universidades), unha vez finalizado o curso, a certificación académica dos estudos realizados.

c) Comunicar por escrito a renuncia ao premio de excelencia académica no caso de producirse unha causa que determine a dita renuncia.

d) Someterse ás actuacións de comprobación que deba efectuar o órgano concedente do premio e ás que lle sexan requiridas pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control.

Disposicións adicionais
Primeira.-A presentación da solicitude de concesión do premio comportará autorización á Consellería de Educación e Ordenación Universitaria para:

a) Facer públicos nos rexistros regulados no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, os datos relevantes referidos ás axudas e subvencións recibidas así como ás sancións impostas, cando proceda.

A reserva que o peticionario poida facer no senso de non autorizar a obtención de datos ou a publicidade dos datos nos rexistros, que en todo caso terá que se expresar, poderá dar lugar á exclusión do proceso de participación para obter a axuda ou subvención ou, noutro caso, á revogación do acto de outorgamento e, se procede, ao reintegro do importe concedido.

b) De conformidade co artigo 13.4º da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, e co disposto no artigo 15.2º c) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a consellería publicará na súa páxina web oficial a relación dos beneficiarios e o importe das axudas concedidas, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos dos beneficiarios e a súa publicación na citada páxina web.

Segunda.-Os beneficiarios teñen a obriga de facilitar toda a información que lles sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas, no exercicio das funcións de fiscalización e control que lle competen, segundo dispón o artigo 14.1º k) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Terceira.-O importe das subvencións en ningún caso poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con outras subvencións, axudas, ingresos ou recursos, supere o custo da actividade subvencionada, de conformidade co artigo 17, número 3, da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Cuarta.-O incumprimento total ou parcial de calquera das condicións establecidas nesta orde constituirá causa determinante de revogación do premio e do seu reintegro polo beneficiario, segundo o disposto no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Disposicións derradeiras
Primeira.-Facúltase o titular da Dirección Xeral de Ordenación e Calidade do Sistema Universitario de Galicia para adoptar os actos e as medidas necesarias para a aplicación desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 18 de abril de 2008.
Laura Sánchez Piñón
Conselleira de Educación e Ordenación Universitaria



page | by Dr. Radut