O noso centro ten intención de participar o vindeiro curso 24-25 no programa da Consellería de Educación Edumob. Edumob é un programa de intercambio escolar que se inscribe no Acordo Marco entre o Goberno do Reino de España e o Goberno da República Francesa sobre os programas educativos, lingüísticos e culturais nos Centros Escolares dos dous Estados, feito en Madrid o 16 de maio de 2005 (BOE n.º 268, de 4 de novembro de 2017) Trátase dun programa integrado na liña 8 da Estratexia Edulingüe 2030 para a promoción de intercambios e mobilidades do alumnado galego; nesta ocasión para alumnado que curse 1º de Bacharelato durante o vindeiro curso 24/25 e desexe integrarse durante catro semanas nun centro escolar francés e acoller unha alumna ou alumno francés nos mesmos termos. O obxectivo destes intercambios escolares é propiciar o coñecemento mutuo das culturas e linguas de ambos países mediante a asistencia do alumnado a centros educativos e a convivencia en familias do outro país. Con este obxectivo, ao alumnado galego asignaráselle un/unha homólogo/a francés/a tendo en conta, na medida do posible, as preferencias manifestadas. O alumnado galego aloxarase no domicilio dos seus homólogos durante catro semanas, acudindo ao seu centro de ensino e incorporándose ás clases fixadas no contrato de estudios. En réxime de reciprocidade, o alumnado galego acollerá no seu domicilio e no seu centro de estudos o alumnado francés durante outras catro semanas. Cómpre sinalar que o beneficio desta experiencia non é só para o alumnado participante mais que se estende a toda a comunidade educativa dos centros que reciben nas súas aulas alumnado estranxeiro. Estes centros anfitrións terán a posibilidade de establecer relacións de colaboración estratéxica, consolidar programas de cooperación educativa cos centros franceses; en definitiva, estreitar nexos a medio ou longo prazo a través de accións e actividades concretas a desenvolver conxuntamente. Pódense consultar os procedementos e criterios de selección na seguinte ligazón: https://www.edu.xunta.gal/portal/sites/web/files/resolucion_edumob_24_25.pdf Tamén dirixíndose ao Departamento de francés do IES Sofía Casanova. O alumnado interesado debe presentar cubertos os anexos I, II, III e IV da citada convocatoria. O prazo de presentación remata o día 10 de xuño. |