Skip to Content

faladoiro

Escritoras que falan do Amor

Tal como estaba previsto, entre as 16.30 e as 18 horas celebramos o día das Escritoras contando coa presenza das autoras de Ám@me.
Chis Oliveira, antiga alumna do noso IES, e Amada Traba fixeron unha primeira intervención para presentar a súa obra e incidir nalgúns dos aspectos tratados nela, logo chegou a rolda das  preguntas.
Dun xeito moi divulgativo reflexionamos sobre como aprender o concepto do amor e desaprender as ideas que sobre o mesmo herdamos como resultado dunha educación chea de prexuízos patriarcais e machistas e de mitos románticos, sobre o impacto da pornografía na educación sexual das novas xeracións ou como podemos modificar condutas para rexeitar o “mal amor” e vivir no “ben amar”, un amar que respecta a igualdade, a felicidade e dignidade de todo ser humano, buscando un enriquecemento recíproco; tampouco faltaron referencias aos “Comandos Igualdade” formados por mozos de distintas idades, identidades, orientacións sexuais e traxectorias vitais que seguindo a metodoloxía da aprendizaxe compartida inter pares falan de estereotipos, machismo, sexualidade ou diversidade.
Ao rematar aproveitamos para inaugurar o noso particular espazo “Arco da Vella”: un recanto acondicionado para a lectura, a consulta, o diálogo que poida ser o xermolo dun “Comando Igualdade” porque podemos ser todos máis o menos diferentes pero estamos moi unidos e comprometidos na consecución dunha sociedade máis equitativa e xusta tanto na órbita do público como do privado.

Día das Escritoras

Dende o 2016 o luns máis próximo ao 15 de outubro, festividade de Teresa de Jesús, celébrase o Día das Escritoras para reivindicar o labor e legado das escritoras ao longo de historia, lembrar as dificultades ás que se enfrontaron e destacar o valor das súas obras.


No ano actual o tema proposto para esta celebración é o amor, considerado desde a perspectiva das mulleres. “Un territorio amplo, complexo e contraditorio, labiríntico, atravesado por luces e sombras, grandes paixóns, pero tamén desdichas”,  en palabras de Clara Sanchis, actriz e música, comisaria da actual convocatoria. Na selección de textos para a súa lectura polos que Sanchis decidiu apostar, ofrécese un percorrido en torno ao significado que deron as escritoras de todos os tempos a este poderoso sentimento que unha óptica contemporánea da creación literaria non podía deixar de revisar. A que chamamos amor? Existe palabra máis subxectiva, polisémica e suxestiva? Cal é a súa relación coa liberdade? As autoras trataron moito o tema do amor. Expresaron as súas moitas luces, pero tamén as súas sombras.
Entre as autoras escollidas están as galegas Concepción Arenal, Emilia Pardo Bazán e Maruxa Orxales, os seus textos e os das restantes escritoras podes lelos premendo aquí.


Tamén nesta mesma data celébrase a Editatona do Día das Escritoras, unha xornada de edición en Wikipedia para mellorar os contidos sobre escritoras. Esta actividade busca visibilizar o legado literario de autoras hispanas e hispanoamericanas a través da edición, creación e mellora de artigos na enciclopedia libre desde unha perspectiva de xénero.


No noso centro contaremos, neste día, coa presenza de Chis Oliveira e Amada Traba que nos falarán e coas que falaremos da súa obra Ám@me: quen mellor ca elas para falar sobre o amor e o sexo no século XXI?

Distribuir contido


by Dr. Radut