Skip to Content

Novembro 2019

Palabra de bruxa
de
Andrea Barreira Freije



    Esta é a historia de Berenice, a última muller da casa das Xanas, mais tamén é a historia das mulleres que non renunciaron á voz propia. Elas toman a palabra con forza e sentímola poderosa no aquelarre, no fogar, na rúa, nos espazos onde viven. E canda elas as persoas que as denuncian, que as sinalan, que as xulgan e as condenan sen escoitalas, que exercen o seu poder. E a súa vez aquelas coas que comparten o seu amor.
    A través destas páxinas saberás o que contan as bruxas e a súa verdade.

    Disposto a ver canto de certo terían os díxome-díxome, o rapaz non tardou en visitar o lugar. O muíño agochábase baixo a protección de castiñeiros, carballos, bidueiros... O río Portela avanzaba seguro ao seu carón, deixándose guiar por unha presa até as entrañas onde se moía o gran. A porta estaba entreaberta, malia iso Pío petou con forza, máis ninguén respondeu. Chamou con voz firme, pero todo era silencio, até o río calou cando decidiu entrar aproveitando esa soidade.
    Ao outro lado a penumbra asolagábao todo. Agochadas entre as sombras, ducias de candeas apagadas semellaban agardar algo, pois crepitaban malia non ter luz. Ao seu carón, resaltaba unha morea de libros. Movido pola curiosidade e seguro de que alí atoparía algunha proba do escoitado, aproximouse. Non pousara o pé no chan cando sentiu ducias de ollos axexar os seus pasos.
    Decidiu quedar no sitio até asegurarse de que non corría perigo. Ademais non lle quedaría outra, un felino branco cae diante del, fitándoo coa desconfianza dun ser que non lle permitiría avanzar até que a ama aparecese. Un arrepío percorreu o corpo do rapaz pois, malia non atoparse diante da mesma morte, semellaba ser xulgado por unha pantasma.
    Levantou a vista nun intento de atopar a saída, mais ao facelo quedou atrapado nos remuíños dun río. A súa vida semellou deterse nese instante. Sentíase afogar como aquela noite en que caera ás augas no seu derradeiro intento de fuxir da casa. Daquela uns brazos foran o seu salvavidas. Agora, os mesmos ollos que o apreixaban decidiran darlle, polo momento, un respiro. Non sabería dicir canto tempo o observara esa muller, nin tan sequera podería adiviñalo, pois a súa presenza foi repentina, como se se fixese corpórea nese intre, ou como se fose quen de deter o tempo.
    -Buscabas algo? -interrogouno unha voz firme, desconfiada. Eses iris de auga afogaríano se non daba a resposta axeitada.

   -Sinto a molestia... Dona Angustias e dona Esperanza envíanme a recoller un saco de fariña de centeo -non puidera evitar a mentira. Tampouco lle importaba. Levaba tanto tempo vivindo nunha que até el era incapaz de saber onde estaba a verdade con exactitude.
    -Curioso... xusto onte levaron un... Non adoitan volver Até pasada unha lúa -a muiñeira sorriu e, mentres eses beizos se esparexían, Pío sentiu como o apreixaba unha semieira que penetraba cada capa da súa consciencia e inconsciencia.
    -En realidade... sentía os ollos cravados nos seus. Pódense agochar as lembranzas? De súpeto tiña a necesidade de borrar mesmo os recordos, os coñecementos, os acontecementos de toda unha vida, coma se estes puidesen ser usados contra el nalgún momento. Por primeira vez en moito tempo, a súa realidade cambaleábase como se fose o xulgado ... caeulles xusto despois de abrila. Foi unha desfeita! Estaban moi contrariadas...
       

 

 

 

Comeza o Concurso de contos de medo de Samaín


 

 

PRESENTACIÓN LUDIFICADA DA BIBLIOTECA AO ALUMNADO NOVO

Tiñamos preparados, para o alumnado de 1º de ESO, uns xogos para que coñeceran a biblioteca, o seu espazo, o seu funcionamento, as actividades que desenvolven, etc.
Pero un ataque zombie o cambiou todo... 
 AGORA ISTO XA NON É UN XOGO:
 É SUPERVIVENCIA.
Cómpre ter coidado de que non se confundan e que traballen en equipo para conseguir as claves e así poder abrir a caixa que contén a salvación de todos elxs e de todos nós!

 

O MUNDO ESTÁ NAS SÚAS MANS!!!!!!

(Dentro de pouco teredes máis noticias)

MÁIS INFORMACIÓN, NA IMAXE.

SAMAÍN ESTÁ AÍ! Concurso de Microrrelatos de medo.


 

24 de outubro: Día das bibliotecas

A SEN CONTO (Gemma Pasqual)

Non quería ser princesa, non quería ser liberada polo príncipe azul. Tampouco que o bico dun Príncipe  a devolvese á vida; nin que a salvase da explotación infantil, non quería esconderse na casa dos sete  ananiños e ser a súa criada ata que un príncipe a viñese rescatar. Non era capaz de renunciar á súa voz polo amor dun raparigo; nin esperaba que San Xurxo a salvase do  dragón. Nobres princesas condenadas a durmir ou ao silencio, por orde dunha  madrastra, dun pai ou dunha fada boa.

E  calzou os seus zapatos vermellos e fuxiu do seu conto, correu e correu buscando refuxio, converténdose nunha sen conto. Era unha sen libro, unha sen papeis, non a querían en ningures.

Nunha casca de noz navegou polo Mar das Letras, e naufragou. Nadaba  contracorrente, fortes ondas de frases afogábana, e cando se deu por vencida e se abandonou  á súa sorte, de súpeto, salvouna a capitá  Pippi  Långstrump, unha nena libre, xenerosa, que nunca se aburría, que se atrevía a cuestionar o razoamento dos adultos. Acompañada por  Matilda navegaban polo mar das letras para rescatar a todos aqueles personaxes que se aventuraban a cruzar o mar buscando un conto mellor. Heroínas con forte sentido da xustiza e do deber de protexer aos máis débiles.

Finalmente, despois de moitas tribulacións chegaron a porto seguro, o Porto da Biblioteca, o Paraíso do que lle falaba Borges. Un lugar cheo de tesouros afundidos, como lle dixera Virginia  Woolf; unha nave espacial que a levaría aos puntos máis afastados do universo; unha máquina do tempo que a transportaría ao pasado afastado e ao afastado futuro; unha saída a unha vida mellor, máis feliz e máis útil, como lle explicou Isaac  Asimov. Un lugar onde non necesitaba ser princesa para ser a protagonista de todos os contos.

Longa vida ás bibliotecas, refuxio de todos, tamén dos sen conto, dos sen libro, dos sen papeis, das nenas que non queren ser princesas e dos nenos que non queren ser heroes. Longa vida aos bibliotecarios e bibliotecarias, gardiáns do Paraíso, de máquinas do tempo e de grandes tesouros como son os libros.

O cartel desta edición do Día das Bibliotecas foi encargado ao ilustrador valenciano Miguel Calatayud e o pregón, a escritora tamén valenciana Gemma Pasqual.

Escritoras que falan do Amor

Tal como estaba previsto, entre as 16.30 e as 18 horas celebramos o día das Escritoras contando coa presenza das autoras de Ám@me.
Chis Oliveira, antiga alumna do noso IES, e Amada Traba fixeron unha primeira intervención para presentar a súa obra e incidir nalgúns dos aspectos tratados nela, logo chegou a rolda das  preguntas.
Dun xeito moi divulgativo reflexionamos sobre como aprender o concepto do amor e desaprender as ideas que sobre o mesmo herdamos como resultado dunha educación chea de prexuízos patriarcais e machistas e de mitos románticos, sobre o impacto da pornografía na educación sexual das novas xeracións ou como podemos modificar condutas para rexeitar o “mal amor” e vivir no “ben amar”, un amar que respecta a igualdade, a felicidade e dignidade de todo ser humano, buscando un enriquecemento recíproco; tampouco faltaron referencias aos “Comandos Igualdade” formados por mozos de distintas idades, identidades, orientacións sexuais e traxectorias vitais que seguindo a metodoloxía da aprendizaxe compartida inter pares falan de estereotipos, machismo, sexualidade ou diversidade.
Ao rematar aproveitamos para inaugurar o noso particular espazo “Arco da Vella”: un recanto acondicionado para a lectura, a consulta, o diálogo que poida ser o xermolo dun “Comando Igualdade” porque podemos ser todos máis o menos diferentes pero estamos moi unidos e comprometidos na consecución dunha sociedade máis equitativa e xusta tanto na órbita do público como do privado.

A "sin sombrero" María Silgar

Unha lectura moi acaída para celebrarmos o Día das Escritoras e para coñecermos mellor o protagonismo de Mª Ignacia Ramos Díez (María Silgar), unha “sin sombrero”, na obra de Ricardo Carbalho Calero, autor do Día das Letras 2020: Á sombra de María Silgar, Carvalho Calero contra a ‘historia única’ (xénese e análise d’ A xente da Barreira e Os señores da Pena) de Xulio Pardo de Neyra, Edicións Embora, 2019.

Unha densa e pormenorizada análise dun Carvalho Calero polígrafo mercé á intervención de Mª Ignacia Ramos, a súa esposa e compañeira. Esta descóbrese como unha das tantas e tantas mulleres silenciadas que, embora, destacaron con luz propia no planisferio das letras dunha Galiza adoito magoada. Do punto de vista integral e integrador, Pardo de Neyra aborda neste traballo o estudo do Carvalho primeiro novelista de Posguerra e o da Ramos Díez inspiradora, aleitadora e mesmo escritora. Co pano de fundo da Historia Social, por este texto aténdese á realidade que levou Carvalho a agasallar á literatura galega coas súas primeiras tentativas romancísticas logo da implantación do fascismo inaugurado en 1936, así como á do Carvalho docente, impulsor e inspirador do importante proxecto educativo do Colexio Fingoi de Lugo, un dos máis relevantes para a historia da educación galega (da presentación editorial)

Día das Escritoras

Dende o 2016 o luns máis próximo ao 15 de outubro, festividade de Teresa de Jesús, celébrase o Día das Escritoras para reivindicar o labor e legado das escritoras ao longo de historia, lembrar as dificultades ás que se enfrontaron e destacar o valor das súas obras.


No ano actual o tema proposto para esta celebración é o amor, considerado desde a perspectiva das mulleres. “Un territorio amplo, complexo e contraditorio, labiríntico, atravesado por luces e sombras, grandes paixóns, pero tamén desdichas”,  en palabras de Clara Sanchis, actriz e música, comisaria da actual convocatoria. Na selección de textos para a súa lectura polos que Sanchis decidiu apostar, ofrécese un percorrido en torno ao significado que deron as escritoras de todos os tempos a este poderoso sentimento que unha óptica contemporánea da creación literaria non podía deixar de revisar. A que chamamos amor? Existe palabra máis subxectiva, polisémica e suxestiva? Cal é a súa relación coa liberdade? As autoras trataron moito o tema do amor. Expresaron as súas moitas luces, pero tamén as súas sombras.
Entre as autoras escollidas están as galegas Concepción Arenal, Emilia Pardo Bazán e Maruxa Orxales, os seus textos e os das restantes escritoras podes lelos premendo aquí.


Tamén nesta mesma data celébrase a Editatona do Día das Escritoras, unha xornada de edición en Wikipedia para mellorar os contidos sobre escritoras. Esta actividade busca visibilizar o legado literario de autoras hispanas e hispanoamericanas a través da edición, creación e mellora de artigos na enciclopedia libre desde unha perspectiva de xénero.


No noso centro contaremos, neste día, coa presenza de Chis Oliveira e Amada Traba que nos falarán e coas que falaremos da súa obra Ám@me: quen mellor ca elas para falar sobre o amor e o sexo no século XXI?

Textos de Nobel

Olga Tokarczuk (Sulechów, Polonia, 1962) premio Nobel de literatura 2018, autora de poemas e novelas como Os corredores (2002) ou Os libros de Jacob (2014) apenas traducida ás linguas peninsulares, é a décimo quinta muller en gañar o Nobel de literatura e a segunda polaca, despois da poeta Wislawa Szymborska.

Esta filla de mestres formouse na biblioteca escolar que atendía o seu pai onde desde nena desenvolveu unha paixón lectora indiscriminada sobre a que, xa como autora, construíu a súa obra.

Le unha  mínima mostra da súa escrita premendo aquí.

E o premio Nobel de literatura 2019 correspondeu ao austríaco Peter Handke (1942) algunhas de cuxas principais novelas son O medo do porteiro ao penalti (1970), Lento regreso (1979), Carta breve para un longo adeus (1972) ou O ano que pasei na baía de ninguén (1994). É ademais poeta de envergadura e autor dun singular ciclo de ensaios.

Don Xoán (contado por si mesmo) é a súa única obra traducida ao galego. Tamén no 2016 representouse en versión galega a peza dramática da súa autoría Insulto ao público.

 Deste escritor Nobel podes ler Las alas del deseo aquí

Outubro 2019

Comezamos a selección de poemas do mes deste curso cun berro en lembranza das vítimas da violencia machista:

NIN UNHA VÍTIMA MAIS NIN UNHA MULLER MENOS!

EN PÉ, IRMÁS

TREMEN os nosos corpos atrapados
por cadeas machistas e patriarcaisportada
Despois de tanto,
hoxe non escribo nada novo.
Mulleres,
en pé!
Violan os nosos corpos
para perturbar as nosas mentes.
Tritúranos
ata desarranxar
calquera liberdade de pensamento
ata só ser cáscaras baleiras.
Mulleres,
en pé!
O MEDO PARALIZA
E POR ISO
DENDE AQUÍ.
FAGO UNHA CHAMADA
PARA LOITAR POLO PRESENTE CEIBE
     DE OPRESIÓN.
EN PÉ, IRMÁS!
Xuntas.     

                Desirée García Espadín (in  AA.VV,  Latexo Beat, Galaxia, Vigo, 2017, páx. 34)



by Dr. Radut