O martes 16 de novembro, con motivo do Día Internacional para a Tolerancia, e dentro do marco do noso Proxecto Integrado “Cidadáns do mundo” recibimos a visita de dous voluntarios de Mans Unidas e Ecos do Sur, Mabel Mougán e Djibril Faye. Mabel e Djibril conversaron co alumnado de 4º e 3º da ESO, respectivamente, sobre os campos de refuxiados e sobre a experiencia da emigración.
Djibril Faye, voluntario da ONGD Ecos do Sur, veu nesta ocasión coma colaborador da ONGD Mans Unidas da Delegación de Santiago. Mans Unidas leva 62 anos loitando contra a fame e a desigualdade nos países do cono sur apoiando á poboación no seu desenvolvemento con distintos proxectos (educativos, sanitarios , agrícolas ...) . Djibril traballa na ONG Ecos do Sur como mediador intercultural e como responsable do programa de acompañamento sanitario. Actualmente residente en A Coruña, Djibril é de orixe Senegalés, e compartiu coa rapazada de 3º ESO a súa experiencia como migrante chegado a Canarias e o seu periplo por España.
Djibril é quen de falar 6 linguas además do castelán e leva traballando en Ecos do Sur dende o ano 2008. O alumnado tivo unha actitude exemplar durante toda a charla. Agardamos que compartan a experiencia coas súas familias.
Pola súa parte, Mabel Mougán, voluntaria da ONGD Mas Unidas, relatou a súa visita a ONGD Kuchinate en Israel, colectivo de mulleres africanas, ao alumnado de 4º ESO. A organización Kuchinate ten como obxectivo dar acubillo a mulleres africanas, sobre todo de Eritrea e Sudán, que foxen dos seus países en busca dun futuro mellor, pero moitas delas acaban sendo vítimas da trata de persoas, encarceradas e violadas. Finalmente as que conseguen chegar a Israel son acollidas por esta ONGD que lles proporciona un fogar, axuda psicolóxica e un medio de vida coa elaboración de artesanía de crochet. Unha realidade, a destas mulleres, moi dura, xa que ademais de todo o dito hai que sumarlle o feito de que en Israel non teñen o recoñecemento de refuxiadas, o que fai que “non existan” legalmente, de aí a importancia desta entidade que lles proporciona a axuda necesaria para sobrevivir.
Grazas a Mans Unidas por prestarse desinteresadamente a aproximar estas realidades ao noso alumnado, e á nosa xefa do Departamento de Inglés, Pury Vez, por xestionalo. Agardamos seguir aprendendo e enriquecéndonos con outras experiencias neste curso, da man do noso proxecto "Cidadáns do mundo".