O pasado venres 18 de marzo, con motivo da Semana da Prensa, e vinculado ao noso Proxecto Documental Integrado deste curso, Cidadáns do mundo, o alumnado de 2º Bacharelato asistiu a unha charla dirixida por Roi Guitián, de Agareso ONG. Durante a charla Roi falou co alumnado sobre as noticias falsas, fake news ou bulos, explicándolles como se crean, como se propagan, o papel da burbulla de filtros na súa difusión, e a responsabilidade que temos nós como receptores de deter o seu percorrido. Falamos tamén da subxectividade na información, da elección motivada de imaxes ou titulares, do que se agocha detrás da elección de certo vocabulario e fotografías nos textos periodísticos para axudar a crear ese discurso de odio, e como ese discurso de odio pretende crear un clima de medo contra o "diferente".
Agardamos que a charla de Roi servise para estimular o espíritu crítico do noso alumnado e enriquecese a súa forma de enfrontarse á información que lles chega a través de medios e redes.
Moitas grazas a Roi Guitián e Agareso ONG por preparar esta actividade especialmente para nós.