Skip to Content

Benvida

O noso Centro

       

Debuxo realizado por: Pablo Antonio Meléndez Soto

       O 13 de outubro de 1983 inaugurouse o Instituto de Bacharelato Mixto de Boiro e cubríase así unha necesidade histórica para todo o alumnado que tiña que se desprazar a institutos doutros concellos. Nos recén cumpridos corenta anos de existencia do centro teñen pasado polas súas aulas millleiros de persoas cargadas de expectativas e centos de docentes que puxeron medras no prestixio do centro. Debido á súa situación privilexiada sobre a ría de Arousa, no curso 1998/99 o centro mudou o seu nome polo de IES Praia Barraña. Ao longo da súa historia, diferentes docentes aceptaron a responsabilidade de dirixiren o Instituto e, así, dende o primeiro, que foi José María Proupín Fernández até a última que é Andrea Herrero Pérez,pasaron outras moitas persoas como María Teresa Otero Suárez, Gonzalo Méndez Piñeiro, Rodrigo Rey López, José Pedrouzo Devesa, Xosé Deira Triñanes, Carlos Luis Rodríguez Río,  Inmaculada Robleda Castro, Mª Belén Arrojo Arrojo e Juan Carlos Couto. 

       Nun principio, o Instituto acolleu alumnado de BUP e C.O.U., mais coas diferentes reformas educativas foi ampliando a súa oferta e hoxe ten aulas con Programas de Mellora da Aprendizaxe e o Rendemento (PMAR), ESO e Bacharelato, onde, ademais das modalidades de Ciencias e Tecnoloxía, Humanidades e Ciencias Sociais, salienta a modalidade de Artes Plásticas Deseño e Imaxe, única impartida en toda a península do Barbanza, polo que o Centro recolle alumnado non só de Boiro senón tamén doutras vilas veciñas que quere estudar o bacharelato artístico.

          Con importantes logros na formación do seu alumnado, o IES Praia Barraña segue a acadar bos resultados nas titulacións da ESO ou nas Probas de Acceso á Universidade, e continuamente participa en proxectos cos que desenvolver unha educación transformadora onde o colaborativo, o valor do colectivo, a riqueza e reivindicación das diversidades, a relación coa contorna e a pedagoxía dos coidados conviven con proxectos de intercambio educativo, lingüistico cultural; un centro onde o STEAM é compatible coa práctica dunha educación lenta e onde a loita e as actuacións do Centro contra as desigualdades dos entornos familiares máis vulnerabilizados coexisten coa búsqueda tamén da excelencia. 

 

 

Distribuir contido


by Dr. Radut