Skip to Content

Barraña Deportiva. Maio natural

 

Como vén sendo habitual, os nosos profes de Educación Física, Pilar e Gustavo, organizaron, dentro do Proxecto Barraña Deportiva, as actividades do Maio Natural: saídas para gozar do deporte ao aire libre. Nesta ocasión todas a maioría das sesións desenvolvéronse arredor de deportes acuáticos: paddle surf, piragua-dragón, Kayak de mar, aventura nas árbores, remo e surf. Todos os alumnos e alumnas que participaron volveron encantados e desexando repetir. Estas actividades pretenden aproximar ao alumnado a deportes menos coñecidos e que poden resultar moi atractivos. Hai centos de actividades deportivas, todos e todas podemos atopar algunha que nos "enganche" e nos axude a levar unha vida máis saudable e disfrutar do noso tempo de lecer. Parabéns polo traballo, compañeiros, e esperamos repetir o vindeiro curso. 

Recomendacións Lectoras para o Verán

 Agora que rematan as clases e o Astro Rei comeza a deleitarnos co seu caluroso agarimo, dende a vosa biblioteca vos facemos esta serie de recomendacións lectoras que mesturan banda deseñada, ficción, ensaios y todo tipo de contidos ideais para ler tumbados ao carón dun vaso de zume ben fresco.

 

 

Climate Change.

Logo de ter traballado unha unidade didáctica sobre o cambio climático na materia de Inglés, o alumnado de 4ºC acudiu á praia para facer unha pequena batida de residuos coa súa profesora Pury Vez. No tempo que estiveron alí, recolleron, clasificaron e desbotaron nos contedores correspondentes unha morea de residuos, practicando o aprendido e axudando a reducir a nosa pegada. Podedes ver de preto todo o que recolleron na nosa conta de Instagram (@barranaenreda), pero arriba podedes ver a mostra. Dá que pensar, ou non?

Charla de Lucía Ixchíu e Carlos Ernesto cano, do Colectivo Festivales Solidarios (Guatemala)

 

O pasado xoves 12 de maio recibimos, grazas a Amnistía Internacional Barbanza, a Lucía Ixchíu e Carlos Ernesto Cano, activistas e xornalistas guatemaltecos. Ambos forman parte do colectivo Festivales Solidarios (podes seguilos en redes sociais @festivalesgt), grupo e espazo de investigación, documentación e arte para a memoria histórica, a defensa do territorio e a criminalización e prisión política dende o 2013.

A visita de Lucía e Carlos enmárcase no noso Proxecto Integrado “Cidadáns do mundo”, que durante este curso pretende que nos aproximemos a outras realidades, que coñezamos o mundo no que vivimos e as persoas, culturas  e diversidades que o habitamos.

Lucía e Carlos falaron co alumnado de 4º de ESO das causas polas que loitan co seu colectivo no seu país, Guatemala: a defensa do seu patrimonio natural fronte ás grandes multinacionais que pretenden esquilmalo, a protección das culturas nativas indíxenas, a denuncia da detención de activistas, e a protesta a través da arte: grandes festivais populares e intervencións artísticas para chamar a atención do mundo e loitar contra a inxustiza. Mediante a recuperación e intervención do espazo público por medio de festivais, grandes murais e accións de protesta fan visibles as súas reivindicacións.  Tamén nos falaron das dificultades que atopa a xente nova, e sobre todo as mulleres, no seu país.

Lucía e Carlos demostráronnos que as persoas, as nosas intención e accións, somos poderosas, e máis se nos xuntamos por un obxectivo xusto e común. Se queremos un mundo mellor, temos que ser partícipes da súa construción.

Fondo libros 2022/2023

Está aberto o prazo de participación no Fondo Solidario de Libros de Texto e das axudas para adquirir libros de texto e material escolar no curso 2022/23. 

-O prazo de presentación de solicitudes comeza o xoves 19 de maio de 2022 e remata o día 22 de xuño de 2022.

-As solicitudes presentaranse preferiblemente por vía electrónica no formulario normalizado (ED330B-anexos I e II) dispoñible na aplicación fondolibros (https://www.edu.xunta.gal/fondolibros/), a través da sede electrónica da Xunta de Galicia,https://sede.xunta.gal/portada.

Opcionalmente, poderá presentar as solicitudes presencialmente nos centros docentes ou en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Para a presentación electrónica de solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluíndo o sistema de usuario e Chave365.

-O formulario de solicitude tamén estará dispoñible nos centros educativos e na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal/portada.

 

 

Visita didáctica ao intermareal de Aguiño

O martes 3 de maio, os alumnos e alumnas de 1º de ESO e 1º de Bacharelato do IES Praia Barraña, acompañados polos seus profesores de bioloxía, Bea, Suso e Ana, achegáronse a Aguiño para estudar a zona intermareal, un hábitat que está cuberto de auga durante a marea alta e exposto ao aire durante a marea baixa.

 

Pola mañá, avanzando cara ao océano, a medida que a marea retrocedía, e a zona intermareal quedaba accesible, foron explorando as pozas de distinto tamaño e profundidade que ía formando a auga atrapada entre as rochas.  Pouco a pouco, descubriron que estas piscinas naturais estaban cheas de vida mariña que afloraba ante os seus ollos: caramuxos, arneiróns, mexillóns, actinias, ourizos de mar, lebres de mar, ofiuras, holoturias, estrelas de mar, cangrexos ermitáns, queimacasas, camaróns, ascidias coloniais, xunto cunha enorme variedade de algas e pequenos peixes. Tomaron fotos e puxeron a proba os seus coñecementos ata o mediodía, cando o mar comezou o seu ascenso, e houbo que emprender o camiño de volta, mentres as augas ían cubrindo de novo a zona intermareal e os seus habitantes.

Pola tarde, despois de comer, o grupo desprazouse  ata Corrubedo, para visitar a duna e disfrutar de tempo libre na praia antes de regresar a Boiro.

Distribuir contido


by Dr. Radut