O pasado xoves 12 de maio recibimos, grazas a Amnistía Internacional Barbanza, a Lucía Ixchíu e Carlos Ernesto Cano, activistas e xornalistas guatemaltecos. Ambos forman parte do colectivo Festivales Solidarios (podes seguilos en redes sociais @festivalesgt), grupo e espazo de investigación, documentación e arte para a memoria histórica, a defensa do territorio e a criminalización e prisión política dende o 2013.
A visita de Lucía e Carlos enmárcase no noso Proxecto Integrado “Cidadáns do mundo”, que durante este curso pretende que nos aproximemos a outras realidades, que coñezamos o mundo no que vivimos e as persoas, culturas e diversidades que o habitamos.
Lucía e Carlos falaron co alumnado de 4º de ESO das causas polas que loitan co seu colectivo no seu país, Guatemala: a defensa do seu patrimonio natural fronte ás grandes multinacionais que pretenden esquilmalo, a protección das culturas nativas indíxenas, a denuncia da detención de activistas, e a protesta a través da arte: grandes festivais populares e intervencións artísticas para chamar a atención do mundo e loitar contra a inxustiza. Mediante a recuperación e intervención do espazo público por medio de festivais, grandes murais e accións de protesta fan visibles as súas reivindicacións. Tamén nos falaron das dificultades que atopa a xente nova, e sobre todo as mulleres, no seu país.
Lucía e Carlos demostráronnos que as persoas, as nosas intención e accións, somos poderosas, e máis se nos xuntamos por un obxectivo xusto e común. Se queremos un mundo mellor, temos que ser partícipes da súa construción.