ANPA

CHARLA ABERTA Á COMUNIDADE EDUCATIVA SOBRE A LOMCE

CHARLA PARA TODA A COMUNIDADE EDUCATIVA COA FIN DE ANALIZAR A LOMCE

- Reválida...

- Competitividade....

- F.P. básica....?

- Consello Escolar consultivo....

 

Poñente: Profesor do Institituo Javier Dapena

INFÓRMATE, PARTICIPA E OPINA...

Mércores 28 de novembro ás 19.30 h.

Na aula de usos múltiples do IES PONTEPEDRIÑA

A ANPA apoia a FOLGA XERAL do 14 de Novembro

A ANPA do IES PONTEPEDRIÑA, comunica o seu apoio á FOLGA XERAL do próximo mércores 14 de novembro.

Como saberedes pola información que circula polos medios de comunicación, esta folga foi convocada de xeito internacional en varios países europeos. Ademais foi convocada, en toda España, por todos os sindicatos e apoiada por un amplo conxunto de asociacións entre as que se conta, en Galicia, a Plataforma Galega en defensa do Ensino Público e a Federación de ANPAS de Compostela, nas que esta ANPA está integrada.

A razón de que unha asociación de nais e pais se sume a unha folga xeral é que consideramos que estamos a atravesar un momento de emerxencia social: tras unha reforma laboral na que os traballadores/as vemos minguado os nosos dereitos, o paro segue medrando imparable, ao tempo que se recortan os salarios e os impostos soben, empobrecendo as clases medias de maneira palpable día a día e xerando máis pobreza.

Como ANPA, aféctanos moi directamente o desmantelamento dos servizos públicos, en especial os recortes en educación, que hipotecan o futuro dos nosos fillos e fillas. A educación sofre unha perda de calidade, co aumento do número de alumnos/as por aula ou a redución de profesorado tanto en primaria como en secundaria, por máis que tenten disfrazarse as cifras ou as intencións destas medidas. Ademais, non debemos esquecer que temos á vista unha nova lei de educación, que acabará coa atención á diversidade e coa optatividade. Unha lei que propiciará que o alumnado con máis carencias sexa apartado do sistema, agravando a fenda social entre as clases máis favorecidas  e as menos favorecidas. Unha lei que empobrecerá mais oa conxunto dos alumnos, xa que uns poucos poderán continuar os estudos conducentes a títulos universitarios provocando que a Educación Pública perda a súa función como instrumento para crear unha sociedade máis igualitaria. Unha lei que, ademais, eliminará a democracia dos centros educativos, ao retirarlle ao Consello Escolar todas as súas funcións e convertilo nun órgano consultivo, entregándolle ao director todas esas funcións e, mesmo, a postestade para admitir ao alumnado ou elixir persoal docente para o seu centro. Unha lei que, finalmente, usurpa as competencias que a nosa comunidade ten en Educación, outorgándolle ao Goberno Central o 65% do currículo e a potestade para realizar avaliacións e reválidas idénticas en todo o Estado, que condicionarán desde 3º curso de primaria, a aprendizaxe do alumnado; que desautorizarán ao profesorado no seu labor docente e que clasificarán os centros segundo os seus resultados. Os recortes en educación son só unha pequena parte das razóns que unen a un bo número de colectivos para sumarse a esta folga.

Pero por si sós son abondo para movernos, para unirnos, pedindo unha política que nos achegue a un futuro máis xusto, a unha sociedade máis igualitaria, a través dunha educación pública galega, de calidade e para tod@s.

Cremos que é moi importante que as autoridades perciban que non estamos de acordo co que nos están ofrecendo nin co que nos queren impoñer para o futuro, porque cremos que outra política económica e social é posible.

Coa participación de todos e todas, a nosa voz soará máis forte!

ACORDOS ASAMBLEA 17/10/2012

INFORMACIÓN ÁS FAMILIAS DO ALUMNADO DO IES
PONTEPEDRIÑA

SOBRE OS ACORDOS ACADADOS NA ASEMBLEA DA
ANPA AMOR RUIBAL

CELEBRADA O MÉRCORES 17 DE OUTUBRO DE 2012

 

As nais e pais do alumnado do IES de Pontepedriña, reunidos en Asemblea convocada pola ANPA o mércores 17 de outubro, abordamos os asuntos recollidos na orde do día da convocatoria e chegamos aos seguintes acordos:

Tras a lectura e aprobación das actas anteriores, procedemos á presentación da memoria do curso 2011-2012. Comezando polo estado de contas, entregáronse fotocopias da memoria económica que o tesoureiro, Anxo Regueiro, distribuiu entre os asistentes. A continuación, abordáronse as razóns polas que non se desenvolveron algunhas actividades, como a realización dun mural entre o centro e o pavillón, que, por cuestións burocráticas, ficou sen permisos para poder lévalo a cabo. Por falta de quórum, tampouco puidemos levar a bo porto a Escola de Pais. Pola contra, si se realizaron dun xeito moi satisfactorio dúas actividades: a Asemblea entre familias e docentes sobre os Recortes no ensino público e o Banco de Libros. Esta última actividade tivo umha grande repercursión, pois participaron arredor de 100 familias. A directiva ofrécese a repetir a experiencia no presente curso, tentando ampliar a oferta a Bacharelato, se o alumnado destes cursos asume a responsabilidade do intercambio. Os asistentes á Asemblea solicitan que, este curso, o Banco de libros estea ao servizo só dos soci@s da ANPA.

En segundo lugar abordamos o asunto da renovación e/ou ampliación de cargos na directiva da ANPA. Neste punto prestáronse a formar parte da directiva, en calidade de vogais, tres persoas cuxos fill@s  veñen de incorporarse ao centro no presente curso: Eva Esperante, Yiya Pita e Suso Domínguez.

En terceiro lugar abordamos as propostas para o novo curso académico. Informamos de que as actividades de Teatro e Baloncesto foran as máis solicitadas (nas poucas enquisas que se devolveron cubertas). A presidenta da ANPA sinala que, desde esta directiva, consideramos que a ANPA non debe ser unha xestora de actividades extraescolares; polo que, a actividade de baloncesto non se leva a cabo porque o centro non puido asumir a súa organización, mentres que a actividade de teatro foi arriba porque o Equipo de Normalización e Dinamización Lingüística do centro asumiu a organización e coordinación da actividade, responsabilizándose a ANPA só de darlle cobertura económica. Esta actividade resulta gratuíta para todo o alumnado do centro (sexa ou non soi@ da ANPA), pois o finazamento da mesma corre a cargo das cotas d@s soci@s da ANPA, polo que algúns dos asistentes á Asembela solicitaron que, para o vindeiro curso, a actividade só resultara gratuíta para os sici@s da ANPA. Desde a Directiva da ANPA, infórmase que era ésta unha actividade do Instituto recollida no Plan anual do Centro polo que a ANPA non ten capacidade de decisión na admisión do alumnado.

Por último, abordamos a situación na que se atopa o Ensino Público e propoñemos a integración da nosa ANPA na Plataforma Galega en defensa do Ensino Público, proposta aprobada co voto a favor de todos os asistentes. Tamén se propón a integración da nosa ANPA na Federación de ANPAS de Compostela, proposta aprobada con 27 votos a favor, 1 abstención e 0 en contra.

No apartado de Rogos e Preguntas proponse:

A directiva da ANPA: A inmediata convocatoria dunha Asemblea de toda a comunidade educativa para analizar a LOMCE (nova lei para Educación, popularmente coñecida como a Lei WERT).

A voceira de AFS Intercultura: A difusión de información da súa asociación, que organiza estancias de nen@s noutros países para coñeceren outras culturas.

Unha nai, socia da ANPA: A participación do noso centro no Programa Comenius.

Unha nai, socia da ANPA: A creación dun Baco de Tempo.

Un pai, soicio da ANPA: a divulgación entre a comunidade educativa da postura da ANPA con respecto á FOLGA Xeral do Mércores 14 de novembro.

ANPA, Amor Ruibal, do IES de
Pontepedriña

En Santiago de Compostela a 17 de Outubro de 2012

BANCO DE LIBROS

A ANPA pon en marcha este curso, para poder desfrutalo o curso 2012-13, un “banco de libros”. Esta iniciativa consiste en que se poden entregar os libros utilizados este curso polos vosos fillos e fillas e, a cambio, pódense recibir os libros do próximo curso. Por exemplo, eu entrego os libros da miña filla de 1º e, a cambio, recibo os de 2º doutra nen@ que tamén os teña entregado.
Como podedes imaxinar, organizar isto non é un proceso sinxelo e require da boa vontade e colaboración de todas as persoas interesadas. O máis importante é pensar que podemos entregar os libros que xa non imos necesitar e permitir que outra persoa os utilice antes que almacenalos para os nosos netos ou tiralos á cacharela. É unha cuestión de solidariedade!
A ANPA tomará nota das persoas que entreguen libros. Posteriormente, os libros recibidos de cada curso repartiranse entre as persoas que entregaran os do curso anterior. As persoas encargadas de recollelos comprobarán que os libros se atopan en bo estado (enteiros e limpos, borrados, con typex…). A data para a recollida dos libros de texto será a indicada pola directiva do instituto: día 27 de xuño entre as 10:00h. e as 14:00h.
Recolleremos os seguintes libros:
? En 1º ESO: Recolleremos os libros de todas as materias agás os de Ciencias da Natureza e Lingua Castelá, porque nestas materias cambian de libro.
? En 2º ESO: Dado que os libros corresponden ao derradeiro ano do programa de gratuídade, será o centro quen os recolla, o mesmo día e á mesma hora, para poñer a disposición do alumnado que inicie este curso.
? En 3º ESO: Recolleremos os libros de todas as materias, agás Bioloxía e Xeoloxía, porque nesta materia cambian de libro.
? En 4º ESO: Dado que os libros corresponden ao derradeiro ano do programa de gratuídade, será o centro quen os recolla, o mesmo día e á mesma hora, para poñer a disposición do alumnado que inicie este curso.
Tras a recollida, o reparto de libros realizarase o luns 2 de Xullo entre as 18:00h. e as 20:00h.
SE ALGUNHA PERSOA ESTIVESE INTERESADA E NON PUIDESE PASAR POLO
INSTITUTO O MÉRCORES 27 DE XUÑO OU O LUNS 2 DE XULLO NAS HORAS INDICADAS, PODE POÑERSE EN CONTACTO COA ANPA :
? TEL: 663588556 (Luísa)
? Correo-e: anpa.pontepedrina@yahoo.es
? http://www.edu.xunta.gal/centros/iespontepedrina/
Moitas grazas pola vosa colaboración!                                   A ANPA

ASAMBLEA INFORMATIVA sobre as consecuencias do RD 14/2012 na vida dos centros escolares

Convócase á Comunidade educativa do IES Pontepedriña ( nais, pais, profesorado, ...), a iniciativa da ANPA e co visto e prace do Consello escolar, a unha ASAMBLEA INFORMATIVA sobre as consecuencias do RD 14/2012   na vida dos centros escolares.

( Real decreto 14/2012, de 20 de abril, de medidas urgentes de racionalización del gasto público en el ámbito educativo)

A  Asamblea terá lugar o xoves 14 de xuño ás 19,30 horas nas dependencias do instituto.

CHARLA PARA NAIS E PAIS (SEXUALIDADE E FILLOS ADOLESCENTES)

Estimados compañeiros:

o vindeiro luns 28 de maio ás 18:00 horas terá lugar no I.E.S. A. Xelmírez II a terceira charla da Escola de Nais e Pais, CHARLA-CAFÉ SOBRE SEXUALIDADE orientada a nais e pais con fillos adolescentes, a
cargo de I. Redondo e P. Otero, traballadoras sociais. Están invitadas todas aquelas persoas que queiran asistir.

Agradecemos efusivamente a difusión desta información entre as ANPAS e as comunidades educativas en xeral, así como que se poidan colocar copias do cartel que enviamos. 

·       
Isabel Redondo,
traballadora social do Centro de Saúde de Vite

 ·       
Patricia Otero,
traballadora social e animadora sociocultural

 ORGANIZADO POR:

ANPA I.E.S. A. XELMÍREZ II, U.M.A.D., COORDINADORA DO

BARRIO DE VITE, CENTRO DE SAÚDE DE VITE.

Manifesto da Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público

http://plataformagalegadefensaensinopublico.blogspot.com.es/

 

A comunidade educativa galega a través de diferentes entidades (organizacións sindicais, ANPAS, movementos de renovación pedagóxica, organizacións estudantís partidos políticos...) constituiu unha Plataforma Galega en defensa do Ensino Público para manifestar o noso rexeitamento ao Real Decreto-Lei 14/2012, publicado polo goberno do Estado, esixir da Consellaría de Educación que non aplique en Galiza ningún dos recortes contidos no RD Lei e que o recorra por invadir as competencias que en materia educativa ten a Xunta de Galiza.

E Educación é un dereito, un dereito de todas e todos, que os gobernos teñen a obriga de garantir nas mellores condicións posíbeis. Só a través do ensisno público se poden minorar as diferenzas sociais e se poden formar as xeracións do futuro nos valores de liberdade, da igualdade, dos dereitos humanos e da democracia. O ensino non é unha mercadoría. Nunca pode  ser medido con criterios de rendibilidade económica. A súa oferta e calidade debe estar garantida para todas e parta todos, independentemente da procedencia socioeconómica ou xeográfica de cadaquen, aplicando as medidas compensatorias necesarias para garantir a igualdade de oportunidades. Por iso mesmo, nun momento de crise económica é cando cómpre fortalecer os servizos públicos e manter as dotacións necesarias para que non perdan calidade e para que o conxunto da cidadanía, esa que está a sufrir a crise, non se vexa privada dos seus dereitos.

Máis iso non é o que sucede hoxe. O actual goberno galego veu aplicando sucesivos recortes ao ensino público e reduciu en 425 millóns os orzamentos en relación aos do ano 2009, o que provocou a perda de máis de 2000 docentes e a consguinte falta de dotación necesaria para facer fronte á atención á diversidade, ao reforzo educativo e ás necesidades educativas especiais, é dicir, a todas as necesidades que ten o sistema educativo galego. Xunto a isto, a Administración galega eliminou a gratuidade dos libros de texto e non cobre as baixas do profesorado inferiores a quince días. Gastáronse millóns de euros en tirar con libros por estaren en galego e en facer propaganda da eliminación da gratuidade dos libros mentres se mantiñan e se incrementaban as axudas aos centros privados concertados, mesmo cando segregan o alumnado por sexo.

A socieade galega non merece que o ensino, medio onde deben medrar e formarse as xeracións do futuro, sexa tido en tan pouca consideración polo goberno galego. Co pretexto da crise, golpéase, de maneira grave, o ensino público, pondo en cuestión o dereito á educación da das clases populares. Por iso, pedímoslle que rectifique e que, como primeira medida, se posicione en contra dos recortes que agora nos quere aplicar o goberno do Estado.

As medidas que se propoñen buscan reducir o profesorado dos centros (despedindo miles de docentes), incrementar o número de alumnado por aula (masificando as aulas), reagrupar alumnado di diferentes niveis educativos nunha mesma aula e reducir a oferta educativa. Todas estas medidas dificultan o acceso á educación das clases sociais máis desfavorecidas, van contra a calidade do ensino e significan maior fracaso escolar.

Os recortes propostos, de levárense a cabo, suporán:

  • Incrementar as ratios a 30 alumnos/as en Infantil e primaria, 36 en Secundaria e 42 en Bacharelato. Esta medida provocará a masificación das aulas, impedirá unha atención personalizada do alumnado e atender as necesidades educativas específicas, e suporá menor calidade do ensino e maior fracaso escolar.
  • Impor unha xornada lectiva semanal mínima para o profesorado de 25 horas en Primaria e 20 en Secundaria. Isto traducirase, entre outras consecuencias, en que o profesorado terá que impartir materias das que non é especialista, completar horario noutros centros, incrementando as itinerancias, e dificultará a realización doutras funcións necesarias para o funcionamento do centro e para a mellora da calidade do ensino.
  • Non substituír o profesorado de baixa. Será un prexuízo para o centro e para o alumnado que as baixas non se cubran até que pasen catorce días (dez días lectivos). Os centros verán alterado o seu plan de traballo cada vez que se produza unha baixa e o alumnado terá que ser atendido por profesorado de diferentes especialidades á do substituído/a, conculcando o dereito á educación de propio alumnado.
  • Eliminar o requisito de ofertar dúas modalidades de bacharelato. Isto ten graves consecuencias na formación do alumnado que deberá desprazarse cando no conte na súa localidade coa modalidade de bacharelato que quere cursar. Esta medida afasta os servizos dos ámbitos non urbanos, detraendo aínda máis poboación ao rural, e reduce o acceso ao ensino superior, pois non todo o alumnado estará en condicións de custearse os desprazamentos, o que incrementará o abandono escolar e dificultará que cursen os estudos desexados.
  • Adiar a implantación de ciclos de formación profesional. O atraso da posta en marcha destes ciclos prexudica gravemente as persoas que, precisamente nun momento de crise económica, buscan unha mellor e máis actualizada formación, entre elas moitas persoas paradas.
  • Incrementar as taxas universitarias. Tratáse dunha suba desorbitada, que pode superar o 50% e que se fixará en función do custo das titulacións. Isto achegará o prezo das matrículas ao que hai nas universidades privadas e impedirá que as universidades públicas continúen a cumprir o papel de inclusión e igualdades social.

A Plataforma Galega en Defensa do ensino Público rexeita estes recortes, denuncia que con eles se ataca gravemente o ensino público e a súa calidade, así como o dereito de igualdade de oportunidades do alumnado, que aumentará o fracaso escolar e despedirá máis de 2000 profesores/as. Por todo isto, esiximos que o goberno galego actúe como tal e non se someta a decisións que van en contra do ensino galego, que se negue, rotunda e publicamente, a aplicar calquera das medidas contidas no RD Lei 14/2012 e que presente recurso por invasión de competencias

ENQUISA+ACTIVIDADES 11-12

 

 


 

          tlf.65955510

anpa.pontepedrina@yahoo.es 

A ANPA Amor Ruibal do IES Pontepedriña quere informar ás familias dos seus vindeiros proxectos destinados a fomentar unha maior convivencia escolar. Deste xeito cremos que sería interesante saber..

- como navegan @s nos@s fill@s coas novas tecnoloxías pola Internet na etapa da adolescencia.

- como ensinarlles a facer un consumo máis responsable.

- cales son as preferencias d@s nos@s fill@s por algunha actividade física, deportiva, cultural, de ocio…

Enviámosvos unha enquisa á que nos gustaría que respondésedes para deste modo facilitar a organización dalgunha das actividades que satisfagan á maior parte dos rapaces-zas.

 

IDADE: _______
                                               CURSO: _______       

SEXO: M ____  F ____
                                      DATA: _________________

          
 

1.   PARTICIPARÍA EN ACTIVIDADES EXTRAESCOLARES ORGANIZADAS POLA ANPA DO INSTITUTO SE ALGUNHA FOSE DO TEU AGRADO?

SI ____
        NON ____
                                    
POR QUE?

______________________________________________________________________________________

2. DAS SEGUINTES ACTIVIDADES EN CAL CHE GUSTARÍA PARTICIPAR?  LÚDICAS, SOCIAIS, CULTURAIS, DEPORTIVAS, ARTÍSTICAS, PLÁSTICAS (MANUALIDADES), ECOLÓXICAS...

      

ESPECIFICA CAL OU CALES
______________________________________________________________________________________

______________________________________________________________________________________

3. PENSAS QUE TÉS TEMPO PARA PARTICIPAR EN ACTIVIDADES ORGANIZADAS POLA ANPA NO INSTITUTO:

SI _____
                    
  NON _____
                                                 POR QUE? _____________ _____________________________________________________________________________________

4.   A PRINCIPAL RAZÓN POLA QUE NON PARTICIPARÍAS EN ACTIVIDADES EXTRAESCOLARES NO TEU INSTITUTO É (ELIXE SÓ UNHA):

NON ME INTERESAN__
   NON TEÑO TEMPO__                  NON PODO INVESTIR OS CARTOS NISTO___

 

5. NA CREACIÓN DO BANCO DE LIBROS, ESTARÍAS DISPOSTO/A A COLABORAR NA ORGANIZACIÓN?:    SI_____________           NON___________

CEDERÍAS OS LIBROS?    SI___________        NON________  POR QUE?____________________

___________________________________________________________________________________

 



PD.: Asóciate a ANPA e participa. A Comunidade Escolar formámola o profesorado, os alumnos e as alumnas e as nais e pais do alumnado. Coa túa participación somos máis fortes para defender o que é de todos!(O boletín de inscrición xa foi enviado por medio dos alumn@s, pero tamén é posíbel dispoñer del baixándoo da páxina WEB de Instituto).

                   

EN TORNO ÁS ACTIVIDADES SOBRE AS QUE ESTAMOS A TRABALLAR, GUSTARÍANOS  ACHEGARVOS A SEGUINTE
INFORMACIÓN:

 

1. A ANPA está a promover un mural na contorna do Instituto coa colaboración do Profesorado de Debuxo e unha ampla representación do alumnado do Instituto. Estamos á espera da licenza correspondente do Concello.

 

2. No que se refire au uso seguro das tecnoloxías da información e da comunicación, A ANPA púxose en contacto con Quérote+  coa fin de elaborar, xunto con outros IES de Santiago, algúns obradoiros adaptados a pais/nais. Xa vos iremos indicando as datas nas que se desenvolverían estes obradoiros.

 

3. A ANPA QUERE CREAR UN BANCO DE LIBROS

Trala supresión do préstamo de libros por pare do Goberno da Xunta de Galicia, este ano obrigaron a mudar de libros aos cursos de 1 e 3º da ESO, polo que o vindeiro curso corresponderíalle ao alumnado de 2º e 4º de ESO o cambio de libros. Ata agora, as mudanzas dos libros de texto producíanse cada 4 anos. Isto seguría sendo así, sempre e cando non fose aprobada a reforma que presentou no Congreso dos Deputados o novo ministro de Educación.



A ANPA vén de reunirse coa Dirección de Centro e presentarlle, entre outras cousas, a necesidade de continuar, alomenos en 4º da ESO, un ano máis cos mesmos libros. Os motivos: cesión de libros entre irmáns, editoriais que non ven rendible editar un novo libro que teña vixencia un só curso, descoñecemento do que sucederá coa nova reforma educativa...



DESDE A ANPA cremos que é unha necesidade  a creación dun Banco de Libros. Pero para isto precisamos saber que alumnado estaría disposto a ceder os seus libros  en 1º, 2º, 3º e 4º da ESO e que familias dispoñerían de tempo para colaborar nesta tarefa.



As respostas podedes envialas a través do enderezo electrónico da ANPA anpa.pontepedrina@yahoo.es ou depositándoa no Buzón do Instituto

  



SAÚDOS



 

TRANSTORNO POR DÉFICIT DE ATENCIÓN CON HIPERACTIVIDADE

 


CHARLA:


TRANSTORNO POR DÉFICIT DE ATENCIÓN CON HIPERACTIVIDADE


 


  



Relatores:


Rosa Cascallar Rial (psicóloga)


Jorge Allende Marín (pedagogo)


Teresa Pardo de Vera (pedagoga)


 


 


XOVES 12 DE XANEIRO ÁS 19,30


CENTRO SOCIOCULTURAL O ENSANCHE


 


 


ASOCIACIÓN COMPOSTELANA DE NEN@S HIPERACTIVOS


R/ Romero Donallo 29, Santiago de Compostela


Telf. 981 52 50 07   htpp://www.anhsantiago.es.tl


acnhsantiago@gmail.com

ACORDOS ASAMBLEA DA ANPA 15/11/2011

ERRO NA CARTA ENVIADA AOS PAIS/NAIS

Os datos que faciamos referencia do noso centro debemos consideralos como datos estimativos que proceden das distintas conversas cos nosos fillo/as. Publicadas as vacantes provisionais para o concurso de traslado quedaría unha praza (matemáticas) sen cubrir

 


INFORMACIÓN ÁS FAMILIAS DO ALUMNADO DO IES PONTEPEDRIÑA
SOBRE OS ACORDOS ACADADOS NA ASEMBLEA DA ANPA "AMOR RUIBAL"
CELEBRADA O MARTES 15 DE NOVEMBRO DE 2011

 


As nais e pais do alumnado do IES de Pontepedriña, reunidos en Asemblea convocada pola ANPA o Martes 15 de Novembro, abordamos os asuntos recollidos na orde do día da convocatoria e chegamos aos seguintes acordos:
1.    Tras a lectura e aprobación das actas anteriores, procedemos á presentación da actual directiva para, a continuación, abordar a primeira das propostas, relacionada co peso das mochilas dos nosos fillos/as; a este respecto acordamos manter unha entrevista co equipo directivo para habilitar os armarios das aulas como espazo para que o alumnado poida gardar o material que non precise levar a casa. Tamén falamos da existencia nalgún centro privado-concertado de Compostela de libros dixitais que a Consellaría de Educación dotou de contidos, feito que recibimos como un agravio comparativo, posto que a función da Administración  en Educación é velar polos intereses e sufragar as necesidades dos Centros Públicos.
2.    En segundo lugar abordamos o asunto do Banco de Libros, relacionado coa eliminación da gratuídade dos libros de texto; a este respecto acordamos xestionar a recollida de libros usados, ao final de cada curso académico, creando un Banco de Libros, cuxas normas de uso serán difundidas ao inicio do terceiro trimestre, procurando dar un servizo ás familias que non poidan ou non desexen mercar novos libros.
3.    En terceiro lugar abordamos a proposta de Actividades extraescolares e Obradoiros; a este respecto acordamos pasar unha enquisa entre o alumnado coa fin de averiguar os seus intereses en torno á realización de actividades fóra do horario lectivo. Ademais acordamos propor ao equipo directivo a celebración de, cando menos, tres Obradoiros para realizar co alumnado en sesión lectiva, coincidindo co final de cada trimestre. O primeiro dos Obradoiros proposto trataría do Comercio Xusto e o seu obxectivo sería a educación para un consumo equilibrado e respectuoso ante a chegada das Festas do Nadal.
4.    Por último, abordamos a situación na que se atopa o Ensino Público; a este respecto elaboramos a seguinte análise da situación:

Esta nova directiva da ANPA considera que se como nais e pais traemos os nosos fillos/as a un centro público é porque cremos na Institución Pública da Ensinanza , porque  defendemos os servizos públicos e sabemos que a educación é o que vai garantir unha maior igualdade de oportunidades para os nosos fillos/as, polo tanto é unha das maiores preocupacións das familias.
Nos últimos anos, ao longo da presente lexislatura, reduciuse o orzamento para o ensino público nun 7’4%:
•    O orzamento de 2009 foi de 2389 millóns de euros
•    O orzamento de 2010 foi de 2379 millóns de euros
•    O orzamento de 2011 foi de 2222 millóns de euros
•    O orzamento previsto para 2012 será de 2210 millóns de euros, é dicir, 12 mil euros menos que este curso, malia o incremento de alumnado matriculado.
Dado o actual contexto de crise económica poderiamos, nunha situación límite, entender esta precariedade se os recortes efectuados no Ensino Concertado-Privado non fosen moito menores dos que se están a levar a cabo no Ensino Público. Os Centros de Ensino Privado-Concertado viron reducidos os investiventos da Administración pública só nun 3’5% e, nalgúns casos, mesmo viron incrementadas as actuacións da Administración Pública para crear neles novas unidades ou para dotalos de recursos relacionados coas novas tecnoloxías.
Na práctica, os recortes nos Centros de Ensino Público concrétanse en:
•    Máis de 1000 docentes menos
•    Aumento de funcións non docentes (garda-custodia do alumnado transportado)
•    Dificultades para atender Bibliotecas, gardas, titorías, atención a nais e pais…
•    Aumento do número de alumnos por aula (até 30 na ESO e os mesmos en Bacharelato, sen contar o alumnado que repite curso)
•    Dificultades para a creación de agrupamentos específicos, para dispor dun profesor de reforzo, para atender ás necesidades específicas do alumnado, para atender á diversidade…
•    Materias impartidas por profesorado non especialista.
•    Redución do orzamento para a formación do profesorado dun 24% a un 3%.
•    Eliminación dos orzamentos destinados á Dinamización da Lingua Galega.
•    Supresión da gratuídade dos libros de texto. (Se ben foron destinados dous millóns de euros para cambiar os libros que foran editados en galego nas materias que agora son de obrigada impartición en castelán).
    Ao longo do curso pasado, esta situación levou a que se iniciaran tímidas protestas por parte dos sindicatos con presenza na mesa sectorial de Educación.
O 23 de xuño de 2011 a Consellería publicou unha Orde que modificou as condicións de traballo tanto para o ensino en Infantil e Primaria como para Secundaria. O incremento do horario lectivo do profesorado non implica en ningún caso a mellora da calidade de ensino ou do número de horas de atención ao alumnado, pois ese incremento está destinado a encher os ocos provocados pola redución no número de docentes e á realización de funcións non docentes, como a garda-custodia do alumnado transportado.
    Ante esta situación, o curso actual iniciouse con numerosas mobilizacións, actos de protesta e folgas (de profesorado e de alumnado) nos Centros Públicos.
    Hai que ter en conta que non todos os Centros Públicos se atopan na mesma situación, nalgúns os recortes levaron á supresión de Departamentos Didácticos, noutros nótase especialmente no aumento do número de alumnos/as por aula e na redución do número de profesores/as.
    Ollando a sociedade na que nos atopamos inmersos, cremos que debemos sumarnos á postura que, EN DEFENSA DO ENSINO PÚBLICO, manteñen a FEDERACIÓN DE ANPAS DE COMPOSTELA e a CONFAPA, tal e como se recolle nos distintos comunicados que ao longo deste trimeste foron facendo públicos.

5.    Finalmente, tras a análise anterior, buscando o consenso de toda a comunidade educativa, acordamos presentar ante o Claustro de profesores/as, o Consello Escolar e o Alumnado do noso centro un escrito para reclamar ao Conselleiro de Educación a defensa dun Ensino Público de calidade. Eis o escrito:

SEÑOR CONSELLEIRO DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA:
Desde a ANPA AMOR RUIBAL do IES de PONTEPEDRIÑA en Santiago de Compostela, pensamos que é necesario expoñer a nosa opinión diante dos problemas que estamos a vivir no presente curso académico; problemas que nos veñen dados pola decisión da Consellería de Educación de efectuar unha drástica redución do investimento no Ensino Público, debido ao cal a Comunidade Educativa está a mobilizarse desde finais do curso pasado.
Como  as demais ANPAS de Santiago, opoñémonos a calquera medida de recorte na educación pública que afecte directa ou indirectamente á educación dos nosos fillos e fillas, nomeadamente, se eses recortes se realizan nas horas que o profesorado lles adica.
A Consellería de Educación está a cambiar as horas que o profesorado adicaba ás actividades complementarias, ás excursións, ós festivais, á atención individualizada das necesidades de cada neno, en moitos casos urxentes e inaprazables, por outras función alleas ao labor docente e pola redución de postos de traballo. Como sabemos que a educación é moito máis que unha clase presencial, consideramos que o aumento de carga lectiva provoca unha redución do número de docentes e isto conleva o aumento da ratio nas aulas (a menos profesorado, máis alumnado!), o que provoca un déficit na calidade de ensino. Por iso rexeitamos:
•    o aumento do número de alumnos/as por aula
•    que o alumnado repetidor non sexa tido en conta á hora de elaborar as ratios
•    que o profesorado se vexa obrigado a impartir docencia dunha materia da que non é especialista
Ante esta situación que estamos a ollar ao noso arredor, nós non podemos quedar en silencio pois cremos que se ben é certo que investir en educación é caro, non facelo resultará, a medio e longo prazo, carísimo, posto que son os nosos fillos e fillas quen verán seriamente comprometido o seu futuro.

Asdo.: A Asociación de Nais e Pais Amor Ruibal, do IES de Pontepedriña
En Santiago de Compostela a 15 de Novembro de 2011

Estás de acordo en que a Directiva da ANPA envíe a carta ao Conselleiro?
SI ?                NON   ?                                                Curso do seu fillo/a:

A resposta deberase enviar ao correo de:      anpa.pontepedrina@yahoo.es
Pode consultar estes documentos na WEB do Instituto ANPA

 


Distribuir contido