A ANPA apoia a FOLGA XERAL do 14 de Novembro

A ANPA do IES PONTEPEDRIÑA, comunica o seu apoio á FOLGA XERAL do próximo mércores 14 de novembro.

Como saberedes pola información que circula polos medios de comunicación, esta folga foi convocada de xeito internacional en varios países europeos. Ademais foi convocada, en toda España, por todos os sindicatos e apoiada por un amplo conxunto de asociacións entre as que se conta, en Galicia, a Plataforma Galega en defensa do Ensino Público e a Federación de ANPAS de Compostela, nas que esta ANPA está integrada.

A razón de que unha asociación de nais e pais se sume a unha folga xeral é que consideramos que estamos a atravesar un momento de emerxencia social: tras unha reforma laboral na que os traballadores/as vemos minguado os nosos dereitos, o paro segue medrando imparable, ao tempo que se recortan os salarios e os impostos soben, empobrecendo as clases medias de maneira palpable día a día e xerando máis pobreza.

Como ANPA, aféctanos moi directamente o desmantelamento dos servizos públicos, en especial os recortes en educación, que hipotecan o futuro dos nosos fillos e fillas. A educación sofre unha perda de calidade, co aumento do número de alumnos/as por aula ou a redución de profesorado tanto en primaria como en secundaria, por máis que tenten disfrazarse as cifras ou as intencións destas medidas. Ademais, non debemos esquecer que temos á vista unha nova lei de educación, que acabará coa atención á diversidade e coa optatividade. Unha lei que propiciará que o alumnado con máis carencias sexa apartado do sistema, agravando a fenda social entre as clases máis favorecidas  e as menos favorecidas. Unha lei que empobrecerá mais oa conxunto dos alumnos, xa que uns poucos poderán continuar os estudos conducentes a títulos universitarios provocando que a Educación Pública perda a súa función como instrumento para crear unha sociedade máis igualitaria. Unha lei que, ademais, eliminará a democracia dos centros educativos, ao retirarlle ao Consello Escolar todas as súas funcións e convertilo nun órgano consultivo, entregándolle ao director todas esas funcións e, mesmo, a postestade para admitir ao alumnado ou elixir persoal docente para o seu centro. Unha lei que, finalmente, usurpa as competencias que a nosa comunidade ten en Educación, outorgándolle ao Goberno Central o 65% do currículo e a potestade para realizar avaliacións e reválidas idénticas en todo o Estado, que condicionarán desde 3º curso de primaria, a aprendizaxe do alumnado; que desautorizarán ao profesorado no seu labor docente e que clasificarán os centros segundo os seus resultados. Os recortes en educación son só unha pequena parte das razóns que unen a un bo número de colectivos para sumarse a esta folga.

Pero por si sós son abondo para movernos, para unirnos, pedindo unha política que nos achegue a un futuro máis xusto, a unha sociedade máis igualitaria, a través dunha educación pública galega, de calidade e para tod@s.

Cremos que é moi importante que as autoridades perciban que non estamos de acordo co que nos están ofrecendo nin co que nos queren impoñer para o futuro, porque cremos que outra política económica e social é posible.

Coa participación de todos e todas, a nosa voz soará máis forte!