O conselleiro de Educación visitou o luns 11 de decembro o IES Pedro Floriani e anunciou que a Xunta de Galicia publicará antes de final de ano as licitacións das obras que permitirán “mellorar as infraestruturas para adaptalas ás novas demandas educativas e sociais” en liña co Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica. “Queremos que Galicia sexa o mellor lugar para formarse e por iso traballamos para que os nosos colexios e institutos sexan cada vez máis confortables e modernos”, afirmou Román Rodríguez.
A principal actuación anunciada é a ampliación do IES Pedro Floriani, un centro formado por varios edificios que ofertan distintas etapas e modalidades formativas. Neste caso, a Xunta investirá 1,9M € para ampliar o centro en máis de 700 m2 e dotalo de novos espazos e servizos co fin de reforzar a oferta de Formación Profesional mediante a creación de novas aulas polivalentes e técnicas coa superficie axeitada. Ademais, o proxecto complétase coa substitución das cubertas do centro.